Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 12 de abril de 1999 Páx. 4.118

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 85/1999, do 8 de abril, polo que se modifica o Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

A aprobación polo Consello da Xunta do Programa Cuadrienal de Acción Exterior supuxo que a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior tivese que axeita-los seus esquemas de traballo ás directrices emanadas daquel. Durante a súa xestación fóronse avanzando diversos plans de continxencia para mellora-la súa implementación, tendo en conta as limitacións consubstanciais a un centro directivo de nova creación. Así, a secretaría xeral formulou unha estructura de mínimis, verificada polas unidades de control e racionalización administrativa, na que a operatividade da cal se irá activando segundo a orde de prioridades imposta polo antedito programa e conforme o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

A prioridade por excelencia da acción exterior autonómica é a consolidación da Eurorrexión que conformamos coa Rexión Norte de Portugal. Tal obxectivo esixe avanzar na dinámica cooperativa entre axentes privados, superando a inercia habitual do traballo administrativo, centrado na xestión de proxectos de infraestructuras e na percepción clásica da actividade de fomento. É preciso pois dar un novo enfoque á cooperación luso-galaica, que permita que os actores sociais maximicen os retornos do profuso investimento real materializado ata o momento e das tupidas redes de colaboración tecidas a tódolos niveis.

Para acometer esas tarefas resulta imprescindible localizar nun órgano a responsabilidade da súa execución. Para ese fin créase o Servicio Técnico da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que deberá cohonesta-lo labor de apoio especializado á súa presidencia e coadxuvar a que as diferentes comisións sectoriais axilicen a realización dos seus proxectos, sen descoidar en ningún momento o estímulo das iniciativas sociais que, desde o ámbito privado, cohesionen en superior medida a integración entre ámbolos lados da xa hoxe desdebuxada fronteira.

Por razón de todo o exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Modifícase o artigo 3 do Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Secretaría Xeral

de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, engadíndoselle o numeral 2.2, polo que se sitúa dentro da Subdirección Xeral de Acción Exterior un novo servicio coa seguinte denominación:

2.2. Servicio Técnico da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

2. Modifícase o artigo 4 do supracitado Decreto 4/1997, do 9 de xanerio, engadíndoselle o numeral 2.2. coa redacción que segue:

a) A coordinación e organización en colaboración coa Rexión Norte das actividades das comisións sectoriais para a execución dos proxectos, o seu seguemento sistemático e a realización de propostas.

b) A preparación para a presidencia de informes de situación, secretaría, organización de visitas e plenarios, divulgación da Comunidade de Traballo e as restantes actividades encomendadas pola súa presidencia.

c) A realización de estudios socioeconómicos e seminarios, cooperación con outras comunidades transfronteirizas e tarefas de fomento da iniciativa privada no incremento das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública a dictar cantas normas complementarias fosen precisas para o mellor desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública