Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 24 de abril de 1998 Páx. 4.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de abril de 1998 pola que se establecen medidas de apoio a agrupacións e entidades para a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios.

As produccións agrícolas e gandeiras enfróntanse a unha crecente competitividade, sendo claves a calidade e a diminución de custos, o que obriga ás explotacións agropecuarias a incorporar novas técnicas de producción e organización e implica un incremento da demanda de servicios especializados.

A falla de programas e servicios axeitados é máis notoria nas pequenas explotacións, polo que as agrupacións de agricultores e gandeiros son a vía axeitada para a realización de actividades que garantan a viabilidade das explotacións e a competencia dos productos no mercado.

Así mesmo, débense ter en conta as entidades e asociacións que desexen incrementa-la formación dos seus compoñentes para a súa intervención na incorporación de novos coñecementos e tecnoloxías, que contribúan á mellora dos procesos productivos agropecuarios.

De acordo co anterior, a realización dos programas de xestión, control da maquinaria de muxido, selección e reproducción animal e vexetal, formación de técnicos e de agricultores, manexo da explotación, etc., son algunhas das actividades que permiten aca

da-la mellora dos sistemas productivos cunha clara repercusión na economía da explotación e que se realizan a través de agrupacións.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.lº.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto e finalidade.

O obxecto da presente orde é regula-la concesión de axudas a agrupacións de agricultores ou de gandeiros así como outras entidades relacionadas coa agricultura, formalmente constituídas, que desexen realizar actividades encamiñadas á mellora da eficacia dos seus sistemas productivos e das calidades nas súas produccións, que presenten un programa de actuación, de acordo co recollido na presente orde.

Artigo 2º.- Clase e contía das axudas.

1. Os solicitantes poderán optar a axudas para as seguintes actividades:

1.1. Contratación do persoal técnico para a realización, con carácter exclusivo, de programas de xestión, manexo de explotacións, reproducción e selección, sanidade animal e vexetal e, en xeral, aquelas actividades nas que o resultado sexa o desenvolvemento da explotación.

A contía da subvención, que poderá chegar ó 70% do custo do contrato, modularase en función da importancia do programa que se vai desenvolver.

A dita contía será, como máximo, do 60% do custo do contrato cando o persoal técnico fora obxecto de subvención durante un período de tempo igual ou superior a tres anos.

Non obstante, de acordo co disposto no parágrafo primeiro, non se requirirá a exclusividade nos supostos de contratación daqueles servicios demandados puntualmente polas ganderías e que unha agrupación non poida manter a tempo completo ó longo dun ano.

1.2. Adquisición dos bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa presentado pola agrupación, asociación ou institución.

A súa contía será, como máximo, do 35% do investimento, aínda que poderá chegar ó 75% cando as características do programa, tales como innovación, repercusión e risco asumido pola agrupación, así o aconsellen e este se desenvolva en zonas desfa

vorecidas segundo o disposto no Regulamento 950/97, do Consello, do 20 de maio, relativo á mellora da eficacia das estructuras agrarias.

Excepcionalmente, poderán subvencionarse ata o 100% dos custos de execución dos programas contidos neste punto que, axustándose ó recollido na presente orde, teñan unha especial importancia e repercusión no sector agrario galego, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. Tamén poderán subvencionarse:

2.1. Ata o 100% a realización de congresos, estudios, cursos ou conferencias destinados á formación do persoal técnico da entidade ou agrupación, sempre que se consideren de interese para o programa que se vaia executar.

2.2. Ata o 100% dos gastos das asociacións de ámbito galego, segundo o seu grao de representatividade e programa de actividades, durante o primeiro ano da súa creación, ou da ampliación substancial das tarefas no caso das organizacións preexistentes. Neste último caso, as axudas limitaranse ós gastos orixinados polas novas tarefas. Esta porcentaxe do 100%, que diminuirá anualmente en 20 puntos, concederase durante un período máximo de 5 anos.

