Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 15 de maio de 1998 Páx. 5.311

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de abril de 1998 pola que se regula o proceso de incorporación para o curso 1998-1999 dos estudiantes ó nivel universitario do ensino nos centros das tres universidades galegas.

A Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, prescribe no seu artigo 26.1º que é competencia do Goberno, oído o Consello de Universidades, o establecemento dos procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios. Así mesmo, o artigo 26.2º condiciona o acceso ós centros universitarios, á súa capacidade, determinada polas universidades, atendendo ós módulos obxectivos establecidos polo Consello de Universidades. Pola súa banda, o artigo 3.2º h) da mesma lei determina que a admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudiantes é competencia da autonomía das universidades. Así mesmo, o acceso esixe a superación dunhas probas de aptitude que regulou o Estado. Hai, daquela, unha regulamentación específica do acceso ós centros universitarios e hai unha regulamentación propia dos procedementos de ingreso ós centros universitarios.

As normas que establecen os procedementos de ingreso son competencia estatal e universitaria. Así o din o artigo 26.1º da LRU e o Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño de 1991), no que a norma xeral está desenvolvida. No procedemento de ingreso, este real decreto establece no artigo 10.2º que serán as universidades as que adoptarán as medidas necesarias para o exacto cumprimento do disposto neste e elas resolverán tódalas solicitudes e incidencias que puidesen presentarse.

As normas que regulan o acceso son competencia da universidade e do Estado. Por unha parte, a determinación do límite de prazas polas universidades, atendendo á súa capacidade, condiciona o acceso. Por outra, o acceso esixe a superación dunha proba de aptitude que xa regulou o Estado. O Real decreto 406/1988, do 29 de abril, regula a organización das probas de aptitude para o acceso. O artigo 1 deste real decreto establece que as universidades organizarán as probas. No artigo 2 determínase que, así mesmo, as universidades establecerán o procedemento para a elaboración dos enunciados dos exames. O real decreto 807/1993, do 28 de maio, que modifica parcialmente o artigo 4 do Real decreto 406/1988, do 29 de abril, determina a constitución dos tribunais das probas. A orde ministerial do 9 de xuño de 1993 (BOE do 10 de xuño), desenvolve o citado real decreto e establece a composición da comisión coordinadora das probas en cada universidade, e da Comisión Interuniversitaria, no suposto de

que varias universidades teñan a consideración de única para os efectos de ingreso nos seus centros.

Nesta situación propia do acceso e do ingreso, ten sentido afirmar que o Estado ten reservadas as competencias no que atinxe á normativa xeral e a universidade ten reservada a competencia no que

atinxe á resolución e execución concreta desa normativa.

Pola súa parte, a Comunidade Autónoma tamén ten competencia no acceso e no ingreso á universidade de xeito específico. O Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño, subliña, na disposición adicional primeira, que aquelas comunidades autónomas que teñan asumidas as competencias en materia de ensino superior poderán modificar, de acordo coas universidades afectadas, o establecido no seu artigo 3 a) e poderán adoptar procedementos para a distribución de estudiantes no ingreso nas universidades. Así mesmo, o Real decreto 807/1993 e a Orde do 9 de xuño de 1993 determinan a posibilidade de existencia da Comisión Interuniversitaria.

No caso concreto de Galicia, a LOSUC, Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece no seu artigo 10 o sistema universitario galego como unha realidade material e humana planificada e coordinada que aplica o principio do distrito único para os estudiantes. Isto quere dicir que os estudiantes en Galicia se incorporan a calquera centro de ensino universitario de Galicia con independencia do lugar da comunidade onde cursasen os estudios de secundaria ou realizasen as probas de acceso.

De todo o antedito derívase a necesidade de conxugar, no momento da incorporación dos estudiantes ó ensino universitario e nos procedementos de acceso e ingreso, os principios de distrito único, autonomía universitaria e coordinación dos procedementos e das competencias.

Cómpre, polo tanto, que se regulen para o curso 1998-99 o acceso e o ingreso, de xeito que se salienten os principios anteditos, pois, no seu conxunto, responden ás esixencias legais e reforzan a idea de sistema nas institucións universitarias galegas.

En consecuencia, logo de oída a Comisión Interuniversitaria, verbo do proceso de incorporación de estudiantes ó sistema universitario galego, e atendendo ó traballo que conxuntamente e de xeito coordinado se vén facendo para o desenvolvemento do sistema universitario galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-O proceso de incorporación dos estudiantes ó curso 1998-99 nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias do sistema universitario galego definido na Lei 11/1989 (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), será organizado polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, de acordo co establecido no convenio asinado polos tres rectores das devanditas universidades en presencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria con data do 31 de marzo de 1997 e que figura como anexo da presente orde.

