Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 19 de maio de 1999 Páx. 5.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se establecen medidas de apoio a agrupacións e entidades para a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios.

As produccións agrícolas e gandeiras enfróntanse a unha crecente competitividade, sendo claves a calidade e a diminución de custos, o que obriga ás explotacións agropecuarias a incorporaren novas técnicas de producción e organización e implica un incremento da demanda de servicios especializados.

A falta de programas e servicios axeitados é máis notoria nas pequenas explotacións, polo que as agrupacións de agricultores e gandeiros son a vía axeitada para a realización de actividades que garantan a viabilidade das explotacións e a competencia dos productos no mercado.

Así mesmo, débense ter en conta as entidades e asociacións que desexen incrementa-la formación dos seus compoñentes para a súa intervención na incorporación de novos coñecementos e tecnoloxías, que contribúan á mellora dos procesos productivos agropecuarios.

De acordo co anterior, a realización dos programas de xestión, control da maquinaria de muxidura, selección e reproducción animal e vexetal, formación de técnicos e de agricultores, manexo da explotación, etc, son algunhas das actividades que permiten acada-la mellora dos sistemas productivos cunha clara repercusión na economía da explotación e que se realizan a través de agrupacións.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

O obxecto desta orde é regula-la concesión de axudas a agrupacións de agricultores ou de gandeiros, a entidades relacionadas coa agricultura, formalmente constituídas, así como a outras entidades, tales como locais e sen ánimo de lucro, que desexen realizar actividades encamiñadas á mellora da eficacia dos seus sistemas productivos e das calidades nas súas produccións, o apoien a realización deste tipo de programas, e que presenten un programa de actuación, de acordo co recollido nesta orde.

Artigo 2º.-Clase e contía das axudas.

1. Os solicitantes poderán optar a axudas para as seguintes actividades:

1.1.Contratación do persoal técnico para a realización, con carácter exclusivo, de programas de xestión, manexo de explotacións, reproducción e selección, sanidade animal e vexetal e, en xeral, aquelas actividades nas que o resultado sexa o desenvolvemento da explotación.

A contía da subvención, que poderá chegar ó 70% do custo do contrato, modularase en función da importancia do programa que se vai desenvolver.

A dita contía será, como máximo, do 60% do custo do contrato cando o persoal técnico fose obxecto de subvención durante un período de tempo igual ou superior a tres anos.

Non obstante o disposto no parágrafo primeiro, non se requirirá a exclusividade nos supostos da prestación daqueles servicios demandados puntualmente polas ganderías e que unha agrupación non poida manter a tempo completo durante un ano.

1.2. Adquisición dos bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa presentado pola agrupación, asociación ou institución.

A súa contía será, como máximo, do 35% do investimento, aínda que poderá chegar ó 75% cando as características do programa, tales como innovación, repercusión e risco asumido pola agrupación así o aconsellen, e este se desenvolva en zonas desfavorecidas, segundo o disposto no Regulamento 950/1997, do consello, do 20 de maio, relativo á mellora da eficacia das estructuras agrarias.

Excepcionalmente, poderán subvencionarse ata o 100% dos custos de execución dos programas contidos neste punto que, axustándose ó recollido nesta orde, teñan unha especial importancia e repercusión no sector agrario galego, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en diante consellería.

2. Tamén poderán subvencionarse:

2.1.Ata o 100% a realización de congresos, estudios, cursos ou conferencias destinados á formación do persoal técnico dos programas, ou á divulgación de novas tecnoloxías, actuacións, situacións ou programas, entre técnicos ou gandeiros, sempre que se consideren de interese para o programa que se vaia executar ou para a gandería en xeral.

2.2.Ata o 100% dos gastos das asociacións de ámbito galego, segundo o seu grao de representatividade e programa de actividades, durante o primeiro ano da súa creación, ou da ampliación substancial das tarefas no caso das organizacións preexistentes. Neste último caso, as axudas limitaranse ós gastos orixinados polas novas tarefas. Esta porcentaxe do 100%, que diminuirá anualmente en 20 puntos, concederase durante un período máximo de 5 anos.

2.3.Poxa de gando selecto e concursos de gando, en contía acorde co seu impacto na mellora gandeira, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, para a organización e participación neles, non superando, en ningún caso, os custos totais por concurso e/ou poxa. Neste suposto deberase presentar, previamente, solicitude para a súa aprobación pola consellería.

Artigo 3º.-Accións prioritarias.

Tendo en conta de que as axudas reguladas nesta orde se outorgan con cargo a un orzamento limitado, segundo o disposto no seu artigo 11º, baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios para a súa adxudicación:

-As agrupacións de agricultores e gandeiros cun programa que teña como finalidade a consolidación ou ampliación das actuacións xa iniciadas con anterioridade e que cumpran os requisitos establecidos nesta.

-As agrupacións de productores con problemas de comercialización que presenten programas conducentes a mellora-la calidade e competitividade dos seus productos.

-As agrupacións con explotacións que estean situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

-As entidades asociativas agrarias con programas de maquinaria en común.

Artigo 4º.-Programas de planificación productiva en gando vacún e calidade do leite.

Establécense subvencións para a realización de programas especiais en gando vacún, encamiñados á planificación sanitaria e do manexo do rebaño e mellora da calidade do leite. Os programas poderanse desenvolver en varios niveis de execución, sendo necesario que cada entidade presente unha única solicitude especificando os distintos niveis de actuacións que pretende desenvolver e achegando a totalidade de datos requiridos que lle permitan á Administración barema-las axudas

Nivel I: utilización de equipos de muxidura.

Neste nivel de actuación deberá prestarse especial atención ó cumprimento da normativa vixente en materia de instalacións de muxidura no tocante ós equipos instalados nas explotacións obxecto daqueles.

A solicitude limitarase ás explotacións que dispoñan de tanques de refrixeración do leite. Para solicitar axudas de calquera dos outros niveis, será imprescindible que tódalas explotacións estean realizando estas actuacións de mellora.

Nivel II: asesoramento en materia de calidade de leite, reproducción.

Sobre explotacións xa incluídas no nivel de actuación I, agás nas que a súa orientación productiva sexa a de carne, que conten, alomenos, con 11 vacas, establécense dous posibles programas específicos de mellora:

a) Control de mastite/calidade de leite (actuacións coordinadas e intensivas, ACI).

b) b.1. Control da reproducción.

b.2. Control de parasitos.

b.3. Apareamentos dirixidos, control e rexistro do seme empregado.

b.4. Asesoramento sobre instalacións/manexo da explotación.

As actuacións de control de mastite/calidade do leite (ACI), referentes ó diagnóstico das infeccións mamarias e tratamento delas, serán coordinadas sempre por un técnico competente.

Nivel III: asesoramento en materia de alimentación, podoloxía e análises de laboratorio.

Sobre explotacións incluídas en programas de mellora do Nivel II, apoiaranse programas de mellora que incidan sobre aspectos tales como:

a) Programas de alimentación.

b) Programas de podoloxía.

c) Análises microbiolóxicas no leite.

Para poderen ser subvencionadas, as análises microbiolóxicas do leite deberán facerse en laboratorios previamente autorizados pola consellería e que axusten os seus métodos de traballo ós estándares de calidade, en canto a illamentos e identificacións, propostos e supervisados polo Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Lugo. Para seren autorizados, estes laboratorios deberán comprometerse a envia-los datos e resultados das mostras subvencionables ó devandito

laboratorio, para os efectos de mante-los niveis de información da rede de resistencias e das oportunas publicacións.

Así mesmo, poderán subvencionarse outros programas complementarios que propoñan as agrupacións, sempre que estean dirixidos ou realizados polos técnicos que presten os seus servicios, en exclusividade, a estes, de acordo co disposto no artigo 2.1.1. desta orde e que aprobe a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), se é o caso.

Artigo 5º.-Axudas.

1. As axudas para levar a cabo estas actuacións serán as seguintes:

a) Axudas para a formación e perfeccionamiento dos técnicos participantes nos programas de mellora.

b) Axudas para a contratación de persoal e adquisición de bens e servicios necesarios para o asesoramento e desenvolvemento dos programas.

2. Para os programas do nivel I e de control de mastite/calidade de leite (ACI), no caso de que a totalidade das subvencións solicitadas superasen a dotación orzamentaria, aplicaríaselle a cada entidade un coeficiente de corrección correspondente ó grao de execución do programa no ano anterior.

3. Ademais das axudas, as agrupacións poderán obte-las seguintes vantaxes:

a) Como apoio ó desenvolvemento destes programas poderá subvencionarse a realización, en laboratorios autorizados, de análises de leite, de alimentos e parasitolóxicos; logo de solicitude da agrupación e aprobación expresa da consellería ou do Ilgga, sen supera-lo 70% do seu custo.

4. As contías das axudas, excepto no nivel I, o programa de control de mastites/ACI, serán proporcionais ós seguintes parámetros:

a) Número de explotacións e vacas incluídas nos programas.

b) Porcentaxe de explotacións leiteiras incluídas no control leiteiro. Non obstante, non se subvencionará ningún programa que non acade, polo menos, o 25%, salvo que a orientación productiva da agrupación sexa a de carne.

5. A execución de tódolos programas, así como a toma de datos e o envío periódico de informes, farase segundo os protocolos establecidos polos servicios técnicos correspondentes da consellería ou do Ilgga.

As xustificacións presentaranse, en todo caso, antes do 30 de setembro deste ano.

6. A consellería poderá establece-los índices e baremos que crea oportunos para a mellor instrumentación do disposto neste artigo.

Artigo 6º.-Documentación complementaria para os programas no gando vacún.

1. Xunto coa solicitude, a agrupación deberá achegar un disquete de 3 1/2, alta densidade, ficheiro en base de datos «Dbase III plus» ou «Dbase IV», coa estructura indicada no anexo II, co formato da aplicación «Programa de calidade do leite», en adiante PCL, facilitado pola consellería, antes de inicia-la execu

ción do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

No caso de ter solicitado axuda para programas de reproducción, deberanse achega-las etiquetas de códigos de barras de identificación das explotacións dos socios no LIGAL, entendéndose que existe autorización daqueles para avalia-los programas de calidade do leite.

No caso de explotacións incluídas no control leiteiro, o CEA, DNI, apelidos e nome deberán coincidir co titular da explotación en control leiteiro.

2. No momento da xustificación da execución dos programas, as entidades que se acollan ás axudas para a mellora da calidade do leite presentarán, nos servicios provinciais ou nos servicios centrais do Ilgga, ademais da documentación xeral do artigo 9º, a seguinte:

a) Resultados de testaxe de tódalas instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo III (control de instalación de muxidura), (en diante CIM) e anexo IV (no caso de programas de control de mastite/ ACI) no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura e os números asignados pola dita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe. Toda esta información se recollerá nun programa informático de control de instalación de muxidura facilitado polo Ilgga.

b) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

Artigo 7º.-Obrigas, incompatibilidades e denegación.

Os beneficiarios das axudas para a realización dun programa dos distintos niveis deberanse comprometer a achegar persoal suficientemente capacitado, a xuízo da consellería, para a realización do programa, e dotalo dos medios necesarios para levalo a cabo.

No caso de que unha explotación se encontre incluída dúas ou máis veces na solicitude presentada por unha ou varias agrupacións, excluirase do programa, aínda que, excepcionalmente, en casos xustificados, poderá manterse a explotación nun programa, unha soa vez, por petición conxunta da agrupación e do titular da explotación.

A consellería poderá denega-las axudas correspondentes á testaxe do equipo de muxidura no caso de que, da análise da folla de control correspondente ó ano actual e da relativa á campaña ou campañas anteriores ou inspeccións sobre o terreo, se deduza que non se adoptaron as medidas recomendadas como consecuencia do control.

