Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 811

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de xaneiro de 1998 pola que se prorroga a validez para o ano 1998 de diversas ordes de xestión de axudas.

Pola Orde do 26 de decembro de 1996, da entón Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, convocáronse axudas para os productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 1997/1998 e das primas en beneficio dos

productores de carne de ovino e cabrún, dos productores de carne de vacún e dos que manteñen vacas nutrices para o ano 1997 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por senllas ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ambalas dúas do 26 de febreiro de 1997, convocáronse axudas para o consumo de aceite de oliva e para outorgar restitucións á producción de aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas.

Por Orde do 4 de marzo de 1997, da entón Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, convocáronse axudas para outorgar restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz.

A súa vez, por Orde do 1 de abril de 1997, tamén da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, convocáronse axudas para a comercialización temperá de xatos.

Polo Decreto 371/1997, do 27 de decembro, regúlase a aplicación da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 1997 para o exercicio do ano 1998. Con cargo ó orzamento prorrogado, existe crédito adecuado e suficiente para efectua-los pagamentos derivados das resolucións de concesión de axudas con cargo ás anteditas ordes de subvencións na aplicación orzamentaria 09.03.614 A.779 (axudas comunitarias a productores derivadas da nova PAC).

Xa que logo, de acordo co anterior, cómpre distribuí-lo importe consignado na antedita aplicación orzamentaria do orzamento prorrogado, polo importe global de 5.713 millóns de pesetas, entre as distintas ordes que regulan a tramitación e concesión de subvencións, polo que, segundo as competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Con cargo ó orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, prorrogado para 1998 polo Decreto 471/1997, do 26 de decembro, poderanse conceder axudas e efectuar pagamentos por un importe máximo de 5.713 millóns de pesetas, distribuídos entre as distintas ordes de convocatoria de axudas do xeito que segue:

-Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 1 de abril de 1997, pola que se establece unha prima pola comercialización temperá de xatos: 2 millóns de pesetas.

-Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de decembro de 1996, pola que se regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión das axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 1997/1998 e das primas en beneficio dos productores de carne de ovino e cabrún, dos productores de carne de vacún e dos que manteñen

vacas nutrices para o ano 1997, na Comunidade Autónoma de Galicia: 5.000 millóns de pesetas.

-Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, pola que se instrumenta o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva: 9 millóns de pesetas.

-Orde do 26 de febreiro de 1997, pola que se regula o procedemento de concesión de restitucións á producción para o aceite oliva utilizado na fabricación de certas conservas: 270 millóns de pesetas.

-Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 4 de marzo de 1997, pola que se establece o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz: 4 millóns de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Producción Agropecuaria e do ILGGA, para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as instruccións precisas para execución e cumprimento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1998.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

705