Segundo.-As universidades, que participan por dereito propio na coordinación e organización do proceso, adoptarán tódalas medidas conxuntas que sexan necesarias verbo dos procedementos e tarefas propias da incorporación do alumnado ó ensino universitario para mellora-la racionalidade do proceso, aplicando os principios de distrito escolar único, autonomía universitaria e coordinación.

Terceiro.-O modelo de actuación, as tarefas e os procedementos acordados polas universidades quedaron recollidos no convenio específico asinado por elas, en presencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o 31 de marzo de 1997.

Cuarto.-Tendo en conta que o proceso de incorporación dos alumnos ó ensino universitario fai converxer diversos procedementos coñecidos como probas de aptitude para o acceso, probas de maiores de 25 anos, solicitude de admisión para o ingreso e distrito compartido interautonómico, estes ordenaranse temporalmente, de xeito que se posibilite o normal comezo do curso 1998-99. As universidades, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia, farán público o calendario e os prazos correspondentes a cada fase do procedemento.

Quinto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará a prestación de servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia (SASUGA), especificada en convenio coas universidades do 5 de marzo de 1993, para dar cumprimento ás funcións de apoio que lles son propias e que afectan ó procesamento informatizado dos aspectos comúns das tarefas e procedementos de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario. En todo caso, por medio da prestación de servicios no SASUGA realizarase a conxunción das listas de solicitude de admisión para o ingreso presentadas en cada universidade para elaborar progresivamente as listas de asignación de prazas e de espera que correspondan.

Sexto.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá ó dispor das universidades, en forma e prazo procedente, a aplicación informática para realiza-lo proceso de incorporación dos estudiantes ó sistema universitario.

2. A aplicación informática, que é propiedade da consellería, non pode ser modificada polas universidades nas súas copias e será revisada e rectificada coordinadamente.

Sétimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá os gastos que se deriven da prestación de servicios SASUGA.

Oitavo.-Os centros de ensino secundario deberán colaborar no proceso que se regula nesta orde, para os efectos de facilita-la información e a documentación que lles atinxe e que forma parte dos expedientes para o acceso.

Noveno.-Os rectores das tres universidades da Comunidade Autónoma dictarán as resolucións de carácter específico que sexan necesarias para o desenvolvemento do proceso, tendo en conta as competencias que teñen delegadas na Comisión Interuniversitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase á Dirección Xeral de Universidades para que dicte as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

CONVENIO ENTRE AS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS PARA DESENVOLVER E REALIZA-LO PROCESO DE INCORPORACIÓN DOS ESTUDIANTES Ó SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

Sendo o día 31 de marzo de 1997, reúnense en Santiago de Compostela, na sede da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en presencia de Celso Currás Fernández, conselleiro, e para proceder a formalizalo, os asinantes do convenio:

-O Rector Magnífico da Universidade da Coruña, José Luis Meilán Gil.

-O Rector Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva Prieto.

-O Rector Magnífico da Universidade de Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez.

EXPOÑEN:

1. Que o día 5 de marzo de 1993 asinaron os rectores das tres universidades de Galicia e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria un convenio para a prestación de servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia (SASUGA).

2. Que na cláusula seis do citado convenio, as universidades galegas comprometéronse a establecer, de común acordo, tódalas medidas conxuntas que afectan os procedementos e tarefas propias da incorporación do alumnado ó ensino universitario, co obxecto de mellora-la súa racionalidade baixo o modelo de xestión integrada e favorece-lo cumprimento dos principios de distrito único, autonomía universitaria e coordinación.

3. Que, en aplicación do establecido na cláusula seis do convenio asinado o 5 de marzo de 1993, cada ano asinouse un novo convenio que recolle as experiencias do curso anterior e os cambios introducidos pola orde do Ministerio de Educación e

Ciencia do 9 de xuño de 1993 (BOE do 10 de xuño) que modifica as probas de aptitude para o acceso á universidade e establece as funcións correspondentes ás comisións coordinadoras de cada universidade e ás interuniversitarias, nos casos de distrito único, en aplicación do R.D. 807/1993, do 23 de maio.

4. Que as universidades participan por dereito propio na coordinación e organización deste proceso que afecta os procedementos das probas de aptitude para o acceso, á solicitude de admisión para o ingreso, ó distrito compartido e ás probas de maiores de 25 anos.

5. Que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicou a Orde do 19 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 10 de maio) e a Orde do 15 de maio de 1996 (Diario oficial de Galicia do 31 de maio), pola que se regulan as probas de acceso á universidade para os alumnos que cursaron as ensinanzas do bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), e nela díctanse instruccións para a súa organización durante o período de implantación anticipada destas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na cláusula 7 do convenio asinado coas universidades para a prestación de servicios SASUGA, comprometeuse a publica-la orde pola que se regula o proceso de incorporación de estudiantes ó nivel universitario de ensino nos centros das tres universidades galegas, respectando o que se establecera no convenio asinado entre as tres universidades como proceso coordinado de incorporación dos estudiantes.

Tendo en conta a experiencia de anos anteriores, a Orde do 19 de abril de 1995, a Orde de 15 de maio de 1996 e a Orde do 21 de abril de 1997, acórdase concretar un novo convenio para desenvolver e realiza-lo citado proceso, estipulando as seguintes,

CLÁUSULAS:

1. O proceso de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario nas universidades galegas organizarase atendendo ós principios de distrito único, autonomía universitaria, coordinación do proceso e das competencias e desenvolvemento da xestión integrada baixo a idea xeral de modelo coordinado conxunto con procedementos idénticos e únicos para todo o distrito.

2. Pola aplicación destes principios, no proceso de incorporación ó ensino universitario (no que converxen os procedementos propios das probas de aptitude para o acceso, os das probas de maiores de 25 anos, os de distrito compartido e os de solicitude de admisión para o ingreso), as universidades acordan para a realización deste proceso:

-Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) única para o sistema universitario, en cada proce

demento. A CIUG velará polo cumprimento e execución deste convenio facendo, se procede, as oportunas interpretacións deste para levar a cabo as súas competencias.

-Probas, temarios e calendarios comúns.

-Procedementos homoxéneos en todo o territorio do sistema universitario galego.

-Tribunal de exame único para todo o distrito, cando proceda.

-Coordinadores de COU e directores de grupos de traballo LOXSE, das materias obxecto de exame nas PAAU, únicos para todo o sistema.

3. As universidades favorecerán e propiciarán o cumprimento das competencias, na realización do proceso, segundo a súa capacidade de execución administrativa.

4. Os procedementos xerais e homoxéneos que se acordan como correspondentes ó proceso de incorporación dos estudiantes, quedan recollidos no anexo I deste convenio.

5. As tarefas xerais e homoxéneas que se acordan como correspondentes ó proceso de incorporación dos estudiantes, quedan recollidas no anexo II deste convenio.

6. Os compoñentes da Comisión Interuniversitaria aparecen recollidos no anexo III deste convenio. Cumprindo a normativa estatal, a Comisión Interuniversitaria estará formada nas PAAU por seis persoas (tres representantes das universidades, delegados dos rectores, e tres do ensino medio).

Para o resto dos procedementos, a Comisión Interuniversitaria só terá tres membros, que son os delegados dos rectores.

7. Este convenio prorrogarase ano a ano automaticamente, salvo denuncia expresa dunha das partes asinantes no primeiro trimestre de cada curso. En todo caso, e de conformidade entre os asinantes do convenio, poderá modificarse o contido parcial de calquera dos anexos sen necesidade dunha denuncia expresa do convenio.

En proba de conformidade, e obrigándose ó seu cumprimento, asínase este documento no lugar e data indicados.

Pola Universidade da Coruña

J.L. Meilán Gil

Pola Universidade de Santiago de Compostela

F.D. Villanueva Prieto

Pola Universidade de Vigo

J.A. Rodríguez Vázquez

ANEXO

PROCEDEMENTOS

I. Procedementos que se deben seguir para coordinar e executa-lo proceso de incorporación dos estudiantes ás titulacións universitarias.

I.A. Normas xerais.

Os principios básicos derivados do exposto anteriormente levan a defender tres principios na conxu

gación das cuestións que atinxen á incorporación ás universidades.

-Distrito único.

-Autonomía das universidades.

-Necesaria coordinación do proceso e das competencias.

1. De acordo co principio de distrito único, as probas e o calendario serán comúns e os procedementos serán homoxéneos en todo o territorio.

2. A autonomía das universidades implica que cada unha delas asuma as súas funcións nas tarefas e procedementos de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario, tanto no deseño e control deles como na súa execución, sen prexuízo das competencias da Comisión Interuniversitaria.

Tamén é obriga da autonomía universitaria propicia-la competencia administrativa de cada universidade para a custodia dos expedientes, a execución das probas e a verificación dos coñecementos dos estudiantes.

3. A complexidade das tarefas fai imprescindible dota-lo sistema universitario galego dunha infraestructura informática (máquinas e aplicacións) que actúe conxuntamente para as tres universidades e que estea operativa cos seus técnicos, para lle prestar, con prioridade e disposición absoluta, os servicios de apoio requiridos pola Comisión Interuniversitaria de cara ó cumprimento do principio de distrito único.

