O Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE) establece un conxunto de actuacións tendentes a conseguir unha utilización máis racional da enerxía entre as que se atopa unha liña de subvencións a proxectos de aproveitamento enerxético en aplicación da Lei 82/1989, do 30 de decembro, sobre conservación da enerxía.
A Orde do 6 de febreiro de 1997 aprobou as bases da concesión de subvencións no marco do PAEE, para o período 1997-1999, na que se recollía a adecuación ás directrices comunitarias sobre axudas estatais en favor do medio ambiente e á avaliación das tendencias enerxéticas.
A Comisión Europea, no contexto do marco de Apoio Comunitario Plurirrexional 1994-1999 aprobou axudas adicionais, en actuacións enerxéticas e ambientais, compatibles coas actuacións do PAEE e con cargo ó Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que se formalizaron nunha subvención global FEDER-Instituto para a diversificación e aforro enerxético (IDAE), aprobada na decisión da Comisión do 29 de marzo de 1996, permitindo o cofinanciamento cos créditos destinados ó PAEE do orzamento do Ministerio de Industria e Enerxía, dos custos elixibles, incorridos desde 1995, dos proxectos situados nas rexións españolas do obxectivo 1.
Para 1998, establécese a distribución territorial das subvencións a favor das comunidades autónomas mediante a aplicación de criterios obxectivos, así como a posterior transferencia dos fondos correspondentes para posibilita-lo exercicio das súas competencias.
Neste contexto e en aplicación da previsión contida no artigo 153 do texto refundido da Lei xeral orzamentaria, aprobada polo Real decreto lexislativo 1091/1998, do 23 de setembro, e modificado pola Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais,
administrativas e do orde social, unha vez acordados para 1998 os criterios obxectivos de distribución e a distribución resultante entre comunidades autónomas das achegas da Administración xeral do Estado, establécese un réxime de axudas e regúlase o seu sistema de xestión no marco do PAEE mediante o Real decreto 615/1998, do 17 de abril.
O citado Real decreto 615/1998, no artigo 6 «Xestión das subvencións», establece que as comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, serán competentes para coñecer, tramitar e resolve-las solicitudes das subvencións que lle sexan dirixidas, así como para realiza-lo control e seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garanti-las condicións establecidas, cumprindo para tales efectos coas obrigas de información e con calquera outras que puideran resultar dos convenios de colaboración subscritos co IDAE.
Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
A presente orde ten por obxecto regula-lo réxime de subvencións previstas en aplicación do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE) do Ministerio de Industria e Enerxía e dos fondos provenientes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para o ano 1998.
Artigo 2º.-Fondos.
2.1. As axudas serán financiadas con cargo ós créditos existentes para o efecto nos orzamentos xerais do Estado (Ministerio de Industria e Enerxía), territorializadas por Acordo do Consello de Ministros do 5 de xuño de 1998.
2.2. Así mesmo, os proxectos que cumpra os requisitos establecidos no artigo 6º deste decreto, poderán ser cofinanciados con Fondos FEDER no marco de Apoio Comunitario Plurirrexional (1994-1999).
Artigo 3º.-Ámbito de aplicación (Axudas PAEE).
Poderán ser obxecto de axuda os proxectos e actuacións que:
1º) Se poidan conter nalgún dos seguintes apartados:
a) Proxectos de utilización racional da enerxía ou de substitución de fontes enerxéticas na industria, o transporte, os servicios e os edificios.
b) Proxectos de demostración e de difusión dalgunha das fontes renovables de enerxía, hidráulica, eólica, solar (térmica ou fotovoltaica), aproveitamento da biomasa e dos residuos (industriais, agrícolas, urbanos) e xeotermia.
2º) Cumpran as esixencias de carácter xeral sobre utilización de técnicas, tecnoloxías e sistemas que impliquen unha optimización do uso da enerxía e promove-la reducción do impacto ambiental e o desenvolvemento de infraestructuras enerxéticas rexionais.
3º) O investimento se faga en bens tanxibles e sexa necesario para alcanza-los obxectivos enerxéticos e ambientais previstos no proxecto.
4º) Cumpran os requisitos e condicións descritos no anexo I do Real decreto 615/1998, do 17 de abril, para cada unha as áreas obxecto de subvención.
Artigo 4º.-Beneficiarios.
Poderán acollerse ás axudas previstas na presente orde:
a) Empresas ou agrupacións de empresas, tanto públicas como privadas.
b) Persoas físicas.
c) Comunidades de propietarios ou agrupacións delas.
d) Institucións sen ánimo de lucro.
e) Corporacións locais.
f) Calquera outra semellante ás anteriores.
Artigo 5º.-Criterios de avaliación.
5.1. Como criterios xerais, darase prioridade a aqueles proxectos ou actuacións nas que concorran algunha ou varias das seguintes circunstancias:
a) Proxectos presentados por pequenas ou medianas empresas, entendendo por tales para os efectos desta orde, aquelas que presenten algunha das seguintes condicións:
-Non teñan máis de 250 traballadores.
-O seu volume de negocio anual non supere os 40 millóns de ecus; ou ben o seu balance xeral non sexa superior a 4.455 millóns de pesetas. En todo caso, a empresa solicitante non poderá participar en máis do 25 por 100 en empresas que non cumpran os requisitos anteriores.
b) Proxectos incluídos en acordos sectoriais para a mellora da eficiencia enerxética e a utilización de enerxías renovables establecidos previamente en virtude de acordos coa Secretaría de Estado de Enerxía e Recursos Minerais.
c) Proxectos que supoñan unha cooperación interempresarial.
d) Proxectos que permitan unha adecuada análise e avaliación de obxectivos enerxéticos.
5.2. Adicionalmente, na avaliación técnica dos proxectos teranse en conta os criterios técnicos definidos no anexo I do Real decreto 615/1998 xa citado.
Artigo 6º.-Requisitos para acceder ós fondos FEDER.
Para beneficiarse dos fondos provenientes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da subvención global FEDER-IDAE, os proxectos ou actuacións deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:
1º) Proxectos presentados exclusivamente, por pequenas e medianas empresas (PEMES) que operen no sector económico da industria, o comercio ou os servicios, quedando excluído o sector transporte.
2º) Proxectos presentados por organismos ou entes administrativos en actuacións de servicio público.
Artio 7º.-Tramitación das solicitudes.
As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio presentaranse por triplicado exemplar no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
A solicitude de axuda deberá axustarse ó modelo que figura no anexo I da presente orde e deberá acompañarse da seguinte documentación:
a) Documentación técnica que se especifica no anexo I do Decreto 615/1998, do 17 de abril.
b) Declaración xurada de axudas solicitadas, obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.
c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.
d) Cando o solicitante sexa persoa xurídica, poder do asinante da solicitude bastante en dereito e escritura pública de constitución da sociedade.
Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días emende as carencias documentais, con indicación de que, no suposto de non facelo, considerarase que desiste da súa petición e arquivarase o expediente sen máis trámite.
Artigo 8º.-Contía das axudas.
8.1. A contía aprobada para cada proxecto fixarase de acordo co indicado no anexo I do Real decreto 615/1998.
8.2. Os fondos procedentes da subvención global FEDER-IDAE poderán complementar ata o 70% da procentaxe máxima en proxectos de enerxías renovables e ata o 40% da porcentaxe máxima en proxectos de uso racional da enerxía.
8.3. Considerarase custo subvencionable aquela parte do investimento en bens tanxibles que sexa necesaria para acada-los obxectivos enerxéticos e ambientais previstos na actuación. Así mesmo, considerarase custo subvencionable para os proxectos de utilización racional da enerxía ou substitución das fontes enerxéticas, os propios de auditoría enerxética ou análise de viabilidade técnico-económica dos cales a realización fose necesaria, con carácter previo, para a execución dun proxecto.
8.4. Non se consideran subvencionables os seguintes conceptos:
a) As facturas emitidas fóra do período subvencionable ou as que non vaian acompañadas do correspondente xustificante ou compromiso de pagamento;
non obstante, admitiranse os pagamentos efectuados con posterioridade á finalización do período subvencionable, sempre que os compromisos de pagamento en firme e o investimento estean efectivamente realizados dentro do período subvencionable.
b) O IVE satisfeito pola adquisición de bens ou servicios facturados e, en xeral, calquera imposto pagado pola entidade.
c) Os gastos financeiros como consecuencia do investimento.
d) O equipamento informático adxudicado ó proxecto, non necesario para a operación e o seu control.
e) Os investimentos en equipamentos usados.
f) Os gastos que non estean claramente definidos ou que non teñan por finalidade o uso eficiente da enerxía ou o aproveitamento das enerxía renovables, así como os gastos non imputables directamente ó proxecto subvencionado.
g) Os gastos de adquisición de terreos.
8.5. As contías máximas que se vaian recibir por cada actuación, tanto illadamente coma en conxunto con outras axudas, estarán suxeitas ós condicionantes que respecto das axudas do Estado establece a normativa vixente.
8.6. Para proxectos nos cales a finalidade sexa adapta-las instalacións a novas normas de carácter obrigatorio, só poderán concederse axudas a aquelas que estiveran en funcionamento polo menos dous anos antes da entrada en vigor das novas normas.
Artigo 9º.-Resolución.
Examinada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio dictará a resolución que proceda. A resolución de outorgamento motivarase nos criterios de avaliación e farase constar nela o importe do investimento, o custo subvencionable, a contía da subvención concedida, os prazos para a realización do proxecto e os de xustificación do investimento. A resolución porá fin á vía administrativa.
Unha vez concedida a axuda, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, considerarase como renuncia.
A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará rematada a vía contencioso-administrativa.
En tódalas comunicacións co beneficiario da subvención aprobada deberase indica-la procedencia dos fondos da subvención e o seu financiamento con cargo ós orzamentos xerais do Estado e ós fondos FEDER.
Igualmente, incluirase como condición de realización do proxecto a utilización en tódalas súas manifestacións externas da lenda correspondente á denominación da Xunta de Galicia, Ministerio de Industria e Enexía e Unión Europea, como cofinanciadores do proxecto.
Artigo 10º.-Pagamento das axudas.
Para o pagamento das axudas indicadas, será indispensable a presentación na Consellería de Industria e Comercio de tres exemplares da memoria do proxecto realizado, acompañada dos xustificantes acreditativos do investimento realizado.
Así mesmo, presentará certificación da conta bancaria onde se deberá realiza-lo pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, e certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública.
A Consellería de Industria e Comercio poderá solicitar as aclaracións e informes que considere oportunos e, no caso de non ser remitidos no prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á axuda solicitada.
Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certificarán respecto do investimento realizado.
Á vista das actuacións practicadas, o conselleiro de Industria e Comercio emitirá resolución e dará traslado dela ó IDAE para o oportuno pagamento, se procede.
Artigo 11º.-Incumprimento.
Toda alteración das condicións tidas en conta para concesión da axuda, así como a obtención concorrente doutras axudas distintas das comunicadas na solicitude de axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora desde o momento de pagamento da subvención, nos casos en que o beneficiario incumprise algunha das condicións ou obrigas impostas na presente orde e nas que, se é o caso, se inclúan na resolución, de acordo co previsto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.
Artigo 12º.-Normativa xeral.
As axudas a que se refire a presente orde, ademais do previsto nela, rexeranse polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Real decreto 615/1998, do 17 de abril, polo que se establece un réxime de axudas e se regula o seu sistema de xestión no marco do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética.
Disposición derradeira
Desenvolvemento da orde.-Facúltase a Dirección Xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 1998.
Antonio Couceiro Méndez
Conselleiro de Industria e Comercio
8187

