Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convoca concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

O Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia (DOG nº 144, do 23 de xullo de 1996), prevé o concurso público como a forma de adxudicación das novas oficinas de farmacia.

A Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolveu, con data do 16 de xuño de 1997, autoriza-la instalación de corenta novas oficinas de farmacia en distintos concellos de Galicia.

Publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia o 15 de outubro de 1997, e resoltos os recursos que foron interpostos contra ela, cómpre poñer en marcha a fase de adxudicación destas novas oficinas de farmacia autorizadas.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 8 do Decreto 288/1996, do 12 de xullo, procede convocar concurso público de méritos para a adxudicación das novas oficinas de farmacia, de conformidade coas seguintes,

BASES:

I. Convocatoria e requisitos de participación.

1. Convócase concurso público de méritos para a adxudicación das 40 novas oficinas de farmacia relacionadas no anexo I desta resolución.

2. Poderán participar neste concurso os licenciados en farmacia con independencia da súa participación na primeira fase do procedemento para a autorización das novas oficinas de farmacia.

Os farmacéuticos que sexan titulares dunha oficina de farmacia nun municipio de Galicia non poderán solicitar unha oficina de farmacia nese mesmo municipio.

3. O farmacéutico que sexa cotitular dunha oficina de farmacia só poderá concursar se o fai conxuntamente co (s) outro (s) cotitular (es) da mesma oficina ou ben se transmite previamente en documento público os seus dereitos sobre ela. Neste último caso deberá acompañar á súa solicitude o referido documento público.

4. Os farmacéuticos concursantes deberán solicitar polo menos unha das oficinas de farmacia sinaladas no anexo I desta resolución debendo indicar a orde de preferencia en caso de solicitar mais dunha.

II. Valoración de méritos.

1. Os méritos e circunstancias alegados polos solicitantes para efectos da súa valoración serán baremados de conformidade cos criterios fixados na orde do 4 de novembro de 1996 pola que se establece o baremo para a autorización de novas oficinas de farmacia (DOG nº 223, do 14 de novembro), modificada polas ordes do 6 de outubro de 1997 (DOG nº 205, do 23 de outubro) e do 18 de decembro de 1997 (DOG nº 8 do 14 de xaneiro de 1988).

2. No suposto de solicitudes formuladas conxuntamente por dous ou máis farmacéuticos, soamente se computará a puntuación máis alta acadada por un deles.

III. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para tomar parte neste concurso dirixiranse á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais segundo o modelo norma

lizado que figura no anexo II, debendo presentarse no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nas delegacións provinciais da consellería, nos Colexios Oficiais de Farmacéuticos das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes presentadas deben ir acompañadas da seguinte documentación:

1) O (s) título (s) de licenciado en Farmacia.

2) A documentación acreditativa dos méritos e circunstancias alegados, en orixinais ou copias debidamente compulsadas.

3) Xustificante do aboamento da taxa para participar no concurso público de autorización de novas oficinas de farmacia, segundo o previsto no artigo 30.2º.24 da Lei 1/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 (unha taxa por cada solicitude).

4) Valoración de méritos efectuada polo propio solicitante, segundo o anexo III.

3. Os farmacéuticos concursantes que participasen na primeira fase do procedemento para a autorización de novas oficinas de farmacia deberán xuntar igualmente ás súas solicitudes de participación neste concurso público, toda a documentación sinalada no parágrafo anterior, para efectos dunha máis áxil e acertada valoración dos méritos.

4. Se, con posterioridade á presentación dunha solicitude conxunta, algún dos farmacéuticos que a tiñan presentada desiste dela, quedará anulada a solicitude na súa integridade.

Ningún farmacéutico poderá presentar unha solicitude individual e outra conxunta. Se así o fixera, quedará anulada a individual.

Se un farmacéutico presentase máis dunha solicitude conxunta, quedarán anuladas todas elas.

IV. Comisión de valoración.

1. Para efectua-los traballos de valoración dos méritos e circunstancias dos solicitantes, constituirase unha única comisión de valoración. A súa composición faráse pública no Diario Oficial de Galicia.

