Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 23 de xuño de 1998 Páx. 6.997

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 8 de xuño de 1998 pola que se establece o procedemento para a obtención das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira e os seus modelos.

O Real decreto 662/1997, do 12 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exerce-la actividade profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente, posibilítalles ás comunidades autónomas a emisión das tarxetas acreditativas das ditas titulacións profesionais.

O Real decreto 1378/1997, do 29 de agosto, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de expedición de tarxetas de patrón de pesca local, mecánico de litoral, patrón de 2ª clase de pesca litoral, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente, transfírelle á nosa comunidade as ditas funcións no marco do establecido neste e no decreto antedito.

O Decreto 287/1997, do 9 de outubro, asígnalle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as funcións e servicios transferidos correspondéndolle o exercicio destas á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sendo efectivo o exercicio das ditas funcións desde o pasado un de outubro, é preciso defini-las características físicas de cada unha das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira e regulamenta-lo procedemento para a súa obtención dentro da normativa básica do Estado, á vez que se desenvolve esta adaptándoa ás especiais características de traballo da flota artesanal e do sector pesqueiro galego.

Polo exposto,

DISPOÑO:

I. Disposicións xerais.

Artigo 1º

As tarxetas de identidade náutico-pesqueira acreditativas das titulacións profesionais de patrón local de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón de pesca local, patrón de 2ª clase de pesca litoral e mecánico de litoral serán emitidas logo da solicitude do interesado de acordo co establecido na presente orde.

Artigo 2º

As tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira correspondentes serán emitidas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través do seu Negociado de Titulacións Náutico Pesqueiras.

II. Das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira.

Artigo 3º

As tarxetas acreditativas son persoais e intransferibles, correspondéndolle a responsabilidade do

seu uso e custodia ó seu titular. No caso de ser utilizada por persoa distinta, recollerase e anularase, sen prexuízo de esixi-las responsabilidades a que houber lugar.

As tarxetas non son válidas para efectos de acredita-la identidade do titular debendo acompañarse en todo momento do DNI.

Artigo 4º

As tarxetas son válidas en todo o territorio do Estado español segundo o establecido no Real decreto 662/1997, do 12 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exerce-la actividade profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente e do Real decreto 1378/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-pesqueiras.

Artigo 5º

As tarxetas emitidas pola Comunidade Autónoma de Galicia corresponderanse segundo as titulacións co modelo e características que se establecen no anexo I da presente orde.

Artigo 6º

As tarxetas de identidade náutico-pesqueira terán validez ata que o titular cumpra a idade de 50 anos. A partir desa idade, será necesaria a súa renovación cada cinco anos.

III. Do procedemento de emisión e renovación das tarxetas.

Artígo 7º

Os interesados que tras superaren as probas de aptitude e teren feitos os períodos de embarque establecidos desexen que se lles emita a correspondente tarxeta, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo II desta orde a través do rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou nos das súas delegacións territoriais e comarcais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xuntándolle a esta a seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta segundo o modelo do anexo II.

2. Unha fotografía recente tamaño carné, co nome escrito ó dorso.

3. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade e 1ª folla da libreta de inscrición marítima.

4. Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

5. Certificado do exame só se a data de realización deste é anterior ó 1 de xaneiro de 1998 ou cando foi realizado noutra Comunidade Autónoma.

6. Certificado de días de mar expedido pola Capitanía Marítima correspondente.

Artigo 8º

Para o cómputo dos períodos de formación práctica esixida no anexo I, apartado 3 do Real decreto 662/1997, do 12 de maio, teranse en conta para a súa xustificación as seguintes circunstancias:

1. A data de cómputo da realización do período de embarque poderá ser anterior á data de realización do exame de aptitude, sempre que o solicitante estea en posesión dunha tarxeta de identidade profesional náutico-pesqueira, conforme o establecido na disposición transitoria segunda 2.

2. Serán computables para os efectos de determina-los períodos de formación práctica os períodos de embarque realizados en buques auxiliares de pesca e acuicultura, consonte coas atribucións das titulacións de referencia.

3. Cando se xustifique a totalidade do período de embarque establecido, en barcos da flota artesanal, os períodos en garda de ponte e en garda de máquinas fixados cumpríronse ó ter realizado o período global establecido.

Artigo 9º

A renovación das tarxetas de identidade náutico-pesqueira deberá ser solicitada polos interesados no último semestre da súa vixencia mediante a solicitude do modelo do anexo II xunto coa da documentación que se indica.

1. Solicitude do interesado segundo o modelo do anexo II.

2. Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome escrito ó dorso.

3. Fotocopia da 1ª folla da libreta de inscrición marítima.

4. Tarxeta antiga.

5. Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

6. Certificado de recoñecemento médico ou fotocopia compulsada ou cotexada da libreta de inscrición marítima, apartado de recoñecemento médico.

7. Certificado expedido polo ISM de non ser pensionista nin por xubilación nin por invalidez.

De solicitarse a súa renovación unha vez caducada, as taxas que se deben aboar serán as correspondentes á emisión dunha nova tarxeta.

IV. Emisión de duplicados.

Artigo 10º

En caso de extravío, roubo ou destrucción física da tarxeta, poderá expedirse un duplicado que manterá a data de caducidade que correspondera á orixinal.

Na nova tarxeta emitida para substituí-la orixinal farase constar que é duplicado por perda ou destrucción da orixinal.

Para os efectos do aboamento de taxas, o duplicado terá a consideración dunha renovación.

A emisión do duplicado realizarase logo da presentación da solicitude recollida no anexo II á que se xuntará a seguinte documentación:

1. Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome escrito ó dorso.

2. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

3. Declaración que faga fe das circunstancias do extravío ou destrucción da tarxeta ou copia da denuncia de roubo onde conste o da tarxeta.

4. Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

5. Da libreta de inscrición marítima, fotocopias de: 1ª folla, da sección de titulación e da sección de recoñecemento médico.

V. Validacións e cambios.

Artigo 11º

Os interesados que cumpran os requisitos establecidos pola normativa en vigor poderán solicita-las validacións ou cambios de titulacións que lles correspondan logo da solicitude que se axustará ó modelo recollido no anexo II da presente orde na que se xuntará a seguinte documentación:

1. Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome escrito ó dorso.

2. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

3. Da libreta de inscrición marítima, fotocopias de: 1ª folla, da sección de titulación e da sección de recoñecemento médico.

4. Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

5. Fotocopia compulsada das tarxetas que motivan a validación ou cambio.

6. Documentación necesaria para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos.

Para os efectos das taxas as validacións ou cambios teñen a consideración de emisión dunha nova tarxeta.

Artigo 12º

As tarxetas serán enviadas ó domicilio indicado polo titular na súa solicitude por medio que garanta e xustifique a súa entrega. No caso de non ser recollida polo titular, será depositada no Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras onde poderá recollela persoalmente o titular.

Artigo 13º

Créase o Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras coas funcións de anotación, seguimento e control das tarxetas emitidas, correspondéndolle a súa custodia ó Negociado de Titulacións Náutico Pesqueiras da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facultase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 1998.

P.D. (O. 17-12-1997, DOG nº 246, do 22-12-1997)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Modelos e características das tarxetas de identidade profesional náutico pesqueira

As tarxetas de identidade profesional náutico pesqueira axustaranse ó modelo que se corresponda coas seguintes características:

Material: PVC (cloruro de vinilo) laminado.

Tamaño: 85,69 mm de longo por 53,98 mm de largo.

Grosor: 0,76 mm.

Suxeitas ás normas ISO 7810 e 7811.

Fotografía: integrada por dixitalización a cor.

Anverso:

Impreso a catro cores.

Reverso:

Impreso a dúas cores.

5645