4. A incorporación dos estudiantes ó ensino universitario comporta neste documento os seguintes procedementos:

-Probas de aptitude para o acceso á universidade para alumnos de COU e de bacharelato LOXSE.

-Solicitude de admisión para o acceso na universidade en titulacións con límite de prazas.

-Distrito compartido.

-Probas de aptitude para o acceso á universidade para maiores de 25 anos.

5. O traballo administrativo xerado no proceso de incorporación, nun prazo curto de execución, aconsella, na procura da eficacia administrativa, ter en conta, ó mesmo tempo, un tratamento común do conxunto do alumnado que solicita a súa incorporación ás universidades e a diversificación dos puntos de recepción de documentación en función da situación dos centros de ensino medio. Esta territorialización administrativa non xera dereito ningún de preferencia verbo da admisión de alumnos no sistema universitario de Galicia.

6. Con periodicidade anual, logo de realiza-lo proceso cada curso, a aplicación informática e os procedementos terán que ser revisados á vista dos correspondentes informes técnicos, para acadar un producto continuamente mellorado.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cobre a prestación de servicios de apoio ó sistema universitario galego (SASUGA) de cara ó cumprimento do principio de distrito único.

8. Os elementos que se deben conxugar nas tarefas e procedementos propios do proceso de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario, baixo os principios xerais de autonomía, distrito único e coordinación, dado o entendemento acadado e a experiencia dos cursos anteriores, permiten xerar un modelo conxunto de actuacións definido en procedementos idénticos e únicos para todo o distrito.

9. O proceso de incorporación dos estudiantes iníciase coa publicación da correspondente orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de asinado o convenio entre os rectores e de estaren nomeados os membros da Comisión Interuniversitaria.

I.B. Procedemento propio das probas de aptitude para o acceso á universidade para alumnos de COU e de bacharelato LOXSE.

1. As probas de aptitude para o acceso á universidade (PAAU) organízanse, de acordo co establecido neste convenio, conxuntando os seguintes órganos e tarefas:

-Comisión interuniversitaria.

-Un tribunal único para o sistema universitario.

-Comisións delegadas.

-Comisións de avaliación.

-Seminarios permanentes de COU e grupos de traballo LOXSE das diferentes materias obxecto de exame das PAAU.

-Diversificación dos puntos de captura de datos, para os efectos administrativos, tendo en conta a localización dos centros de EE.MM.

-Xestión académica integrada coa aplicación informática común.

-Exame, calendario e temario único para cada unha das dúas modalidades de acceso (COU e bacharelato LOXSE).

A Comisión Interuniversitaria para todo o sistema, que está recollida na orde ministerial do 9 de xuño de 1993, estará constituída por tres profesores de universidade, cada un deles delegado do rector correspondente, e tres profesores de EE.MM. nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Esta comisión ten competencias para resolve-los asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para cumprimento do principio de distrito único.

Para a realización material das probas de acceso de alumnos de COU e de bacharelato LOXSE, así como para verifica-los seus coñecementos e revi

sa-la súa cualificación trala presentación das reclamacións, a Comisión Interuniversitaria nomea o tribunal único das PAAU, que estará constituído por:

-Un presidente, un secretario e, se é o caso, un vicepresidente.

-Comisións delegadas para actuaren en cada un dos centros nos que se realicen as probas, que, segundo o criterio de aproximación ós alumnos dos procedementos de incorporación, estarán necesariamente territorializadas. A Comisión Interuniversitaria establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a situación destas, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

-Comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame nas PAAU, presididas polos coordinadores e polos directores de grupos de traballo LOXSE e constituídas, así mesmo, por vocais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento, de acordo coa normativa vixente.

2. A Comisión Interuniversitaria nomea os coordinadores de COU e os membros dos seminarios permanentes. Haberá tantos seminarios como materias obxecto de exame, con excepción das materias afíns, nas que a comisión adoptará a solución de modo conxunto e operativo. Respecto da súa tarefa, os coordinadores poderán estar asistidos, se a comisión o considera oportuno, por subcoordinadores, que deberán ser profesores numerarios de universidade, do mesmo xeito cós coordinadores.

3. Constitúense grupos de traballo LOXSE das diferentes materias obxecto de exame nas PAAU coa finalidade de asesora-lo director do grupo en cuestións relacionadas co contido das probas de aptitude para o acceso á universidade de alumnos procedentes de bacharelato LOXSE. A Comisión Interuniversitaria, xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establecerá o número de grupos de traballo, determinará a súa composición e funcións e nomeará os seus compoñentes. Para o desenvolvemento das súas funcións, os directores de grupo poderán estar asistidos por subdirectores, que deberán ser profesores numerarios de universidade, do mesmo xeito cós directores, ámbolos dous nomeados pola Comisión Interuniversitaria.

4. O calendario das probas de acceso fixarase coordinadamente en reunión da Comisión Interuniversitaria co SASUGA, tendo en conta as posibilidades deste organismo.

5. O exame será común e fixado por sorteo pola Comisión Interuniversitaria a partir de alomenos seis propostas solicitadas a cada coordinador de COU ou director de grupo de traballo LOXSE da materia correspondente. A CIUG fará un sorteo público das propostas para determina-los exames que se van empregar. Non haberá anulación das probas como primeira resolución, senón suspensión preventiva e/ou aprazamento dunha determinada proba, sempre que se dera o caso.

6. Para efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de ensinanzas medias, establécense LERDS territorializados, onde se instrúan os expedientes e executen os procedementos administrativos e informáticos ó nivel do usuario (solicitante - centro de EE.MM.) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.).

7. A captura de datos de BUP, COU e bacharelato LOXSE, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da Comisión Interuniversitaria a través das tres universidades, tendo en conta ó SASUGA verbo das posibilidades informáticas da aplicación. Os centros de EE.MM. Facilitaranlle á Comisión Interuniversitaria as actas de COU e/ou as certificacións das cualificacións do bacharelato LOXSE e os disquetes debidamente cubertos cos datos persoais e académicos necesarios para o proceso, segundo as instruccións e dentro dos prazos establecidos pola Comisión Interuniversitaria.

8. O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula das probas de acceso é competencia da Comisión Interuniversitaria, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema. A Comisión Interuniversitaria establecerá para cada centro de ensino medio os lugares, datas e procedemento da matrícula das PAAU.

Para facer efectiva a matrícula, os alumnos aboarán os prezos públicos de matrícula establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

9. Tódalas reclamacións verbo das cualificacións das probas serán dirixidas ó presidente da Comisión Interuniversitaria a través do LERD que teña asignado o alumno (enténdese que os alumnos quedan adscritos para a presentación e resolución das reclamacións ós LERDs das tres universidades, de acordo coa asignación de centros de ensino medio). As reclamacións serán resoltas pola Comisión Interuniversitaria, trala revisión dos exames reclamados por parte dos membros do tribunal único designados pola devandita Comisión. A resolución será asinada polos tres delegados dos rectores na comisión.

Esta resolución, que esgota a vía administrativa, farase pública na sede da CIUG e seralles comunicada ós LERDs, e ós rectorados das tres universidades. Tamén se dará conta desta ó SASUGA para que proceda a actualiza-lo seu banco de datos. As responsabilidades posteriores á resolución da reclamación recaerán na universidade á que pertenza o LERD ó que está vinculado o centro de ensino medio polo que o alumno se presentou ás probas de acceso.

As reclamacións ó procedemento de realización das probas tamén serán dirixidas ó presidente da Comisión Interuniversitaria, que será o responsable de asina-la súa resolución, recaendo as posteriores responsabilidades na universidade á que pertenza o presidente da comisión.

Os custos derivados das sentencias xudiciais no caso das reclamacións orixinadas por normativas emanadas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recaerán na devandita consellería.

10. As actas das probas de acceso á universidade serán elaboradas polo SASUGA a partir das cualificacións outorgadas polo tribunal único e da resolución das reclamacións a estas por parte da CIUG.

A custodia dos expedientes dos alumnos que concorren ás PAAU correspóndelle á universidade respectiva segundo o LERD que teña utilizado o alumno. O arquivo e a custodia das actas de COU e das actas das probas de acceso correspóndelles ás tres universidades. Cada alumno que queira iniciar estudios noutro distrito, presentará, para os efectos de traslado, a solicitude na universidade galega que elixa como universidade de orixe. Esta universidade é a encargada de facerlle chegar á comisión Interuniversitaria a petición. A Comisión será a encargada de tramita-lo traslado asinado polo delegado do rector correspondente á universidade de orixe. A CIUG arquivará os datos dos alumnos do SUG que realizan traslado de expediente.

I.C. Procedemento propio das solicitudes de admisión para o ingreso no Sistema Universitario de Galicia.

1. As solicitudes de admisión para o ingreso en titulacións con límite de prazas do sistema universitario de Galicia, en cumprimento da normativa vixente, será controlada no seu procedemento pola Comisión Interuniversitaria, co fin de que se cumpra o principio de distrito único.

A Comisión Interuniversitaria estará composta neste caso só polos delegados dos rectores e terá a mesma responsabilidade xeral que nas PAAU, tendo en conta tamén para este procedemento as posibilidades informáticas do SASUGA.

2. O calendario para a presentación de solicitudes de admisión para o ingreso, e mailo de desenvolvemento do procedemento, fixarase coordinadamente en reunión da Comisión Interuniversitaria co SASUGA. Para todo o sistema universitario abriranse os mesmos prazos e datas de solicitude de admisión. Os documentos formalizados da solicitude serán comúns e deseñados coordinadamente. En todo caso, para os alumnos que superen as PAAU na convocatoria de xuño, abrirase o prazo para as solicitudes de admisión despois de publicados os límites de prazas e as cualificacións correspondentes. Unha vez publicadas as cualificacións de setembro, abrirase un prazo de solicitude de admisión para aqueles alumnos que non o fixeran en ningún outro prazo no curso actual.

3. A solicitude de admisión para o ingreso, debidamente cuberta e dirixida á Comisión Interuniversitaria, entregarase nalgún dos LERDs existentes. Dado que hai titulacións repetidas en campus distintos, cada alumno poderá indicar na súa solicitude

ata cinco titulacións diferentes cun máximo de dez localizacións, no caso de titulacións autorizadas en máis dun centro. A CIUG, a través das universidades encargarase de que tódalas solicitudes sexan introducidas no sistema informático do SASUGA, segundo o procedemento establecido pola Comisión Interuniversitaria.

A universidade determinará a non admisibilidade a trámite das instancias que non reúnan os requisitos legais ou regulamentariamente establecidos. Contra a non admisibilidade a trámite poderase presentar ante o presidente da CIUG reclamación nos prazos establecidos.

4. O SASUGA, seguindo as instruccións da Comisión Interuniversitaria, fará o listado de asignación de prazas por titulacións e centros, segundo as opcións manifestadas polos alumnos no impreso de solicitude e atendendo ós seus datos académicos introducidos. Tódolos alumnos serán asignados nas listas de convocados a matrícula ou de espera, tendo en conta, de entre as súas opcións, a primeira das posibles.

5. Na convocatoria de setembro non se ofertarán as titulacións que teñan tódalas prazas esgotadas pola matrícula de xuño ou aquelas nas que a Comisión Interuniversitaria estimara que existen datos obxectivos que aconsellen esa acción. Esta mesma consideración será aplicada pola Comisión Interuniversitaria particularmente a cada un dos colectivos.

6. O SASUGA transmitiralle ó sistema informático de cada universidade as listas completas de asignación de prazas no sistema universitario, indicando as posibilidades da solicitude en relación co distrito único.

7. A Comisión Interuniversitaria, ben por si, ou por medio das universidades, procederá a facer pública a relación de alumnos que foron admitidos nas distintas titulacións, establecendo o prazo para formaliza-la matrícula.

8. Cada universidade custodia a documentación correspondente ós alumnos que presentaron a súa solicitude en calquera dos LERDS desa universidade.

9. Os titulados universitarios, os de FP2, os de módulos profesionais de nivel 3 e os de ciclos formativos de grao superior, que soliciten a súa admisión en titulacións universitarias con límite de praza, deberán acharse en posesión do título que os habilita para o acceso no momento de face-la solicitude. Estes solicitantes, así como os estranxeiros, os alumnos de anos anteriores e os alumnos doutros distritos universitarios, dos que non se dispón de datos informatizados, xa que achegan un expediente novo, teñen que presenta-la solicitude anticipada, nun dos LERDs da universidade da súa elección. As universidades recollerán os datos persoais e académicos destes colectivos e introduciranos no soporte informático como determine a Comisión Interuniversi

taria, de acordo coas posibilidades informáticas da aplicación.

No caso de que os solicitantes provenientes da formación profesional (FP2, módulos profesionais de nivel 3 e ciclos formativos de grao superior) presenten a mesma nota media final para os efectos de acceso a ensinanzas universitarias, de xeito que a demanda de prazas sexa superior á oferta, resolverase o desempate aplicando o procedemento descrito na Resolución do MEC do 25 de abril de 1996 (BOE do 7 de maio). De persisti-lo empate, trala aplicación desta normativa, resolverase a admisión utilizando como criterio de adxudicación a nota media final dada pola media aritmética das cualificacións numéricas correspondentes a cada un dos cursos que integran os estudios previos que dan acceso ós de formación profesional antes aludidos.

10. A reclamación dun alumno respecto da resolución da súa solicitude de admisión dirixirase ó presidente da Comisión Interuniversitaria a través do LERD no que presentou a súa solicitude. A Comisión Interuniversitaria procederá a resolver, en función de criterios homoxéneos, as peticións dos reclamantes dentro do conxunto de solicitudes do sistema universitario, seguindo un calendario prefixado para as reclamacións e aplicando o principio de distrito único. A resolución da reclamación será asinada polo delegado do rector da universidade á que pertence a titulación que motivou a reclamación e seralle comunicada ó interesado, ben individualmente, ben a través das listas de asignación, fixándolle prazo de matrícula, se procede. Na devandita universidade recaerán as posteriores responsabilidades da resolución da reclamación.

A resolución das reclamacións ó procedemento será asinada polo presidente da Comisión Interuniversitaria, recaendo as posteriores responsabilidades na universidade á que pertenza este.

Os custos derivados das sentencias xudiciais no caso das reclamacións orixinadas por normativas emanadas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recaerán na devandita consellería.

Unha vez considerada a resolución da reclamación dentro do sistema universitario, o SASUGA procederá, seguindo as instruccións da Comisión Interuniversitaria, a actualiza-las bases de datos existentes e as listas de asignación. Posteriormente, cada universidade recibirá a nova lista de asignación.

I.D. O procedemento propio do distrito compartido.

1. O Consello de Universidades ten atribuídas, actualmente, as competencias sobre o distrito compartido.

2. O impreso de solicitude é deseñado polo Consello de universidades; as universidades encárganse da súa distribución e divulgación.

3. O calendario do distrito compartido fíxase no Consello de Universidades en reunión coas comu

nidades autónomas (distritos únicos). A Xunta de Galicia fará vale-los intereses das universidades de Galicia nas reunións de programación.

4. Os alumnos de Galicia non poden acollerse dentro da Comunidade Autónoma ó distrito compartido, xa que pertencen ó sistema de distrito único. Precisamente por iso, ningún alumno do distrito compartido ingresará cunha nota inferior á nota de corte inicial determinada pola solicitude de admisión ordinaria en cada titulación.

5. As solicitudes de distrito compartido para fóra de Galicia serán presentadas por cada alumno na universidade galega que elixa como universidade de orixe. Presentarán tantos impresos de solicitude como tantas sexan as universidades distintas que soliciten.

A universidade galega de orixe é a encargada de remitirlle a cada universidade de fóra de Galicia as peticións de prazas correspondentes ós alumnos galegos.

6. Cada universidade galega recibe tódalas solicitudes de prazas para os seus centros que lle chegan desde o resto das universidades españolas polo distrito compartido e procede a gravar e a envía-los datos ó Consello de Universidades polo procedemento que se estableza.

7. A Dirección Xeral de Universidades, a través do SASUGA, remitiralle ó Consello de Universidades a nota de corte para cada titulación do sistema universitario galego, subliñando que o distrito compartido está limitado ó número de prazas establecido cada ano polo Consello de Universidades.

8. As universidades elaborarán a lista de asignación de prazas do distrito compartido para as titulacións de Galicia, informando en cada caso da opción estimada e das desestimadas e da lista de espera en cada titulación.

9. As universidades notificaranlle ó interesado a súa admisión na titulación e o prazo de matrícula establecido.

10. A reclamación dun alumno ó que se lle denegue unha opción irá dirixida ó rector da universidade á que pertence a opción denegada, que resolverá o que proceda.

11. As universidades son as responsables de notificarlle ó alumno a estimación ou desestimación da súa reclamación, sendo depositaria e responsabilizándose da custodia dos documentos correspondentes ás solicitudes dos alumnos que piden praza nas súas titulacións.

I.E. Procedemento propio do ingreso dos maiores de 25 anos.

1. As probas dos maiores de 25 anos teñen a súa regulamentación nas O.M. do 24 de febreiro de 1981 e Orde do 26 de maio de 1971. Así mesmo, hai unha referencia na Lei 1/1990, do 3 de outubro e no R.D. 1005/1991, do 14 de xuño.

2. A normativa outórgalles ás universidades a competencia para realiza-las probas de maiores de 25 anos. A proba ten que ser convocada entre o 1 de febreiro e o 31 de marzo.

A normativa prescribe, en xeral:

-Valoración do currículo do solicitante.

-Aprobación por parte do MEC do sistema de probas que ten que empregar cada universidade.

-Tipos de probas.

-Necesidade de que se inscriba o alumno no centro da súa elección logo de aproba-las probas.

3. Para homoxeneiza-lo procedemento, cómpre fixa-lo modelo do seguinte xeito:

-Convocatoria xeral única de probas de maiores de 25 anos para acceder ó sistema universitario de Galicia, dirixida ós que, tendo cumpridos 25 anos o día 1 de outubro do ano natural no que se realizan as probas, non posúan titulación ningunha que os habilite para acceder á universidade polos procedementos ordinarios.

-Comisión Interuniversitaria única para o sistema universitario para os efectos de directrices comúns de calendario, temario, exame, etc. A Comisión Interuniversitaria estará composta polos tres delegados dos rectores.

-Exame único elixido ó chou na Comisión Interuniversitaria a partir de, alomenos, tres propostas do tribunal.

-Tribunal nomeado pola Comisión Interuniversitaria.

4. A Comisión Interuniversitaria deseñará os impresos normalizados de matrícula coordinadamente co SASUGA. A gravación de datos destes alumnos farase no LERD que elixa o alumno para matricularse das probas.

Todos eses datos serán introducidos no sistema informático do SASUGA polo medio e segundo o procedemento que determine a Comisión Interuniversitaria, a partir das gravacións da universidade.

Cada universidade é depositaria e custodia os expedientes dos alumnos que se lle matriculen nas probas de maiores de 25 anos.

A realización dos trámites de matrícula para as probas nunha universidade non xera dereito de preferencia de prazas.

5. Haberá un tribunal único e común para o exame e convocarase sempre que sexa posible a un único lugar de exame. O tribunal ten competencias para realiza-la proba e verifica-los coñecementos dos alumnos.

6. As actas das probas serán elaboradas polo SASUGA a partir das cualificacións outorgadas polo

tribunal único, unha vez resoltas as reclamacións interpostas a estas. O arquivo e a custodia das actas das probas de acceso correspóndelles ás tres universidades e á Comisión Interuniversitaria.

Tódalas reclamacións respecto das cualificacións das probas serán dirixidas ó presidente da Comisión Interuniversitaria a través dos LERDs. As reclamacións serán resoltas pola Comisión Interuniversitaria trala revisión dos exames reclamados por parte dos membros do tribunal designados pola devandita comisión. A resolución será asinada polos tres delegados dos rectores na comisión.

Esta resolución, que esgota a vía administrativa, faraa pública a Comisión Interuniversitaria na sede da CIUG e seralles comunicada ós LERDs e ós rectorados das tres universidades. Tamén se dará conta desta ó SASUGA para que proceda a actualiza-lo seu banco de datos.

As responsabilidades posteriores á resolución da reclamación recaerán na universidade á que pertenza o LERD a través do que se presentou a reclamación.

As reclamacións ó procedemento de realización das probas tamén serán dirixidas ó presidente da Comisión Interuniversitaria, que será o responsable de asina-la súa resolución, recaendo as posteriores responsabilidades na universidade á que pertenza o presidente da comisión.

7. Para os alumnos aprobados nestas probas, a Comisión Interuniversitaria establecerá os prazos e procedementos de matrícula nunha das titulacións vinculadas á opción elixida na proba de acceso.

A superación das probas habilita o alumno para se matricular no SUG no curso académico para o que fixo as probas ou, como máximo, no curso seguinte.

8. As reclamacións, referentes á asignación das prazas, serán dirixidas ó presidente da Comisión Interuniversitaria. A resolución da reclamación será asinada polo delegado do rector da universidade á que lle corresponde a praza reclamada, recaendo as responsabilidades na universidade á que pertence a devandita praza.

A universidade terá á disposición da Comisión Interuniversitaria os documentos que lle fagan posible informa-la reclamación, seguindo un calendario prefixado, e tendo en conta as condicións propias do ingreso dos maiores de 25 anos.

Logo de realiza-la resolución das reclamacións, a Comisión Interuniversitaria comunicaralle o seu resultado ó interesado, á universidade correspondente, e ó SASUGA, para os efectos de actualización do seu banco de datos.

9. Os custos derivados das sentencias xudiciais no caso das reclamacións orixinadas por normativas emanadas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recaerán na devandita consellería.

ANEXO III

A Comisión Interuniversitaria terá a seguinte composición:

1) Para as probas de aptitude para o acceso á universidade: un presidente e dous vicepresidentes, por parte das universidades, e tres vocais por parte dos centros de ensino medio designados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

Presidente: Santiago B. Tarrío Carrodeguas, (delegado do rector da Universidade da Coruña).

Vicepresidentes: José Peleteiro Salgado, (delegado do rector da Universidade de Vigo).

José Miñones Trillo, (delegado do rector da Universidade de Santiago de Compostela).

Vocais: Pilar Piñeiro Vázquez.

José Manuel Traseira Meilán.

Juan Luis Saco Cid.

2) Para o resto dos procedementos, a comisión estará composta polos tres membros designados polas universidades.

4152