2.3. Poxa de gando selecto e concursos de gando en contía acorde co seu impacto na mellora gandeira, ata un máximo de 200.000 ptas., destinadas á organización e participación neles, non superando, en ningún caso, os custos totais por concurso e/ou poxa. Deberase presentar previamente solicitude para a súa aprobación pola consellería.

Artigo 3º.- Accións prioritarias.

Tendo en conta de que as axudas reguladas na presente orden se outorgan con cargo a un orzamento limitado, segundo o disposto no seu artigo 13º, baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios para a súa adxudicación, por orde de preferencia:

1. As agrupacións de agricultores e gandeiros cun programa que teña como finalidade a consolidación ou ampliación das actuacións xa iniciadas con anterioridade e que cumpran os requisitos establecidos nesta.

2. As agrupacións de productores con problemas de comercialización que presenten programas conducentes a mellora-la calidade e competitividade dos seus productos.

3. As agrupacións con explotacións que estean situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

Artigo 4º.- Programas coordinados de sanidade e producción.

1. De acordo coas liñas complementarias da mellora recollidas no Plan Integral de Mellora Xenética, establécense subvencións para a realización de programas especiais encamiñados á mellora coordinada da sanidade e producción do gando vacún en explotacions que conten, alomenos, con 11 vacas, tales como:

a) Control de mamite.

b) Control da calidade hixiénica, microbiolóxica e de residuos no leite.

c) Desparasitación.

d) Selección a nivel de corte.

e) Control da reproducción.

Nos casos nos que se recollan programas dos apartados a) ou b) será obrigatoria a realización dun programa de mellora da calidade do leite de acordo co artigo 5º desta orde.

2. Así mesmo, poderán subvencionarse outros programas complementarios que propoñan as agrupacións, sempre que estean dirixidos ou realizados polos técnicos que presten os seus servicios, en exclusividade, a estas, de acordo co disposto no artigo 2.1.1. da presente orde e que aprobe a consellería ou o ILGG, se é o caso.

3. Xunto coa solicitude a agrupación deberá presentar un disquete cun ficheiro informático no que se relacionen os socios, coa seguinte estructura, orde e lonxitude: CEA (numérico, 10), DNI (numérico, 8), apelidos (carácter, 30), nome (carácter, 15), nº de vacas (numérico, 3) e orientación productiva (carácter, 1; utilizando a letra C para carne e a letra L para leite) e control leiteiro (carácter, 1; utilizando a letra S para as que estean no control e a letra N para as que non).

Así mesmo, deberá presenta-las etiquetas de códigos de barras de identificación das explotacións dos socios no LIGAL, entendéndose que existe autorización daqueles para avalia-los programas de calidade do leite.

No caso de explotacións incluídas no control leiteiro, o CEA, DNI, apelidos e nome deben de coincidir co titular da explotación en control leiteiro.

4. Para desenvolver estes programas, ademais das axudas recollidas no artigo 2º, coa prioridade establecida no artigo 3º da presente orde, as agrupacións poderán obte-las seguintes vantaxes:

a) Facilitarase o acceso a doses seminais de alta calidade xenética, coa finalidade de impulsa-lo progreso xenético nestas explotacións.

b) Como apoio ó desenvolvemeto destes programas, poderá subvencionarse a realización nos laboratorios autorizados, de análises de leite, alimentos e parasitolóxicos, logo de solicitude da agrupación e aprobación expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

5. As contías das axudas serán proporcionais ós seguintes parámetros:

a) Número de explotacións e vacas incluídas nos programas.

b) Porcentaxe de explotacións leiteiras incluídas no control leiteiro. Non obstante, non se subvencionará ningún programa que non acade, polo menos, o vintecinco por cento salvo que a orientación productiva da agrupación sexa a de carne.

6. A execución de tódolos programas, así como a toma de datos e envío periódico de informes, farase segundo os protocolos establecidos polos servicios técnicos da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

As xustificacións presentaranse en todo caso antes do 31 de outubro do presente ano.

7. A dita consellería poderá establece-los índices e baremos que crea oportunos para a mellor instrumentación do disposto neste artigo.

Artigo 5º.- Programas de mellora da calidade do leite.

1. Como apoio concreto á realización de programas de mellora da calidade do leite, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria fomentará aquelas actividades conducentes a un correcto uso e mantemento da maquinaria de muxido e dos equipos de refrixeración do leite e a divulgación das técnicas de prevención e detección de enfermidades, fundamentalmente mamite.

Nestes programas deberá prestarse especial atención ó cumprimento da normativa vixente en materia de instalacións de muxido no tocante ós equipos instalados nas explotacións obxecto daqueles.

As entidades que se acollan ós programas de mellora da calidade do leite deberán facer unha solicitude independente da do resto dos programas recollidos nesta orde. A solicitude limitarase ás explotacións que dispoñan, ademais, de tanques de refrixeración do leite.

5.2. As axudas para levar a cabo estas actuacións serán as seguintes:

a) Axudas para a contratación de persoal e adquisición de bens e servicios necesarios na agrupación

para o asesoramento e divulgación das prácticas correctas no manexo e utilización de equipos de muxido e refrixeración de leite, de acordo co previsto no artigo 2º, puntos 2.1.1 e 2.1.2.

b) Axudas para a formación e perfeccionamento dos técnicos participantes nos programas de mellora da calidade do leite, e en particular dos especializados no control de instalacións de muxido, por proposta das agrupacións colaboradoras no programa.

c) Axudas para a informatización e o tratamento dos resultados das testaxes de equipos de muxido, co fin de facilita lo asesoramento ás explotacións, para que os controladores autorizados pola UTM executen os programas presentados polas distintas agrupacións.

A contía destas axudas virá en función das dispoñibilidades orzamentarias. Se a totalidade das subvencións solicitadas superasen a dotación orzamentaria, aplicaríaselle a cada entidade un coeficiente de corrección correspondente ó grao de execución do programa no ano anterior.

Artigo 6º.- Obrigas, incompatibilidades e denegación.

As entidades que se acollan ás axudas para a realización dun programa de control de puntos de muxido deberanse comprometer a aportar persoal suficientemente capacitado, a xuízo do ILGGA, para a realización do programa e dotalo dos medios necesarios para levalo a cabo.

No caso de que unha explotación se encontre incluída dúas ou máis veces na solicitude presentada por unha ou varias agrupacións, excluirase do programa, aínda que, excepcionalmente, en casos xustificados, poderá manterse a explotación nun programa, aínda que unha soa vez, por petición conxunta da agrupación e do titular da explotación.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá denega-las axudas correspondentes á testaxe no caso de que da análise da folla de control correspondente ó ano actual e da relativa á campaña ou campañas anteriores ou inspeccións sobre o terreo se deduza que non se adoptaron as medidas recomendadas como consecuencia do control.

En calquera caso, os técnicos que leven a cabo o control das instalacións deberán estar en posesión dun certificado expedido pola Unidade de Tecnoloxía do Muxido, do Instituto Lácteo Gandeiro de Galicia, no que se acredite a súa capacidade para realiza-lo control.

De igual modo, tódolos aparatos do equipo de control deberán ser contrastados, polo menos unha vez

ó ano, na citada Unidade de Tecnoloxía do Muxido, e deberán dispor dun certificado do seu bo funcionamento no momento de inicia-lo programa.

Artigo 7º.- Documentación específica para programas de calidade de leite.

1. Xunto coa solicitude e documentación prevista no artigo 10º, as entidades que se acollan ás axudas para a mellora da calidade do leite a través do control de puntos de muxido presentarán un disquete de 3 œ", alta densidade, ficheiro en base de datos Dbase III plus ou Dbase IV, coa estructura indicada no anexo II correspondente co formato da aplicación Programa de Calidade do Leite, en diante PCL, facilitado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a el.

2. No momento da xustificación da execución dos programas, as entidades que se acollan ás axudas para a mellora da calidade do leite, presentarán nos servicios provinciais ou nos servicios centrais do ILGG, ademais da documentación xeral do artigo 11º, a seguinte:

a) Resultados de testaxe de tódalas instalacións de muxido controladas, de acordo co anexo III (control de instalación de muxido), (en diante CIM) no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado por la Unidade de Tecnoloxía do Muxido e os números asignados pola dita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe. Toda esta información recollerase nun programa informático de control de instalación de muxido facilitado polo ILGG.

b) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

Artigo 8º.- Actuacións coordinadas e intensivas.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá apoiar, por instancia das agrupacións interesadas, a realización de programas especiais de calidade de leite, cun maior grao de compromiso daquelas, e que incorporen, a partir dos resultados de análise de calidade, novas actuacións coordinadas e intensivas (ACI) nas explotacións, así como unha maior aportación de información, sempre coas directrices establecidas ou que estableza a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria. As explotacións que desexen realizar esta programa deberán contar como mínimo con 11 vacas de leite.

Artigo 9º.- Solicitudes.

Tódalas solicitudes presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais de Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou

na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común dentro dos 30 días naturais contados a partires do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co modelo do anexo I.

Ás solicitudes xuntaráselles, ademais do referido na documentación específica de cada programa, o seguinte:

1. Acta de constitución da entidade.

2. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa.

3. Código de identificación fiscal e certificado orixinal de conta bancaria da entidade.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos e orzamento pormenorizado do programa e prazo de execución.

5. Contrato dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso.

6. Declaración xurada de exclusividade dos técnicos responsables dos programas de mellora coordinada da sanidade e producción de gando vacún, se é o caso.

7. Factura pro-forma dos equipos a adquirir, no seu caso.

A resolución do expediente correspondelle ó conselleiro, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria ou do ILGG, logo do informe da delegación provincial, se é o caso.

Artigo 10º.- Xustificacións.

1. As actuacións previstas nos programas aprobados remataranse antes do 31 de outubro de 1998, aínda que se poderá conceder prórroga para a súa execución se as súas características así o aconsellan.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa, preferentemente á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e xuntará os xustificantes de investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo da comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O incumprimento dos programas propostos suporá a perda total ou parcial da axuda; así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen

prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda, a agrupación beneficiaria terá que acreditar que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 11º.- Compatibilidade.

As agrupacións con programas de mellora da eficacia dos sistemas productivos das explotacións, presentados e aprobados no marco do establecido na presente orde e que esixan para a súa execución a contratación de persoal técnico especializado con dedicación exclusiva a eles, poderán acollerse ás axudas previstas no Real decreto 204/1996, sobre mellora da estructura das explotacións agrarias para as agrupacións de xestión de explotacións no relativo á contratación de persoal técnico. Neste caso a axuda concedida no marco do precitado real decreto poderá complementarse coa prevista nesta orde sen superar entre ámbalas dúas a contía establecida no artigo 2.1.1. desta.

Artigo 12º.- Financiamento.

As axudas que se deriven da aplicación do exposto na presente orde financiaranse con cargo ós seguintes conceptos da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

a) 09.03.712-A.773.0 Sanidade e mellora xenética. Apoio a cooperativas: 80.000.000 de pesetas.

b) 09.03.613-A.760.0 Sanidade e mellora xenética. Apoio a entidades asociativas: 2.000.000 de pesetas.

c) 09.50.614-A.773.0 Apoio á eficacia dos sistemas productivos: 100.000.000 pesetas.

d) 09.50.614-A.782.0 Mellora e eficacia dos sistemas productivos: 50.000.000 de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e do ILGG para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1998.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

1943