Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.626

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 22/1999, do 5 de febreiro, polo que se regula o procedemento para a habilitación das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación e das confederacións de empresarios de Galicia, como instrumentos coadxuvantes das oficinas de Tramitación Única de Industrias.

O Decreto 223/1998, do 24 de xullo, creou a Oficina de Tramitación Única como unha unidade administrativa coa misión fundamental de informar e asesora-los particulares interesados na posta en fun

cionamento de calquera establecemento industrial e de coordinar e impulsa-los expedientes relativos ás autorizacións administrativas que, en relación coa dita materia, solicitasen á Xunta de Galicia.

O espírito que informou aquel decreto viña determinado pola liña marcada nas accións emprendidas para a modernización e reforma da actuación da Administración, dirixidas á eliminación de trámites innecesarios que repercutían na celeridade da actuación administrativa, dentro da seguridade xurídica que debe presidir esta, ten que imprimir ós seus actos resolutorios.

Seguindo na mesma dirección e buscando, máis se cabe, facilitarlle ó administrado a tramitación e resolución das súas peticións, a Xunta de Galicia arbitra, mediante o presente decreto, a posibilidade de habilitar entidades de carácter asociativo e representativas dos diversos sectores comercial e industrial, como instrumentos que actúen en colaboración coa Administración para a información e recepción das solicitudes e demais documentación relacionados coa posta en funcionamento de novas industrias, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería da Presidencia e Administración Pública, poderá habilita-las cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación e ás confederacións de empresarios de Galicia, como instrumentos coadxuvantes da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU), para o exercicio de funcións de información e asesoramento en materia de creación de industrias, e recepción de solicitudes e demais documentación relativa á posta en funcionamento de novas industrias ou traslado ou ampliación de establecementos industriais xa existentes, nos termos establecidos no artigo 38.4º e) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A recepción das solicitudes e demais documentación á que fai referencia o artigo anterior terá carácter oficial para tódolos efectos desde o momento no que as anteditas solicitudes ou documentación tivesen entrada no Rexistro Informático das OTU, para o que existirá un terminal deste en tódalas entidades habilitadas.

Artigo 2º

A habilitación a que se refire o artigo anterior levarase a cabo trala concertación dos convenios de colaboración que foren precisos entre a Consellería

da Presidencia e Administración Pública e as entidades mencionadas.

Estes convenios, que deberán cumpri-los requisitos establecidos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, regularán, en todo caso, as funcións que van desenvolve-las entidades asinantes, as obrigas da Administración no referente á formación do persoal responsable do servicio e o seu prazo de vixencia.

Artigo 3º

De conformidade co disposto no artigo 1º, as solicitudes, escritos e comunicacións relativas ós expedientes administrativos para a posta en funcionamento dunha nova industria ou o traslado ou ampliación dun establecemento industrial, poderán presentarse ante as entidades habilitadas de conformidade co establecido no artigo anterior.

Para este efecto as entidades habilitadas obríganse:

a) A entregarlle ó interesado un xustificante da súa solicitude.

b) A introducir nas bases de datos da OTU a información relativa ás solicitudes, escritos ou comunicacións presentadas, sen dilación e dentro do mesmo día da súa presentación e pola orde na que foron presentadas.

c) A remitir, con carácter inmediato, á Oficina de Tramitación Única de Industrias que lles corresponda, as solicitudes e documentos presentados polos particulares interesados nos expedientes administrativos regulados no Decreto 223/1998, do 24 de xullo.

Artigo 4º

O recoñecemento oficial da habilitación a favor das entidades ás que se refire o presente decreto efectuarase, en cada caso concreto, mediante orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública na que, igualmente, se sinalará a data do comezo efectivo da actividade obxecto da habilitación outorgada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública