Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 12 de xullo de 1999 Páx. 9.010

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas na modalidade de educación a distancia no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dedica á educación das persoas adultas o título III e, no seu artigo 51, determina que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e

profesional. Así mesmo, determina que a educación das persoas adultas terá como obxectivos adquirir e actualiza-la súa formación básica e facilita-lo acceso ós distintos niveis do sistema educativo, mellora-la súa cualificación profesional ou adquirir preparación para o exercicio doutras profesións. Para lograr tales obxectivos, a organización e a metodoloxía da educación das persoas adultas basearase na autoaprendizaxe, en función das súas experiencias, necesidades e intereses, tanto a través da educación presencial como, polas súas adecuadas características, da educación a distancia.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos de Galicia, establece que a modalidade de educación a distancia utilizará un ou varios medios de comunicación e irá dirixida preferentemente á poboación adulta con dificultade de desprazamento ou de asistencia.

Na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo), pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas, establécese a súa estructura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no seu artigo 61 que a educación a distancia se adecuará ás circunstancias de cada alumno, flexibilizando ritmos de aprendizaxe e períodos de matrícula e, ademais, poderá realizarse na totalidade ou só en parte das áreas, ámbitos, materias ou módulos profesionais.

As peculiares características do alumnado que segue as ensinanzas na modalidade de educación a distancia aconsellan adecua-lo establecido na Orde do 26 de maio de 1997 e articula-los procesos de ensino-aprendizaxe a distancia por medio do apoio titorial.

En consecuencia co exposto anteriormente e en virtude das atribucións conferidas polas disposicións derradeiras primeira e segunda da Lei 9/1992, do 24 de xullo, e da disposición derradeira primeira do Decreto 88/1999, do 13 de abril, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto da presente orde é establece-la ordenación e organización da educación secundaria para persoas adultas (nivel III) na modalidade de educación a distancia no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Centros e oferta educativa.

1. Poderase imparti-lo nivel III do ensino básico para as persoas adultas na modalidade de educación

a distancia nos centros específicos de educación de adultos, nos institutos de educación secundaria e nos centros públicos integrados expresamente autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, cando circunstancias persoais, sociais e laborais dun número suficiente de alumnos así o requiran, poderán autorizarse a impartir ensinanzas de educación a distancia ós centros que o soliciten. A solicitude, que será tramitada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a través da delegación provincial, irá acompañada do informe da inspección educativa.

Artigo 3º.-Acceso e organización de ensinanzas.

Para as condicións de acceso e permanencia, a organización e duración das ensinanzas, a distribución de contidos, a matrícula e o profesorado relativo ó nivel III para a modalidade de educación a distancia aplicarase o establecido no Decreto 88/1999, do 11 de marzo, e na Orde do 26 de maio de 1997.

Artigo 4º.-Avaliación e promoción do alumnado.

1. Os alumnos de educación secundaria para persoas adultas (nivel III) poderán matricularse do número de ámbitos e módulos que desexen. Non obstante, será requisito indispensable obter avaliación positiva no mesmo ámbito do módulo anterior para poder ser avaliado do seguinte.

2. Para a avaliación do alumnado na modalidade a distancia, realizaranse durante cada cuadrimestre dúas probas de cada ámbito, con carácter bimensual, que serán presenciais e escritas. Os alumnos que superen ámbalas probas, obterán avaliación positiva no ámbito correspondente.

3. As probas establecidas no punto anterior desenvolveranse como segue:

-A primeira proba avaliará as capacidades adquiridas polo alumnado ata o momento da súa aplicación na primeira parte do cuadrimestre.

-A segunda proba avaliará as capacidades adquiridas polo alumnado na segunda parte do cuadrimestre.

-Inmediatamente antes da realización da segunda proba, realizarase a recuperación da primeira, para aqueles alumnos e alumnas que obtiveron avaliación negativa nela.

4. Correspóndelle ó xefe ou xefa de estudios, coa colaboración do equipo docente de cada módulo, cubri-los documentos de avaliación, así como informa-lo alumnado dos resultados a través dos procedementos que para tal fin teña establecido o centro educativo.

Artigo 5º.-Medios didácticos.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a xestión, segui

mento e avaliación dos medios didácticos apropiados ó réxime de ensino a distancia regulado nesta orde.

Artigo 6º.-Apoio titorial.

1. Tódolos alumnos contarán con apoio titorial en cada ámbito, polo que terán asignado un profesor titor que fará un seguimento individualizado, orientándoos e resolvendo as dúbidas que se poidan producir no seu proceso de aprendizaxe.

2. O apoio titorial realizarase de forma presencial e a distancia. Esta última poderá ser por correo, telefónico e, se é o caso, telemática.

3. Ó principio do cuadrimestre, o xefe de estudios establecerá para cada ámbito de coñecemento unha hora semanal de titoría, de xeito que se alterne o apoio titorial presencial e a distancia.

4. En todo caso, o apoio titorial establecerase de luns a venres, procurando que o horario sexa o máis adecuado para facilita-la asistencia do alumnado.

5. A asistencia ás titorías será de carácter voluntario, e non será requisito para presentarse ás probas da avaliación.

6. En cada ámbito, ó principio de cada cuadrimestre haberá unha sesión de titoría colectiva de información sobre o desenvolvemento das actividades programadas durante o cuadrimestre.

Artigo 7º.-Funcións do profesorado titor de ámbito.

Cada profesor-titor realizará as seguintes funcións:

1. Programar e realiza-las sesións de titoría correspondentes ós ámbitos que lle corresponda.

2. Realiza-lo seguimento do proceso de aprendizaxe dos seus alumnos, dándolle-lo asesoramento e apoio que requiran para o logro dos obxectivos establecidos no ámbito ou ámbitos que imparta.

3. Levar un rexistro de incidencias da titoría.

4. Elaborar, cando cumpra, un informe individualizado do proceso de aprendizaxe do alumnado.

5. Calquera outra función que lle sexa asignada polo xefe ou xefa de estudios para este réxime educativo.

Artigo 8º.-Información e orientación ó alumnado.

Correspóndenlle ó xefe ou xefa de estudios as tarefas de información e orientación ó alumnado que segue as ensinanzas pola modalidade a distancia. Para tal fin, o xefe ou xefa de estudios contará coa colaboración do profesorado que imparta docencia na modalidade de educación a distancia e co apoio especializado do Departamento de Orientación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las instruccións precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Dirección Xeral de Ordenación Educativa e

Formación Profesional.

Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa