Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 1998 Páx. 1.699

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 30 de xaneiro de 1998 pola que se anuncia a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a cobertura de postos de traballo, mediante contratacións laborais de carácter temporal dedicadas á realización de traballos ocasionais de carácter selvícola e medioambiental durante 1998.

A Consellería de Medio Ambiente precisa realizar durante 1998 traballos concretos, de carácter ocasional, consistentes fundamentalmente en tratamentos selvícolas e accións tendentes á preservación, conservación e mellora dos espacios naturais, no ámbito da nosa comunidade.

A índole dos labores que se proxecta realizar, de carácter estrictamente agrario, e a súa dependencia directa co espacio físico no que se desenvolven, caracterizan de forma diferenciada e excepcional as contratacións laborais necesarias para levalas a efecto, de xeito que o persoal elixido ten necesariamente que ser coñecedor, dunha parte, dos distintos extremos da actividade agraria e, doutra, do ámbito territorial concreto, no que se proxectan os traballos.

A referida especialidade destas contratacións laborais e o feito de que as tarefas que se van cumprir consisten en traballos concretos dirixidos á realización de obras determinadas para desenvolver durante o ano, fai necesario dispoñer de listas de persoas capacitadas que reúnan os requisitos mencionados, coas que, para a consecución da axilidade e celeridade precisas, se poida contar a medida que vaia xurdindo a necesidade de realización dos distintos traballos.

Polo exposto, de conformidade co establecido nos artigos 27 números 10 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no Decreto 482/1997, do 30 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas coas persoas interesadas na cobertura temporal de postos de traballo naqueles servicios, dependentes desta consellería, que leven a cabo traballos ocasionais de carácter forestal e medioambiental.

2. Para estes efectos, elaboraranse listas ordenadas de xeito prelativo, de conformidade coas previsións, relativas ós ámbitos funcionais e territoriais, categorías e número máximo de efectivos que se prevexa contratar, establecidas no anexo III da presente orde.

A continuación detállanse, en relación cos servicios da consellería que as van utilizar, as distintas

categorías, así como os requisitos esixidos para acceder a cada unha delas:

* Servicios de montes e industrias forestais.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de enxeñería de montes ou enxeñería técnica forestal.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B1.

-Peón forestal.

* Servicios de medio ambiente natural.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de enxeñería de montes, enxeñería técnica forestal, biolóxicas, veterinaria ou topografía.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B1.

-Garda rural de vixilancia e mantemento.

Requisitos: certificado de escolaridade ou 18 meses de experiencia acreditada na Administración ou 27 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B1.

-Peón forestal.

* Centro de investigacións forestais de Lourizán.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de enxeñería de montes, enxeñería técnica forestal, ou biolóxicas.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B1.

-Peón forestal.

Artigo 2º

Os interesados presentarán as súas solicitudes, segundo o modelo previsto no anexo I, no prazo de 15 días hábiles contado desde o seguinte ó da publicación no DOG desta orde, nas dependencias das respectivas delegacións provinciais da consellería, así como en calquera dos rexistros e oficinas enumeradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 3º

Cada persoa só poderá presentar unha única solicitude referida a un só servicio, e dentro del a un só distrito, zona ou provincia, segundo corresponda, e a unha soa categoría profesional, conforme o anexo III citado; o incumprimento do anterior será causa de exclusión de tódalas solicitudes formuladas.

Para tal efecto, coa solicitude deberá xunta-la seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Fotocopias cotexadas dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos fixados para as distintas categorías profesionais previstas, así como as dos méritos referenciados no artigo 6.2º e 3º e no anexo II, significándose que, en canto a estes últimos, só serán valorados aqueles que resulten acreditados suficientemente.

Artigo 4º

As solicitudes correctamente presentadas serán analizadas baixo a dirección e supervisión da comisión de avaliación constituída en cada provincia no prazo de 15 días desde a publicación desta orde no DOG, que estará composta por sete membros, dos que tres serán designados polo comité de empresa correspondente, e os outros catro pola secretaría xeral da consellería.

As listas serán elaboradas segundo os distintos ámbitos funcionais e territoriais e categorías profesionais recollidas no anexo III desta orde, ordenando os aspirantes, de acordo coa puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no anexo II, prelativamente.

Artigo 5º

As listas confeccionadas expoñeranse nos taboleiros de anuncios das distintas delegacións provinciais da consellería, así como nos das súas oficinas comarcalizadas dos Servicios de Montes e Industrias Forestais, de Defensa contra Incendios e de Medio Ambiente Natural correspondentes e no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente. Así mesmo, expoñeranse nos taboleiros de anuncios dos concellos da zona de contratación.

Artigo 6º

1. Conforme vaia sendo necesaria a contratación de persoal para a realización dos traballos, a Consellería de Medio Ambiente chamará, pola súa orde estricta, o persoal que figure nas respectivas listas, o cal, polo carácter estrictamente agrario dos labores que se van desenvolver, estará sometido ó réxime especial agrario da Seguridade Social.

Durante a utilización das listas e para efectos de sucesivas contratacións, o persoal que resulte contratado non perderá a súa orde de prelación na res

pectiva lista unha vez finalizado o contrato, se non superou un total de seis meses de traballo como consecuencia desta; en caso de supera-los ditos seis meses pasará ó final da lista. A renuncia a calquera chamamento levará aparellada a exclusión do renunciante da lista respectiva.

2. Para o chamamento con cargo ás listas correspondentes as zonas do Servicio de Montes e Industrias Forestais, terase en conta a seguinte particularidade:

a) No suposto de realización de traballos nun monte vecinal en man común, establécese a seguinte orde de prioridade para ser contratado

1º Comuneiros do monte.

2º Familiares dos comuneiros ata o segundo grao de parentesco que sexan residentes na parroquia ou lugar titular do monte.

b) No suposto de realización de traballos en montes particulares con convenios ou consorcios coa Administración autonómica, establécese a seguinte orde de prioridade para ser contratado:

1º Propietarios do monte.

2º Familiares dos propietarios ata o segundo grao de parentesco que sexan residentes na parroquia ou lugar titular do monte.

En cada un destes supostos, a prelación na contratación farase estrictamente pola puntuación que cada un deles teña na correspondente lista.

3. No suposto de realización de traballos nun monte vecinal en man común situado na zonificación especial do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés establécese a orde de prioridade para ser contratado prevista no apartado a) do punto 2 deste artigo.

4. No Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, para a contratación con cargo á lista de técnicos de apoio o chamamento levarase a cabo conforme a titulación académica requirida pola cobertura temporal de que se trate, segundo o proxecto que se vai desenvolver.

5. No caso de producirse empate na puntuación de dous ou máis aspirantes, unha vez aplicado o baremo de méritos citado, coa particularidade devandita, aquel resolverase en función da obtida no apartado relativo á experiencia profesional e, de persistir aínda o dito empate, en razón á puntuación obtida no apartado relativo ás circunstancias persoais.

6. Para o chamamento poderase utilizar calquera medio, e no suposto de que o empregado non fose suficiente, practicarase por aqueloutros que permitan ter constancia da súa recepción polo interesado no prazo máis breve posible. A contestación ó devandito chamamento deberá producirse no prazo máximo de 72 horas dende a súa recepción. Transcorrido

este sen producirse a contestación a peroa chamada perderá a súa orde de prelación pasando ó final da lista, salvo nos casos de forza maior debidamente xustificada.

7. Os interesados no momento de responderen ó chamamento deberán achegar certificado médico oficial acreditativo da súa idoneidade en relación coas respectivas funcións que vaian desenvolver, como requisito imprescindible para a súa efectiva contratación.

8. No caso de que nunha zona das sinaladas no anexo III, por circunstancias sobrevidas, non cheguen a realizarse os traballos previstos, as persoas incluídas nas listas correspondentes ó seu ámbito xeográfico incluiranse naqueloutras semellantes zonas limítrofes onde están previstas execucións de traballos. Nestes supostos, no momento da inclusión das persoas afectadas nas novas listas, descontaráselles da puntuación traída a correspondente á circunstancia de residencia habitual, prevista no anexo II desta orde.

A preferencia na inserción nunhas determinadas listas dunha zona limítrofe respecto ás dos demais virá determinada polas necesidades e prioridades apreciadas polos servicios provinciais correspondentes que, non obstante, terán, dentro do posible, como criterio xeral logra-la máxima proximidade entre a residencia habitual dos solicitantes reinseridos e o concello de realización dos traballos.

9. No suposto de esgotarse o persoal incluído na lista dun ámbito territorial determinado seguirase a seguinte orde de chamamento:

-Persoal que figure nas listas de categoría superior do propio ámbito xeográfico.

-Persoal que figure nas listas de igual categoría no ámbito xeográfico máis próximo ó de realización dos traballos.

-Persoal que figure na lista de categoría superior do ámbito xeográfico máis próximo ó de realización dos traballos.

En todo caso, o persoal ó que se fai referencia anteriormente non poderá ser excluído da súa lista se declina o chamamento no prazo establecido no segundo parágrafo do apartado seis.

No suposto de persisti-la falta de persoal, solicitarase do INEM, de forma xenérica un mínimo de tres traballadores en situación de desemprego por cada unha das vacantes que se pretenda cubrir, dándolle tamén publicidade a esta petición no taboleiro de anuncios das delegacións provinciais para efectos da presentación de solicitudes, sendo o órgano de avaliación e o baremo os establecidos na presente orde.

10. Por necesidades do servicio debidas a circunstancias imprevisibles, o persoal contratado podará, por proposta do servicio provincial correspondente e coa conformidade da delegación provincial, realiza-los seus labores en ámbitos xeográficos

distintos a aquel ó que estivera adscrito. Do aquí indicado exclúense os comuneiros e propietarios de montes particulares, se accederon á contratación en virtude de tal condición.

Artigo 7º

Sen prexuízo da posibilidade legal establecida de emenda en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, dos erros materiais, de feito, ou aritméticos existentes, tanto as bases da convocatoria como os actos derivados dela ou da actuación dos órganos de selección establecidos, poderán ser obxecto de impugnación polas persoas interesadas nos prazos e formas previstos nas normas procedementais e procesuais de aplicación.

Disposición transitoria

En canto non sexan elaboradas as relacións de aspirantes seleccionados, a contratación do persoal imprescindible efectuarase conforme as últimas listas utilizadas.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente