Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 818

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 26/1998, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/1995, do 16 de xuño, e se aproba a modificación dos estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Por Decreto 202/95, do 16 de xuño (DOG do 11 de xullo de 1995), apróbase a creación e estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Por parte da Xunta Executiva do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais sométense ó Pleno as propostas de modificación ó articulado dos estatutos do citado consello, que o Pleno validamente constituído segundo o artigo 8 dos estatutos, aproba por acordo unánime segundo consta na acta correspondente da súa sesión extraordinaria.

Aprobadas as modificacións polo Pleno e de conformidade co artigo 23 dos estatutos comunícase á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais solicitando desta a tramitación delas.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, sobre transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais e nos decretos da Xunta de Galicia 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións e competencias a que se refiere o real decreto citado, e 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-la modificación do artigo 1 do Decreto 202/1995, polo que se creou o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais que terá a súa sede na cidade de Santiago de Compostela, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia».

Artigo 2º

Aproba-la modificación dos estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais propostas, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Título primeiro

Disposicións xerais

Capítulo primeiro

Constitución, natureza, personalidade xurídica e enderezo

Artigo 2º

2.1. O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e os colexios que o integran son corporacións de dereito público recoñecidas e amparadas pola Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de colexios profesionais.

No seu respectivo ámbito de actuación cada unha delas é autónoma e tén, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumpri-los seus fins, podendo, a título oneroso ou lucrativo, transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titulares de todo tipo de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en tódalas vías e xurisdiccións, incluída a constitucional.

2.2. A representación legal do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se atopa lexitimado para outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, despois de acordo do Pleno do dito consello.

2.3. O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais terá como emblema un logotipo que consistirá nunha coroa rematada cunha cruz na súa parte superior e debaixo as letras C e G sustentadas pola letra E, e na parte inferior as letras T e I, inscrito todo dentro dun círculo elíptico, que rodea o logotipo.

Artigo 3º

O consello terá a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

Con carácter permanente, e para efectos de notificacións, a sede situarase na delegación en Santiago de Compostela do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, na Avda. de Vilagarcía, nº 13.

Capítulo segundo

Finalidades e funcións

Artigo 5º

No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:

5.1. As atribuídas ó Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España, en canto teñan ámbito ou repercusión só no territorio da Comunidade Autónoma e cantas outras lle foran encomendadas en virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e competencia propias de cada colexio.

5.2. Aprobar e modifica-lo seu propio estatuto.

5.3. Formar e mante-lo censo dos enxeñeiros técnicos industriais incorporados nos colexios oficiais de enxeñeiros industriais técnicos de Galicia.

5.4. Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades, con relación á profesión de enxeñeiro técnico industrial, que teñan como obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actividades convenientes.

Establecer para tales fins os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e coas institucións ou entidades que correspondan.

5.5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados coa enxeñería técnica industrial e co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial na Comunidade Autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos ou culturais.

5.6. Editar libros e traballos de carácter técnico-científico sobre enxeñería para Galicia e publica-las normas e disposicións de interese para os enxeñeiros técnicos industriais para Galicia.

5.7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos das persoas e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.

5.8. Defende-los dereitos dos colexios oficiais dos enxeñeiros técnicos industriais así como os dos seus

colexiados ante os tribunais de xustiza, organismos autonómicos galegos, e en xeral ante toda clase de autoridades, cando sexa requirido polo respectivo colexio ou así estea legalmente establecido.

5.9. O exercicio e xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba dela e das facultades que puideran ser delegadas nel pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera outra Administración pública competente.

5.10. Designar representantes da enxeñería técnica industrial para participar, cando así estea establecido, nos consellos ou organismos consultivos da Administración pública no ámbito de Galicia.

5.11. Coñecer e resolve-los recursos que poidan interpoñerse contra os acordos dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

Así mesmo, coñecer e resolve-los recursos de reposición que se interpoñan contra os acordos e resolucións do propio consello, non suxeitos ó dereito administrativo.

5.12. Levar un rexistro de sancións que afecten ós enxeñeiros técnicos industriais dos colexios galegos.

5.13. Aproba-lo seu propio orzamento de ingresos e gastos e as contas del.

5.14. Fixar equitativamente a cooperación dos colexios para os gastos do Consello, por contribucións fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias.

5.15. Establece-los ingresos propios que puidera ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servicios e actividades que preste.

5.16. Realizar, no tocante ó patrimonio propio do consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.

5.17. Aprobar normas de honorarios profesionais aplicables por tódolos colexios de Galicia.

5.18. Emitir dictames e informes, sobre todo os que reclamen a Xunta de Galicia ou o Parlamento de Galicia, con respecto a proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral que afecten o exercicio da enxeñería técnica industrial, a súa organización corporativa ou o exercicio das profesións tituladas en xeral.

5.19. Adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

5.20. Calquera outra función similar ás contidas nos apartados anteriores non expresamente determinadas neles, así como aquelas que lles sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

Título segundo

Organización do consello

Capítulo primeiro

Órganos de goberno

Artigo 6º

6.1. Os órganos de goberno serán: Xunta Executiva, Ponencias de Traballo e Pleno do Consello.

6.2. A Xunta Executiva estará formada polos decanos dos colexios galegos integrados máis un vocal representante de cada colexio, exercendo a presidencia o decano que corresponda.

Serán tamén membros da Xunta Executiva os presidentes das delegacións de Santiago de Compostela e de Ferrol, con voz e voto.

O vocal representante do colexio que exerza a presidencia do consello terá as funcións de secretario.

A Xunta Executiva considerarase constituída cando asistan máis da metade dos seus compoñentes, presidida polo decano que exerza a presidencia do consello. Reunirase, polo menos, unha vez cada tres meses.

Artigo 7º

7.1. As ponencias de traballo estarán formadas polo portavoz de cada ponencia e por dous representantes de cada colexio; de modo excepcional poderán asistir, con voz e sen voto, expertos designados polo presidente do consello. As ponencias de traballo estarán formadas ademais, por un representante de cada unha das delegacións de Santiago de Compostela e Ferrol.

Consideraranse constituídas as ponencias cando asistan os ponentes de cada colexio ou persoas expresamente delegadas.

Estarán presididas polo portavoz ponente correspondente, designado pola Xunta Executiva, e as súas reunións terán lugar, como mínimo, unha vez por semestre.

Disposicións adicionais

Terceira.-Para efectos de fixa-los períodos bianuais sinalados no artigo 8º aparatado 8.1 (terceiro parágrafo), o primeiro período comezará a contar desde o 1 de xaneiro de 1996.

181