2. A comisión de valoración adoptará os seus acordos-proposta por maioría de votos, axustándose no seu funcionamento e composición ó disposto nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A comisión de valoración propoñerá a cada un dos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as solicitudes que deban ser admitidas e, posteriormente, a valoración dos méritos dos solicitantes correspondentes á súa provincia.

V. Tramitación do concurso.

1. Por acordo do secretario xeral, adoptado a proposta conxunta dos delegados provinciais da consellería, determinaranse as solicitudes admitidas ó concurso.

A relación provisional de admitidos será publicada no taboleiro de anuncios de cada unha das delegacións provinciais da consellería, abríndose un prazo de 5 días desde a súa publicación nos taboleiros para que os interesados poidan formula-las correspondentes reclamacións, ou presentar, se é o caso, a documentación que se lles solicite.

Resoltas as reclamacións, publicarase nos mesmos lugares a relación definitiva de admitidos.

2. Seguidamente, cada unha das delegacións provinciais procederá a remitir á Secretaría Xeral da consellería certificación na que conste se algún dos solicitantes admitidos ó concurso posúe a titularidade dalgunha das oficinas de farmacia abertas nos municipios da súa provincia relacionados no anexo I desta resolución.

Finalizados os traballos da comisión de valoración, ésta propoñerá a cada un dos delegados provinciais da consellería a valoración dos méritos dos solicitantes admitidos correspondentes á súa provincia.

Por resolución do secretario xeral, dictada a proposta conxunta dos delegados provinciais da consellería, aprobarase a lista provisional de adxudicatarios das novas oficinas de farmacia, coas puntuacións obtidas por cada un deles, co fin de que os interesados poidan formular no prazo de 10 días as reclamacións que consideren oportunas.

3. Analizadas pola comisión de valoración as reclamacións presentadas, a Secretaría Xeral da consellería dictará, por proposta conxunta dos delegados provinciais, resolución definitiva do concurso, que conterá a puntuación de tódolos farmacéuticos admitidos, procedendo á adxudicación de cada farmacia ó de maior puntuación seguindo as preferencias indicadas nas súas solicitudes.

A resolución da Secretaría Xeral será publicada no DOG para coñecemento de tódolos interesados.

4. Contra a resolución da Secretaría Xeral da Consellería, os interesados poderán interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais no prazo dun mes contado desde a publicación da resolución no DOG.

VI. Outros efectos da resolución.

1. De acordo co disposto no nº 3 do artigo 4º do Decreto 288/1996, a adxudicación, por resolución firme na vía administrativa, dunha oficina de farmacia de nova apertura a un farmacéutico xa titular e propietario, ou se é o caso copropietario, dunha oficina de farmacia, determinará automaticamente a perda da autorización que se viña posuíndo, aínda no caso de renuncia á nova oficina.

A perda da dita autorización farase efectiva a partir do momento da apertura da nova oficina de farmacia adxudicada.

2. Os farmacéuticos admitidos que non obtivesen oficina de farmacia pasarán a formar parte dunha lista de reserva na que figurarán pola súa orde de puntuación.

No caso de que se producisen renuncias con anterioridade á apertura das novas oficinas ou no caso previsto no nº 3 da base VII das que regulan este concurso, entenderase adxudicada a oficina de farmacia a quen figure nese momento no lugar máis alto da lista de reserva sempre que solicitase ese municipio.

VII. Designación de local e apertura.

1. Os farmacéuticos concursantes que resulten adxudicatarios das novas oficinas de farmacia deberán designa-lo local proposto para a oficina nun prazo de tres meses, conforme o previsto no nº 1 do artigo 10º do Decreto 288/1996.

2. Se por causa non imputable ó adxudicatario, o local designado non reunise os requisitos necesarios para obte-la correspondente autorización administrativa, concederáselle un único prazo de 30 días para designar outro local.

3. De non designar local no prazo indicado o concursante adxudicatario decaerá no seu dereito.

4. No caso de que a adxudicación recaese en farmacéutico titular da única oficina de farmacia existente nun municipio, a apertura da nova oficina de farmacia que lle foi adxudicada quedará en suspenso ata que se resolva o novo concurso público para a adxudicación da oficina que deixe vacante.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1998.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

709