En calquera caso, os técnicos que leven a cabo o control das instalacións deberán estar en posesión dun certificado expedido pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura do Ilgga, no que se acredite a súa capacidade para realiza-lo control.

De igual modo, tódolos aparellos do equipo de control deberán ser contrastados, polo menos unha vez ó ano, na citada Unidade de Tecnoloxía da Muxidura, e deberán dispor dun certificado do seu bo funcionamento no momento de inicia-lo programa.

Artigo 8º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, nas delegacións provinciais da consellería, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co modelo do anexo I.

Ás solicitudes xuntaráselle, ademais da documentación específica de cada programa, o seguinte:

1. Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

2. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa .

3. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos e orzamento pormenorizado do programa e prazo de execución.

5. Contrato dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso.

6. Fotocopia cotexada do título, se é o caso.

7. Declaración xurada de exclusividade dos técnicos responsables dos programas de mellora, se é o caso.

8. Factura pro-forma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.

9. Folla resumo totalmente cuberta (anexo V).

A resolución do expediente corresponderalle ó conselleiro, por proposta do director xeral de Industrias e Alimentación, do director xeral de Producción Agropecuaria ou do director do Ilgga, en función das súas competencias, logo de informe da delegación provincial, se é o caso.

Artigo 9º.-Xustificacións.

1. As actuacións previstas nos programas aprobados deberanse rematar antes do 30 de setembro de 1999, aínda que se poderá conceder unha prórroga para a súa execución se as características deles así o aconsellan.

A agrupación beneficiaria deberalle comunica-la finalización da execución do programa, preferentemente á delegación provincial da consellería, xuntando os xustificantes de investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo de comprobación por parte dos servicios correspondentes.

3. O incumprimento dos programas propostos suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que puidesen incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda, a agrupación beneficiaria terá que acreditar que se encontra ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por nin

gún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

As agrupacións con programas de mellora da eficacia dos sistemas productivos das explotacións, presentados e aprobados no marco do establecido nesta orde e que esixan para a súa execución a contratación laboral de persoal técnico especializado con dedicación exclusiva a eles, poderán acollerse ás axudas previstas no Real decreto 204/1996, sobre mellora da estructura das explotacións agrarias para as agrupacións de xestión de explotacións no relativo á contratación de persoal técnico. Neste caso, a axuda concedida no marco do devandito real decreto poderá complementarse coa prevista nesta orde sen superar entre ámbalas dúas a contía establecida no artigo 2.1.1. desta.

Artigo 11º.-Financiamento.

As axudas que se deriven da aplicación do exposto nesta orde financiaranse con cargo ós seguintes conceptos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, aprobados pola Lei 6/1998, do 29 de decembro:

a) 09.03.712-A.773.0. «Apoio á eficacia dos sistemas productivos»: 79.000.0000 de pesetas.

b) 09.03.613-A.760.0. «Programas sanitarios especiais»: 4.500.000 pesetas.

c) 09.50.712-A.773.0. «Apoio á eficacia dos sistemas productivos»: 100.000.000 de pesetas.

d) 09.50.614-A.782.0. «Mellora da eficacia dos sistemas productivos»: 50.000.000 de pesetas.

e) 09.04.612-A.770.0. «Promoción cooperativas agrarias»: 5.000.000 de ptas.

f) 09.04.615-A.770.0. «Regulación das produccións e dos mercados agrarios»: 5.000.000 de ptas.

Ós importes sinalados poderanse engadi-los remanentes orzamentarios que se poidan orixinar nos mesmos conceptos.

Disposición adicional

Para os efectos de economía procedemental e de conformidade co artigo 4 do R.D. 1115/1993, respecto das solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 16 de abril de 1998, e ás que non lles foi concedida a subvención solicitada, teranse en conta nesta convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria, o director do Ilgga e o director xeral de Industrias e Alimentación, en función das súas competencias, para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria