Visto o expediente de clasificación da Fundación Foro Permanente Gallego Iberoamericano de la Salud con domicilio en Santiago de Compostela.
Supostos de feito:
1. Enrique Otero Seivane, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do vinteoito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 29 de decembro de 1997, ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número dous mil catrocentos oito do seu protocolo, por José María Hernández Cochón, quen comparece no exercicio do seu cargo.
3. Segundo consta no artigo 5 do seus estatutos, o obxecto da fundación é o fomento da cooperación entre as distintas asociacións, corporacións, institucións, colexios, empresas e calquera outras entidades públicas ou privadas dos países do mesmo contorno cultural co fin de contribuír á mellora da saúde mundial, baixo o principio de solidariedade.
4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas designadas no artigo 10 dos estatutos.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Foro Permanente Gallego e Iberoamericano de la Salud, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
Fundamentos de dereito:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 23 de febreiro de 1998.
Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Clasificar como de interese sanitario a Fundación Foro Permanente Iberoamericano de la Salud e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Santiago de Compostela, 1 de abril de 1998.
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
3645