Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 03 de febreiro de 1998 Páx. 984

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 29/1998, do 22 de xaneiro, polo que se declara a delimitación do contorno de protección da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Por Decreto do 3 de xuño de l931 (Gaceta de Madrid do 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural, con categoría de monumento histórico artístico, a igrexa de Santa María , no concello de Cambre, provincia da Coruña.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei l6/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño) e da Lei 8/l995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 28 de abril de l997 (Diario Oficial de Galicia do 26 de maio), incoou expediente para a declaración da delimitación do contorno da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/l995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección da igrexa de Santa María, no concello de Cambre, provincia da Coruña, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación do anexo I, e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto seralles notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e ós interesados.

Cuarto.-O presente decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia, e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa y oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

O punto A, inicio da delimitación,sitúase na estrada Cambre-A Coruña á altura do inmoble nº 3 da dita estrada. Discorre polo linde deste inmoble en dirección á Casa do Concello, englobando a praciña dos Plátanos e continúa pola rúa Wenceslao Fernández Flórez ata o punto B situado no vértice do peche do grupo escolar. Avanza en dirección SE, coincidindo co dito peche e baixa en liña recta ata a estrada que conduce á antiga estación, onde se sitúa o punto C. Por esta estrada, en dirección á igrexa, percorre uns 60 m ata situarse fronte á casa nº 8 chamada Casa do Atrio (punto D). Desde aquí, en dirección leste, avanza 140 m ata o punto E, quedando dentro da delimitación a Casa do Atrio. No punto E xira á esquerda e, en dirección norte pola rúa de recente apertura, chega á estrada da Coruña onde se atopa o punto F. Péchase a delimitación unindo os puntos F e A polo eixe da estrada.

98-715