Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 15 de maio de 1998 Páx. 5.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de abril de 1998 pola que se regulan as probas de acceso á universidade para os alumnos e as alumnas que cursaron as ensinanzas de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se dictan instruccións para a súa organización durante o período de implantación anticipada destas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, define as características básicas do bacharelato, os seus obxectivos xerais, a súa organización en materias comúns, materias propias de modalidade e materias optativas. Así mesmo, no seu artigo 29.2º establece que será necesaria a superación dunha proba para que os alumnos e as alumnas que obtivesen o título de bacharelato accedan ós estudios universitarios.

O Real decreto 986/1991, do 14 de xuño (BOE do 25), establece no seu artigo 23.1º que as administracións educativas adoptarán as medidas necesarias para que a estructura e o currículo das ensinanzas organizadas con carácter experimental, ó abeiro do Real decreto 942/1986, do 9 de maio (BOE do 14), comencen a ser adaptadas no curso 1992-1993 á nova ordenación do sistema educativo.

O Real decreto 942/1986, do 9 de maio (BOE do 14), establece as normas xerais para a realización de experimentacións educativas como instrumento para introducir cambios e reformas que a sociedade demanda.

O Real decreto 1178/1992, do 2 de outubro (BOE do 21), establece as ensinanzas mínimas do bacharelato.

De acordo coa distribución de competencias que se deriva da Constitución e conforme o establecido no artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, correspóndelles ás comunidades autónomas establece-lo currículo dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo.

En consecuencia co anterior e co artigo 5 do Real decreto 1178/1992, a Comunidade Autónoma de Galicia establece polo Decreto 275/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 31 de agosto) o currículo do bacharelato para esta Comunidade Autónoma.

Tendo en conta que nalgúns centros desta comunidade se anticipou, a partir do curso 1993-1994, a implantación do bacharelato nas súas distintas modalidades, parece conveniente adecua-lo establecido na Orde do 10 de decembro de 1992 (BOE do 12 de xaneiro de 1993) pola que se regulan as probas de acceso á universidade dos alumnos que cursaron as ensinanzas do bacharelato previstas na

Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, durante o período de implantación anticipada destas ensinanzas, establecendo as liñas básicas das probas de acceso ás universidades.

A presente orde desenvolve o establecido no Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se regulan os procedementos para o ingreso nos centros universitarios, para as ensinanzas que agora se anticipan, regula a estructura da proba de acceso á universidade desde o novo bacharelato e formúlase ó abeiro do Real decreto 942/1986, do 9 de maio (BOE do 14), que establece as normas xerais para a realización de experimentacións educativas.

Os exercicios da proba de acceso á universidade estructúranse tendo en conta o carácter unitario do bacharelato reflectido tanto nos seus obxectivos, comúns a tódalas modalidades, como nas materias comúns que tódolos alumnos e alumnas teñen que cursar e realizaranse en consonancia cos deseños curriculares base desta Comunidade Autónoma establecidos para toda a etapa que, respectando o establecido no artigo 57.1º de Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, non prescriben unha secuencia das materias para o primeiro e segundo curso.

En virtude do exposto, por proposta conxunta da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, oída a Comisión Interuniversitaria de Galicia, e facendo uso da autorización expresada na disposición derradeira segunda da citada orde ministerial, do 10 de decembro de 1992,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A proba de acceso á universidade para os alumnos que sigan ensinanzas de bacharelato, establecidas na Lei orgánica 1/1990. do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, valorará con carácter obxectivo, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica dos alumnos e os coñecementos adquiridos nas ensinanzas desta etapa.

Artigo 2º

A proba de acceso á universidade terá carácter único, calquera que sexa a modalidade cursada, e versará sobre os contidos das materias do bacharelato.

Artigo 3º

Poderán acceder á proba os alumnos que cursasen as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e obtivesen o título de bacharelato.

Artigo 4º

1. Os alumnos e as alumnas, para realizaren a proba de acceso á universidade, poderán escoller por algunha das seguintes opcións ás que están vin

culadas as materias que se sinalan no artigo 5º, apartado 3º:-Opción científico técnica.

-Opción ciencias da saúde.

-Opción humanidades.-Opción ciencias.

