Bases
1. O Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo da Emigración Galega, convoca a segunda edición do premio de investigación sobre estudios de emigración galega. Poderán participar, de forma individual, tódalas persoas que o 10 de setembro de 1999 aínda non cumpriran os 30 anos.
2. O contido dos traballos que se presenten referirase a calquera aspecto dos movementos migratorios relacionados con Galicia.
3. O prazo de presentación dos traballos rematará o día 10 de setembro de 1999.
4. Os traballos deberán ser presentados por quintuplicado no Rexistro do Consello da Cultura Galega, identificados cun lema ou pseudónimo. En sobre pechado á parte figurará no exterior o lema ou pseudónimo, e no interior: nome e apelidos do autor ou autora, copia do DNI, número de teléfono e enderezo actual.
5. O xurado estará formado polo presidente do Consello da Cultura Galega, o director do Arquivo da Emigración Galega e tres expertos en estudios migratorios nomeados pola Comisión Executiva por proposta do Arquivo da Emigración Galega.
6. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñece-lo día 30 de setembro do presente ano. O xurado ten a potestade de declarar deserto o premio.
7. Haberá un único premio de 500.000 pesetas para o traballo seleccionado. A concesión do premio implicará a cesión ó Consello da Cultura Galega dos dereitos de edición en exclusiva en calquera idioma. O Consello da Cultura Galega comprométese á publicación do traballo.
8. A participación neste premio supón a aceptación destas bases.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1999.
Carlos Casares Mouriño
Presidente do Consello da Cultura Galega

