Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.932

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 31 de maio de 1999 pola que se convocan os premios para o fomento da reducción de residuos domésticos en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de medio ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11º, 15º, 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia (LO 1/1981). Ademais, de conformidade co disposto no artigo 6, punto 2.2.2 do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, ten competencias para o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a

desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos e o máis específico Plan para o Desenvolvemento de Actuacións de Reducción na Producción de Residuos durante o ano 1999.

Este último recolle a convocatoria destes premios, co obxecto de elixi-las mellores ideas e iniciativas cara á reducción na producción de residuos sólidos urbanos en Galicia. A finalidade destes premios é dobre: por unha banda téntase conciencia-los cidadáns galegos da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos que permita diminui-la cantidade xerada na actualidade; pola outra, preténdese atopar ideas e/ou iniciativas que poidan contribuír a este primordial obxectivo, para seren difundidas posteriormente coa axuda dos actores sociais, especialmente as asociacións de amas de casa e de consumidores.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse os premios para o fomento da reducción dos residuos domésticos, co fin de distingui-las mellores ideas e iniciativas para acadar unha progresiva reducción na producción de residuos sólidos urbanos en Galicia.

Artigo 2º.-Premios.

1. Concederanse, por cada unha das provincias galegas, tres premios que distingan as tres mellores ideas e iniciativas para a reducción de residuos.

2. Os premios estarán dotados con 1.500.000 pesetas (9.015,18 euros) por provincia, divididos do seguinte xeito:

a) Provincia da Coruña:

1º premio: 750.000 ptas. (4.507,59 euros).

2º premio: 500.000 ptas. (3.005,06 euros).

3º premio: 250.000 ptas. (1.502,53 euros).

b) Provincia de Lugo:

1º premio: 750.000 ptas. (4.507,59 euros).

2º premio: 500.000 ptas. (3.005,06 euros).

3º premio: 250.000 ptas. (1.502,53 euros).

c) Provincia de Ourense:

1º premio: 750.000 ptas. (4.507,59 euros).

2º premio: 500.000 ptas. (3.005,06 euros).

3º premio: 250.000 ptas. (1.502,53 euros).

d) Provincia de Pontevedra:

1º premio: 750.000 ptas. (4.507,59 euros).

2º premio: 500.000 ptas. (3.005,06 euros).

3º premio: 250.000 ptas. (1.502,53 euros).

3. O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342 A.640.1 dos orzamentos vixentes.

4. Tódolos premiados recibirán o seu correspondente diploma acreditativo.

Artigo 3º.-Requisitos de participación:

1. Esta convocatoria rexerase polos principio de publicidade, concorrencia e obxectividade.

2. Poderán participar tódalas persoas físicas que teñan a súa residencia en Galicia.

3. As ideas e iniciativas que se presenten deberán estar referidas a posibles actuacións que contribúan a acadar unha progresiva reducción na producción de residuos sólidos urbanos en Galicia. Neste sentido, non se aceptarán ideas ou iniciativas que estean relacionadas de maneira difusa coa reducción dos residuos, ou que non inflúan na dita reducción, aínda que teñan unha clara intención de protección do ambiente. En todo caso, quedará automaticamente excluída calquera idea ou iniciativa que supoña directa ou indirectamente unha contravención á normativa vixente.

As actuacións ás que se refiran as ideas e iniciativas presentadas deberán ser de aplicación xeral; non se aceptarán polo tanto ideas ou iniciativas dirixidas a grupos demasiado restrinxidos ou que precisen dunha preparación técnica específica para a súa execución.

Artigo 4º.-Presentación e prazos:

1. As ideas e iniciativas deberán presentarse na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Rúa dos Feáns, 7-c, 15706 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º de Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común. Serán entregadas ou remitidas nun sobre pechado, que conteña a seguinte documentación:

-Ficha-resumo identificativa (anexo I) con tódolos datos requiridos, en particular o do premio provincial ó que se presenta o participante, e o lema ou pseudónimo que adopta.

-Descrición máis detallada da idea e/ou iniciativa proposta, incluíndo forma de aplicación e de divulgación desta.

-Documento asinado polos participantes no que aceptan, no caso de resultar premiada a súa idea e/ou iniciativa, ceder en exclusiva á Xunta de Galicia os dereitos de propiedade intelectual de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación da idea, en tódalas súas modalidades, polo seu tempo máximo de duración, de acordo coas previsións do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.

-Sobre pechado que conteña os datos identificativos do autor e que leve impreso no exterior o lema ou pseudónimo elixido.

2. O prazo de presentación das ideas e iniciativas será de dous meses a partir da data de publicación desta orde.

Artigo 5º.-Xurado e criterios de selección das mellores ideas e iniciativas:

1. O xurado, único para os premios das catro provincias, estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Vocais: cinco representantes da Consellería de Medio Ambiente designados polo conselleiro de Medio Ambiente. Cinco representantes das asociacións de amas de casa e de consumidores de Galicia que asinasen convenio coa Consellería de Medio Ambiente.

Secretario, con voz e sen voto: o xefe do Servicio de Fomento e Control da Calidade Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

2. O xurado terá en conta, no momento da súa deliberación, os criterios que seguen:

a) Contido.-Valorarase: a concreción no contido da idea ou iniciativa; a clara relación coa reducción de residuos urbanos actuando sobre o comportamen

to e a forma de avaliación do cumprimento do obxectivo.

b) Ámbito de influencia.-Valorarase: o maior número de persoas que poidan aplica-la idea ou iniciativa; amplitude territorial desta; a posibilidade de aplicación da idea ou iniciativa en diferentes hábitats sociais e o carácter sinxelo da comprensión e aplicación dela por parte dos sectores implicados.

c) Custo de aplicación e relación custo/persoas-obxectivos potenciais.-Valorarase: que supoña o menor desembolso económico posible por parte dos cidadáns; que o custe para os encargados da difusión da idea ou iniciativa sexa razoable e a presentación dun estudio económico orientativo ó respecto. Determinarase a ratio custo/persoas potencialmente obxectivos. O custo total será o custo que supoña ó cidadán máis o custo de divulgación da idea ou iniciativa (custo total da difusión e ratio custo/persoa).

d) Difusión.-Valoraranse: as vías de difusión da idea; os requirimentos necesarios para a preparación da campaña; a duración efectiva da campaña; a posibilidade de repeticións periódicas da campaña e a estimación desta periodicidade.

Os criterios expostos puntuaranse sobre un total de 100 puntos, divididos do seguinte xeito:

a) Contido: 40 puntos.

b) Ámbito de influencia: 20 puntos.

c) Custo de aplicación e relación custo/persoas-obxectivos potenciais: 20 puntos.

d) Difusión: 20 puntos.

Artigo 6º.-Concesión dos premios.

1. O xurado realizará a selección das ideas e iniciativas premiadas no prazo máximo de dous meses a partir da data de finalización de presentación de solicitudes, elevando a súa proposta ó conselleiro de Medio Ambiente.

2. Os premios poderán ser declarados desertos.

3. O conselleiro de Medio Ambiente emitirá a orde definitiva pola que se concederán os premios. Esta será comunicada ós interesados e publicarase no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente