O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias atribuídas pola propia lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.
Conscientes da demanda pola sociedade galega, de ensinanzas do máis alto nivel no marzo das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis competitivo, a adaptación da xestión das empresas ó novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos, e en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro, pola que se establece o prezo privado que hai que satisfacer, en concepto de matrícula, polos alumnos que realicen o Curso Superior de Relacións Laborais, procédese a convoca-la novena edición do curso superior de Relacións Laborais, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:
Primeiro.-Obxecto.
O curso pretende ser un foro de exposición de debate sobre os profundos cambios producidos desde 1994, que tiveron novas manifestacións durante 1997. Tales cambios afectan, non só ó mercado de traballo, senón tamén a negociación colectiva, á representación dos traballadores na empresa, á Seguridade Social, á seguridade e hixiene e a xestión de recursos humanos, en xeral.
Segunda.-Destinatarios.
Diríxese o curso a cantos están interesados en adquirir unha especialización, perfeccionamento e/ou actualización profesional nas materias laborais e na xestión de recursos humanos e, en especial, ós licenciados ou diplomados en dereito, ciencias económicas e empresariais, relacións laborais, ós responsables de recursos humanos ou xefes de relacións laborais da Administración e das empresas, ós asesores e cadros das organizacións sindicais e empresariais, etc.
Terceira.-Contido e horas lectivas.
O curso contará con un total de 166 horas lectivas distribuídas nos seguintes módulos formativos:
Módulo I. Relación individual de traballo: 38 horas.
Módulo II. Relacións colectivas de traballo: 36 horas.
Módulo III. Dereito administrativo do traballo. Saúde laboral: 16 horas.
Módulo IV. Seguridade Social: 12 horas.
Módulo V. Dereito autonómico e comunitario do traballo: 8 horas.
Módulo VI. Política de recursos humanos: 36 horas.
Para as sesións inaugurais e de clausura, conferencias, mesas redondas e outros actos está previsto un total de 20 horas.
Cuarta.-Calendario.
A inauguración do curso terá lugar o 15 de maio e rematará o 18 de decembro de 1998.
Os días lectivos, normalmente 2 e, excepcionalmente, 3 por semana, figuran detallados no programa que se lles entregará ós alumnos. O curso suspenderase desde o 1 de xullo ata o 9 de setembro.
As clases impartiranse nas aulas da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, desde as 16.30 ata ás 20.30 horas.
A dirección do curso poderá modifica-lo programa de desenvolvemento por circunstancias eventuais que afecten á súa organización. Estas variacións seranlles anunciadas ós asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se vaian impartir e dos seus correspondentes relatores.
Quinta.-Inscrición e solicitudes.
a) Información. Os alumnos que desexen matricularse no Curso deberán poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do curso, no Consello Galego de Relacións Laborais, Algalia de Abaixo, 24. 15704 Santiago de Compostela. Telf. (981) 54 16 12. Telefax (981) 54 16 10, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude.
b) Prezo. O prezo que deberán satisfacer os alumnos en concepto de matrícula será de 215.000 ptas., segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG 2-3-1995) que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.
O importe da matrícula poderá ser satisfeito, nos prazos e contía que a continuación se dispón:
1º prazo: 115.000 ptas., antes do 15 de maio, día sinalado para a inauguración oficial do curso.
2º prazo: 100.000 ptas., antes do 25 de setembro de 1998.
c) Número de prazas. O número de prazas que se convocan pola presente resolución é de 50.
d) Forma. As solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ó Consello Galego de Relacións Laborais, xunto co xustificante de ter efectuado o pagamento total ou parcial do correspondente importe da matrícula.
e) Prazo. O prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o 13 de abril e rematará o 14 de maio de 1998 ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.
Sexta.-Asistencia e diploma.
É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ó comezo e ó remate de cada sesión.
A asistencia regular ás ensinanzas programadas dá dereito á expedición do oportuno diplima pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais.
A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 20% das sesións académicas privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que concorrese.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1998.
Teresa Pedrosa Silva
Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais

