Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 05 de xuño de 1998 Páx. 6.227

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 156/1998, do 28 de maio, polo que se aproba o plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural das illas Cíes.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de adecua-la xestión dos espacios naturais protexidos e das especies que se van protexer ós principios inspiradores dela, para o cal se fai precisa a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita alcanza-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sostido e desfrute público destes espacios.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

Por outra parte, el IV programa de acción comunitaria en materia de ambiente, aprobado por resolución do Consello da CEE, o 19 de outubro de 1987, acentúa o carácter global e integrador da política ambiental respecto ás sectoriais, e considera a protección do medio ambiente como un factor fundamental na toma de decisións económicas, decantándose pola integración das esixencias ambientais na planificación.

Dentro deste contexto recoñécese que os achegamentos preventivos na xestión do medio ambiente son os máis racionais e efectivos a longo prazo e, en consecuencia, a necesidade de adoptar enfoques preventivos no tratamento da problemática ambiental no proceso xeral de toma de decisións e en cada un dos fitos do dito proceso.

Ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo co fin de harmoniza-las actividades eco

nómicas e o ambiente no espacio natural das illas Cíes, procédese á redacción do Plan de Ordenación de Recursos Naturais.

O PORN elaborado pola Consellería de Medio Ambiente respecta os obxectivos e contido que recolle o artigo 4 da Lei 4/1989. Así delimita e describe o ámbito territorial, define o estado de conservación dos recursos e ecosistemas zonifica (en cinco zonas: mariña, de reserva, de uso restrinxido, de uso moderado, e de uso especial) e determina as limitacións para cada zona; concreta as actividades que requiren un réxime de avaliación e establece criterios orientadores para as distintas políticas sectoriais. O articulado do presente decreto recolle un resumo da descrición e as principais prescricións para cada unha das zonas do parque natural.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do parque natural das illas Cíes incluíu, entre outros, os trámites de audiencia ós interesados, información pública mediante publicación no DOG e consulta dos intereses sociais.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título segundo da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, apróbase o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do espacio natural das illas Cíes como instrumento de ordenación dos seus recursos naturais, que inclúen o parque natural declarado polo Real decreto 2497/1980 do 17 de outubro, e as súas augas adxacentes.

Artigo 2º

Para efectos do PORN considérase ámbito territorial o espacio marítimo-terrestre limitado polas isóbatas de 10 m que rodean ás illas de Monte Faro, Monte Agudo, San Martiño e Boeiro e illotes adxacentes na parte que corresponde ás augas interiores competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

Este espacio natural encóntrase localizado dentro do conxunto xeográfico das rías baixas na zona exterior da ría de Vigo. Abarca unha superficie de 997 ha das que 433,58 ha corresponden á zona emerxida declarada parque natural.

Artigo 4º

Para facer compatible a conservación e uso sostido dos recursos naturais coas distintas actividades que

se desenvolven nel, ordénase o territorio nas seguintes zonas:

Zona mariña

Comprende o ámbito de dominio público marítimo delimitado pola isóbata 10 m que rodea as illas de San Martiño, Faro e Monteagudo de forma continua e dentro das augas interiores competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inclúese, tamén, a franxa mariña que rodea a illa Boeiro, definida pola mesma isóbata.

Sen prexuízo das competencias exercidas pola Administración do Estado, regúlanse na presente zona os usos e actividades que poidan afecta-los recursos naturais de flora e fauna contidos nela.

A zona mariña é utilizada pola poboación local para aproveitamentos tradicionais, polos visitantes nas súas actividades recreativas, así como polo tráfico das embarcacións nos seus accesos ó arquipélago. Nela permitirase o emprego das artes de pesca de liña e de nasas.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros.

-Restauración e recuperación do patrimonio.

b) Usos e actividades suxeitas a avaliación de impacto ambiental:

-Liñas de conducción eléctrica, telegráfica, telefónica e instalacións enerxéticas.

-Peiraos de atraque e dotacións asociadas.

c) Usos e actividades non permitidas:

-Introducción de especies.

-Pesca de recreo.

-Recolección total ou parcial de especies, agás os aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros.

-Almacenamento de residuos e fornos de incineración.

-Vertidos ó medio mariño.

Co obxecto de compatibiliza-los aproveitamentos cos usos recreativos e cos requirimentos de protección de determinadas especies mariñas, establécese unha subzona mariña de uso restrinxido, na que se permitirá o tráfico de embarcacións (suxeito a unha velocidade máxima de 8 nós), a ancoraxe ocasional, o baño e os aproveitamentos marisqueiros debidamente regulados. Esta subzona comprende a franxa marítima definida polos paralelos que pasan por Laxe do Peito, na illa de Monteagudo e Suaponte na illa de San Martiño, na cara oriental de ambas.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Restauración e recuperación do patrimonio

-Aproveitamento pesqueiro e marisqueiro

b) Usos e actividades sometidas a avaliación de impacto ambiental:

-Líñas de conducción eléctrica, telegráfica, telefónica e instalacións enerxéticas.

c) Usos e actividades non permitidas:

-Almacenamento de residuos e fornos de incineración.

-Construcción de peiraos de atraque e dotacións asociadas.

-Introducción de especies.

-Pesca de recreo.

-Recolección total ou parcial de especies, agás os aporoveitamentos pesqueiros e marisqueiros.

-Vertidos ó medio mariño.

Zona de reserva

Comprende os cantís da costa noroccidental, a zona de nidificación do corvo mariño moñudo e da gaivota patiamarela, a zona de dunas de Figueiras, Puntamixueiro, e praia da Nosa Señora, así como tódolos illotes entre os que destacan de forma especial os de Pedra Cantareira, Pela dos Viños e Boeiro. Na illa Sur, inclúese como zona de reserva todo o litoral excepto a praia de San Martiño.

Nesta zona de elevada fraxilidade e alto valor ecolóxico, permitiranse as actuacións relativas á investigación científica e aquelas necesarias para garanti-la conservación e o equilibrio natural. Expresamente queda excluído o acceso de calquera persoa allea ós usos marisqueiros tradicionais e ás necesidades de vixilancia e xestión do espacio e, por tanto, calquera aproveitamento de recursos alleos ó anteriormente descrito.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Aproveitamento pesqueiro e marisqueiro.

b) Usos e actividades sometidas a avaliación de impacto ambiental:

-Restauración e recuperación do patrimonio.

c) Usos e actividades non permitidas:

-Almacenamento de residuos e fornos de incineración.

-Vertidos ó medio mariño.

-Introducción de especies.

-Sendeirismo e observación da natureza.

-Acampada.

-Uso de praias para baño.

-Actividades náuticas ou subacuáticas.

-Pesca de recreo.

-Recolección total ou parcial de especies, agás os aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros.

-Edificacións.

-Instalacións permanentes ou provisionais de servicios.

-Mellora de vías existentes e novas vías de servicios.

-Liñas de conducción eléctrica, telegráfica, telefónica e instalacións enerxéticas.

Zona de uso restrinxido.

Comprende a zona do interior das illas non incluídas nas zonas doutros usos. Abarca zonas con presencia de sistemas naturais relativamente ben conservados e de fraxilidade media ou media-baixa, na que se propiciarán as actividades de rexeneración evolutiva, evitándose calquera presión antrópica que poida entrar en conflicto cos intereses de conservación.

Co fin de evitar unha deterioración significativa nos ecosistemas, o acceso estará restrinxido á rede de pistas que a atravesan.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Actividades científico-culturais.

-Restauración e recuperación do patrimonio.

-Mellora de vías existentes e novas vías de servicios.

b) Usos e actividades sometidas a avaliación de impacto ambiental:

-Edificacións de utilidade pública e interese social.

-Liñas de conducción eléctrica, telegráfica, telefónica e instalacións enerxéticas.

-Almacenamento de residuos e fornos de incineración.

c) Usos e actividades non permitidas:

-Introducción de especies.

-Acampada.

-Recolección total ou parcial de especies.

Zona de uso moderado.

Confórmana as formacións litorais de acumulación areosa, onde se encontran elementos fráxiles, como os sistemas dunares, xunto a unidades de gran capacidade de amortecemento de efectos, como o baixo de praia, circunstancia que fai posible o uso moderado dela.

Inclúe as praias da costa oriental das illas de Monteagudo e Faro, desde o faro de Monteagudo en dirección sur, pasando por Costa Cantareira, a praia das Margaritas, praia de Figueiras, praia de Rodas ata a praia da Nosa Señora. A zona de uso moderado da illa Sur redúcese á praia de San Martiño.

Debida á alta demanda social por parte dos visitantes, en especial durante o período estival, a xestión irá enfocada a ordenar este uso antrópico ó mesmo tempo que asegura a preservación dos ecosistemas máis fráxiles.

Propiciaranse aquelas accións que supoñan unha mellora das instalacións de uso público, orientadas a minora-lo impacto antrópico, sen prexuízo dos labores de rexeneración evolutiva, necesarias para a conservación dos elementos máis singulares.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Actividades científico-culturais.

-Restauración e recuperación do patrimonio.

-Mellora de vías existentes e novas vías de servicio.

b) Usos e actividades non permitidas:

-Introducción de especies.

-Acampada.

-Pesca de recreo.

-Aproveitamento pesqueiro e marisqueiro, excepto a navalla na praia de Rodas.

-Recolección total ou parcial de especies.

Zona de uso especial.

Esta zona recolle o terreo sobre o que se desenvolven as infraestructuras de comunicación polo interior da illa, así como os peiraos de Rodas e Carracido, zona de acampada, edificacións e outras instalacións de servicios públicos.

a) Usos e actividades permitidas con autorización expresa:

-Actividades científico-culturais.

-Restauración e recuperación do patrimonio.

-Aproveitamento pesqueiro e marisqueiro.

-Mellora de vías existentes e novas vías de servicio.

-Peiraos de atraque e dotacións asociadas.

b) Usos e actividades non permitidas:

-Introducción de especies.

-Recolección total ou parcial de especies.

Artigo 5º

No referente ós restantes usos e actividades que se poden levar a cabo dentro dos límites do espacio natural haberá que se ater ó disposto na normativa vixente en materia de conservación da natureza, así como no resto das disposicións reguladoras do parque natural das illas Cíes.

Artigo 6º

O outorgamento das autorizacións previstas no presente decreto corresponderalle ó órgano competente por razón da materia, logo de informe preceptivo da xunta rectora do parque natural.

Disposición adicional

Con carácter excepcional poderase acomete-la remodelación do cámping existente na illa de Monte

Faro, de acordo coas condicións que impoña a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Concello de Vigo no ámbito das súas respectivas competencias, unha vez oída a xunta rectora do parque natural das illas Cíes.

Disposición transitoria

A teor do disposto no artigo 5 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, o presente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais prevalece sobre calquera ordenación territorial ou física, que deberá adaptarse a aquel no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

5079