Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 1998 Páx. 1.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, provincia de Lugo.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931 (Gaceta de Madrid de 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural, con categoría de monumento histórico artítico, a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño), e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

En consecuencia, vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral e órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, provincia de Lugo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola mentada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Dar traslado da resolución ó Concello de Palas de Rei, provincia de Lugo, e notificarlle que segundo o disposto no artigo 10.3º da Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a incoación dun expediente para a declaración dun

ben de interese cultural determinará, respecto do ben afectado, a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados. No caso de bens inmobles, ademais, será aplicable o estipulado no artigo 35.1º da presente lei.

Quinto.-Notifica-la presente resolución ós interesados, ó rexistro xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, e abrirase un período de información pública dun, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 1998.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Comeza a liña no punto 1 situado no eixo da estrada que comunica o Ferradal con Vilar de Donas, tamén chamado Camiño Real de Vilar de Donas a Lestedo.

Continúa polo eixe deste camiño en dirección a Ferradal ata o punto 2, no vértice sur da parcela 220a. e deste aquí desvíase cara ó norte polo camiño que bordea as parcelas 220e e 220c e chega ó punto 3 onde empalma co camiño da Corredoiras, entre as parcelas 159a e 164a.

A partir do punto 3 coincide co eixe do devandito camiño das Corredoiras ata o punto 4, en dirección leste, onde conflúen os lindes do camiño e das parcelas 151 167.

Desde o punto 4 a liña coincide co linde que separa a parcela 167 das parcelas 151, 150, 149 e 148 ata o punto 5 onde converxe o camiño do Agro.

Desde este punto 5 a liña percorre a estrema leste da parcela 145 debuxando o seu contorno ata coincidir no eixe do camiño da Cima dos Nabais, onde está situado o punto 6.

A partir deste punto a liña segue o devandito camiño ata o punto 7 onde converxe co camiño do Muíño e o camiño de San Antonio.

A partir do punto 7 a liña coincide co eixo do camiño de San Antonio ata o punto 1, en dirección oeste, onde se pecha a delimitación.