Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 24 de xuño de 1998 Páx. 7.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 1998 pola que se dispón a publicación da oferta de emprego público do ano 1998 do persoal de administración e servicios da Universidade de Santiago de Compostela.

O artigo 18 da Lei 30/1984, de reforma da función pública modificado pola Lei 22/1993, do 29 de decembro, de medidas físcais, reforma do réxime xurídico da función pública e da protección por desemprego, e 29 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril, establecen que os postos de traballo dotados orzamentariamente que non poidan ser cubertos cos efectivos de persoal existentes, constitúen a oferta de emprego público de cada Administración.

O artigo 38 e seguintes dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e o capítulo V do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia establecen os procedementos que se seguirán para a selección e oferta das vacantes do persoal funcionario e laboral respectivamente.

A oferta de emprego público para o ano 1998 figura nos anexos I e II da presente resolución tendo en conta as prazas vacantes de persoal funcionario e laboral respectivamente.

Tanto ó persoal funcionario como ó laboral seranlles de aplicación as reservas e prioridades recollidas nas súas normativas de aplicación.

Tendo en conta a proposta da xerencia da universidade, unha vez consultados os órganos de representación do persoal funcionario e laboral, a oferta de emprego público foi aprobada pola Xunta de Goberno e o Consello Social desta universidade, nas súas sesións do 18 de febreiro e 23 de abril respectivamente, o rector,

RESOLVE:

Primeiro.-En cumprimento do disposto no artigo 146 e seguintes dos estatutos da universidade, no artigo 15 da Lei 22/1993, do 29 de decembro, que modifica o 18 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no artigo 7 da Lei 3/1995, do 10 de abril, que modifica o artigo 29 da Lei 4/1988, do 26 de maio, disponse a publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de emprego público para 1998 do persoal de administración e servicios.

Segundo.-A oferta de emprego do presente ano 1998 comprende as prazas dotadas no orzamento da universidade que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes e que se detallan nos anexos.

Terceiro.-En cada convocatoria de probas selectivas, do cadro de persoal de funcionario, reservarase un número suficiente de prazas para a súa provisión mediante o sistema de promoción interna en función do número de candidatos potenciais.

A provisión de vacantes e selección do persoal laboral de administración e servicios rexerase polo disposto no convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas reguladoras do ingreso do persoal ó servicio das administración públicas.

Cuarto.-Nas probas selectivas para ingreso nas escalas de funcionarios e categorías de persoal laboral, incluídas as correspondentes á promoción interna, serán admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes; non obstante, os aspirantes con minusvalidez deberán acreditar, mediante documentos expedidos polos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, da Administración correspondente, a compatibilidade da súa condición de minusválido co desempeño das tarefas e funcións das prazas de que se trate.

Do total de prazas ofertadas reservarase un 3% das vacantes para ser cuberto entre persoas con discapacidade de grao igual ou superior ó 33 por 100.

Quinto.-Non será necesaria a previa inscrición nas oficinas de emprego para participar nas probas selectivas derivadas da presente oferta de emprego público.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1998.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

OFERTA DE EMPREGO. PERSOAL FUNCIONARIO. ANO 1998

Grupo A:

Escala facultativos de arquivos e bibliotecas: 2 (OPE).

Grupo B:

Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (Sección Bibliotecas): 1 (OPE).

Grupo C:

Escala administrativa: 2 (1 vacante). (1 OPE).

Grupo D:

Escala auxiliar: 4 (3 OPE), (1 vacante).

Persoal eventual:

Asesor técnico do gabinete do rector: 1.

Asesor técnico do gabinete do Consello Social: 1.

ANEXO II

OFERTA DE EMPREGO PERSOAL LABORAL ANO 1998

Grupo I:

Técnico de seguridade (xestión de refugallos non radiactivos): 1 (OPE).

Técnico de normalización lingüística: 1 (OPE).

Analista: 1 (vacante).

Grupo II:

Técnico xestor de sistemas: 1 (OPE).

Mestre: 1 (OPE).

Arquitecto técnico: 1 (vacante).

Documentalista: 1 (vacante).

Diplomado en enfermería: 1 (vacante).

Grupo III:

Técnicos de laboratorio: 3 (3 OPE).

Técnico especialista (fotógrafo) do SERVIMAV: 1 (vacante)

Grupo IV:

Auxiliar técnico de biblioteca: 3 (2 OPE), (1 vacante).

Conserxe: 1 (OPE).

Oficiais de laboratorio: 2 (2 vacante).

Oficial de animalario: 1 (OPE).

Socorrista: 1 (vacante).

Grupo V:

Auxiliares de servicios: 10 (3 OPE), (7 Vacantes)

Telefonista: 1 (OPE).

6010