2. A vinculación entre estas opcións e os estudios universitarios establécese no anexo á presente orde.

Artigo 5º

1. As probas de acceso á universidade constarán de dous exercicios.

2. O primeiro exercicio versará sobre as materias comúns do bacharelato, apreciará a formación xeral do alumno e estará concibido para avaliar destrezas académicas básicas, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe e as capacidades para analizar, relacionar e sintetizar. Este exercicio comprenderá catro partes:

a) Análise dun texto, dunha extensión non maior de 100 liñas, de lingua galega e literatura. Na mencionada análise esixirase un comentario crítico sobre o texto proposto e a resposta a cuestións que en relación con el puidesen presentarse. A súa duración será de hora e media. Os alumnos e as alumnas que teñan exención en lingua galega non terán que facer esta proba.

b) Análise dun texto, dunha extensión non maior de 100 liñas, de lingua castelá e literatura. Na mencionada análise esixirase un comentario crítico sobre o texto proposto e a resposta a cuestións que en relación con el puidesen presentarse. A súa duración será de hora e media.

c) Análise dun texto na lingua estranxeira cursada como primeiro idioma no bacharelato, cun máximo de 250 palabras de linguaxe común, non especializada. Esixirase a resposta a cuestións relacionadas co texto, que serán formuladas e respondidas por escrito no mesmo idioma có texto, sen axuda de diccionario nin de ningún outro material didáctico. A súa duración será de hora e media.

d) Análise dun texto filosófico ou histórico e resposta ás cuestións formuladas. A súa duración será de hora e media.

En cada unha destas materias ofertaránselle ó alumnado dous exames, de entre os que este elixirá un.

3. O segundo exercicio versará sobre tres materias: aquela ou aquelas vinculantes para a opción pola que se presenta o alumno, independentemente de que as superase como obrigatorias ou como optativas, e dúas ou unha máis propias da modalidade cursada. Quedan excluídas deste segundo exercicio as materias de física e química e bioloxía e xeoloxía, ámbalas dúas de primeiro curso. Este exercicio apreciará a formación especializada do alumno e estará concibido para avaliar destrezas básicas da especialidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe específica e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

Respecto a estas materias, o alumno necesariamente deberá examinarse das seguintes disciplinas vinculadas ás opcións que se sinalan:

-Matemáticas e física: opción científico técnica.

-Bioloxía e química: opción ciencias da saúde.

-Latín: opción humanidades.

-Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais: opción ciencias sociais.

-Debuxo artístico e historia da arte: opción artes.

En cada unha destas materias ofertaránselle ó alumnado dúas opcións de entre as que elixirá unha ou un único exame con diversas posibilidades de resposta. Estes exames poderán incluír comentarios, cuestións ou repertorios de problemas ou preguntas.

A duración das probas destas materias será de hora e media para cada unha delas.

Artigo 6º

No caso de que un alumno se presente por máis dunha opción, por ter cursado como optativa algunha ou algunhas das materias vinculadas a outras opcións de estudios universitarios, procederase do seguinte xeito para a realización do segundo exercicio:

a) Se as materias vinculadas ás opcións ás que concorren suman tres ou máis, examinarase unicamente delas.

b) Se as materias vinculadas ás opcións ás que concorren son soamente dúas, o alumno completará as tres das que debe examinarse cunha das que compoñen a súa modalidade cursada, á súa elección.

Artigo 7º

A cualificación de cada un dos exercicios que compoñen a proba de acceso realizarase da maneira seguinte:

1. Cada proba parcial cualificarase entre cero e dez puntos.

2. A cualificación do primeiro exercicio será a media aritmética das tres cualificacións seguintes:

a) Media aritmética das cualificacións de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura.

b) Cualificación do exercicio de lingua estranxeira.

c) Cualificación do exercicio de análise dun texto filosófico ou histórico.

3. A cualificación do segundo exercicio será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada unha das materias que o compoñen.

4. A cualificación global da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas nos dous exercicios.

En ningún caso poderá ser declarado apto o alumno ou alumna que non acade catro puntos na cualificación global da proba.

Artigo 8º

A cualificación definitiva para o acceso á universidade será a media aritmética entre a cualificación global da proba e a media final do expediente académico do alumno no bacharelato, obtida tal e como

se indica no artigo 9º.4, da presente orde. Para considerar superada a proba de acceso á universidade, deberase acadar unha puntuación de cinco ou superior na cualificación definitiva.

Artigo 9º

1. Os alumnos e as alumnas realizarán a inscrición e a proba de acceso nos lugares que determine a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Unha vez coñecidas as cualificacións finais obtidas no bacharelato, o alumno comunicará, mediante escrito dirixido ó director ou directora do centro, e segundo o modelo facilitado pola CIUG, a materia obxecto de exame no primeiro exercicio ó que se fai referencia no artigo 5º, apartado 2 d), da presente orde, a materia ou materias vinculadas á opción ou opcións polas que se presenta, así como as restantes materias que completan o segundo exercicio.

2. Os alumnos e as alumnas que desexen concorrer ás probas de acceso formalizarán a súa inscrición e aboarán as taxas correspodentes na mesma contía que está vixente para os alumnos e alumnas do curso de orientación universitaria (COU). Estes trámites realizaranse no centro segundo os prazos establecidos no apartado 3º deste artigo. A CIUG facilitará modelos de solicitude e as entidades bancarias nas que os alumnos e as alumnas deberán realiza-lo ingreso.

3. Os centros de ensino secundario e as escolas de artes aplicadas e oficios artísticos remitiranlle á CIUG, no prazo e segundo o procedemento que esta estableza, a información relativa ós alumnos a ás alumnas matriculados na convocatoria correspondente da proba de acceso.

A dita información incluirá, polo menos, os datos que seguen: nome e apelidos do/a alumno/a; opción ou opcións ás que concorre; nota media do seu expediente de bacharelato; lingua estranxeira sobre a que versará a parte do primeiro exercicio regulada no artigo 5º.2 c); elección da materia -filosofía ou historia- sobre a que versará a análise do texto correspondente ó primeiro exercicio, conforme o regulado no artigo 5º.2 d), desta orde; materias vinculadas á opción e, se é o caso, opcións ás que concorre e, finalmente, materias propias de modalidade ata completar, se é o caso, as tres das que debe examinarse conforme o regulado no artigo 6º desta orde.

4. Para a obtención da nota media do expediente académico do alumno á que fai referencia o artigo 8º da presente orde, computaranse as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos da modalidade de bacharelato cursada.

5. A nota media á que se fai referencia no apartado anterior non incluirá a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión católica, de conformidade co disposto no artigo 16.3º do Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro (BOE do 2 de decembro), polo que se establece a estructura do bacharelato.

6. A elección de materias ou de opción realizadas para a convocatoria de xuño poderá modificarse nas sucesivas convocatorias ás que o alumno teña dereito. Para iso, o interesado deberá notificarlle a súa decisión por escrito ó director ou directora do centro con anterioridade ó prazo que establezca a CIUG para que poida ser incluído na relación que se lle remite á universidade.

Artigo 10º

1. A organización das probas de acceso á universidade é competencia da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

2. Será competencia da CIUG, para a organización das probas de acceso, adopta-los acordos procedentes sobre:

a) A constitución dun tribunal único conforme os criterios establecidos no artigo 12º da presente orde.

b) A convocatoria, data e lugar de realización das probas.

c) Aqueles aspectos que afecten á organización das probas que se indican no artigo 5º desta orde.

d) A definición dos criterios de elaboración das probas nos termos establecidos nos criterios de avaliación dos diferentes currículos das materias obxecto de exame, e definidos no Decreto 275/1994, do 29 de xullo.

e) O encargo de elaboración das probas, a selección destas e os conseguintes criterios xerais de avaliación aplicables a cada unha delas.

f) A resolución das reclamacións, que deberán ser presentadas no prazo de cinco días hábiles contados desde a data de publicación das cualificacións.

g) As medidas destinadas a garanti-lo segredo do procedemento de elaboración e selección das probas.

Para adopta-los acordos procedentes no apartado d) deste artigo, a CIUG contará co asesoramento dun vocal procedente do Servicio de Inspección Técnica e dun vocal procedente do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

3. A CIUG poderalles solicitar ós Servicios de Inspección Técnica de Educación copias dos programacións elaboradas polos seminarios ou departamentos didácticos para as materias obxecto de exame nas probas de acceso.

4. A CIUG informará ós centros de bacharelato sobre a estructura e a organización das probas, e facilitaralles modelos de exame das distintas materias nos que se fará consta-la puntuación máxima que se outorgará a cada parte, e os criterios de corrección.

5. Trala convocatoria de setembro, a CIUG elaborará un informe no que se recollerán os resultados obtidos polos alumnos dos diferentes centros, así como unha relación dos problemas detectados. Este informe seralle remitido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º

1. As probas deberán, en tódolos casos, axustarse ós deseños curriculares base establecidos polo Decreto 275/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 31 de agosto).

2. A CIUG poderalles encarga-la elaboración das probas a especialistas da universidade, dos Servicios de Inspección Técnica de Educación, dos centros de ensino secundario e das escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, coñecedores do currículo do novo bacharelato.

3. As probas, elaboradas segundo os criterios que a CIUG establezca, deberán incluír necesariamente os criterios xerais da súa corrección, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva. Así mesmo, a CIUG elaborará os criterios específicos de corrección que servirán de base para a corrección dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que soliciten os alumnos.

Artigo 12º

1. A CIUG constituirá o tribunal único e as comisións delegadas e de avaliación das probas de aptitude para o acceso ás facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias de acordo cos criterios seguintes:

a) O presidente do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán nomeados polo presidente da CIUG entre profesores dos corpos ós que se refire o artigo 33.1º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, e reforma universitaria.

b) O secretario do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán designados pola CIUG.

c) Cada comisión delegada está integrada, ademais, exclusivamente por profesores especialistas das distintas materias que compoñen as probas.

Os membros das comisións de avaliación serán profesores especialistas designados en igual número entre profesores de universidade dos corpos mencianados no apartado anterior e profesores de ensino secundario que estean a imparti-la materia obxecto de exame, incluíndo tamén os profesores de escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, e corrixirán un número de exercicios non superior a douscentos.

2. Unha vez designados pola CIUG o presidente e mailo secretario das distintas comisións delegadas e de avaliación, designaranse os vocais entre aqueles profesores que lle solicitasen ó presidente da CIUG formar parte delas.

3. Co obxecto de garanti-la imparcialidade do proceso, os profesores que forman parte das comisións delegadas e de avaliación non poderán examinar ou avalia-los alumnos do seu centro de procedencia.

Un vocal designado por cada centro incorporarase á comisión delegada correspondente.

4. A CIUG velará polo mantemento do anonimato do alumno durante o proceso de realización e de corrección dos exercicios das probas de acceso.

5. Os criterios xerais de corrección ós que se alude no artigo 11º.3, da presente orde, deberán ser coñecidos polos membros das comisións delegadas e polos alumnos no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os alumnos finalizasen os seus estudios de bacharelato.

6. Unha vez corrixidos os exercicios, a CIUG porá á disposición dos vocais designados polos centros os exames corrixidos para a súa revisión.

Artigo 13º

1. Os alumnos poderán solicitar perante ó presidente da CIUG a revisión dos exercicios nos que se considere incorrecta a aplicación dos criterios específicos de corrección ós que se fai referencia no artigo 11º.3, da presente orde. A resolución, que de conformidade co establecido no convenio será asinada polos tres delegados dos rectores na CIUG, pon fin á vía administrativa.

2. Na solicitude de revisión deberá consta-lo criterio ou criterios que se considera aplicados incorrectamente e cantas outras alegacións se coiden oportunas. Será desestimada calquera reclamación que non cumpra este requisito.

3. O prazo de presentación de reclamacións será de cinco días hábiles contados desde a publicación das cualificacións.

Garantirase o anonimato durante todo o proceso.

Disposición adicional

Cada alumno disporá dun número de catro convocatorias. No referente ó control do número de convocatorias, observarase o disposto no punto noveno da Orde do 9 de xuño de 1993 (BOE do 10). Respecto á convocatoria extraordinaria para mellora-la cualificación, orde de prelación para o ingreso, carácter preferente das solicitudes daqueles alumnos que desexen ingresar en centros universitarios e, en xeral, a todo aquilo non previsto nesta orde, observarase o disposto no Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño (BOE do 26).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Universidades e Investigación e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para que, dentro das súas respectivas competencias, dicten as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será aplicable unicamente para o curso académico 1998/1999.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

4074