O Decreto 171/1999, do 27 de maio, regula, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o programa de obradoiros de emprego como medida activa de emprego dirixida a mellora-las posibilidades de ocupación do colectivo de desempregados de vintecinco ou máis anos, especialmente daqueles grupos con especiais dificultades de inserción laboral, a través da combinación de accións de formación en alternancia coa práctica profesional mediante o desempeño dun traballo real e productivo. O que se trata, en definitiva, é de posibilitar, de facilita-la inserción laboral de determinados colectivos que se atopan en dificultades para conseguila: parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade.
O citado decreto debuxa as grandes liñas do programa, sendo necesario agora o desenvolvemento e a regulación detallada do seu contido. Así, nesta orde abórdase a convocatoria pública e o establecemento de axudas e subvencións ás entidades promotoras, obxecto, requisitos dos beneficiarios, prazo e forma da aplicación definitiva dos fondos, forma e prazo de concesión das subvencións e a concesión de anticipos.
Esta convocatoria axustase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto no artigo 35 da Lei 6/1998, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.
De conformidade co previsto na citada Lei 11/1992, do 7 de outubro, o financiamento, entre outras das axudas previstas nesta orde, realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 por un importe total de 4.036.183.000 millóns de pesetas.
Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe favorable da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente en relación
coa disposición derradeira primeira do Decreto 171/1999, do 27 de maio
DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da regulación, así como o establecemento das bases para a concesión de axudas e subvencións pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ó programa de obradoiros de emprego, de conformidade co previsto no Decreto 171/1999, do 27 de maio.
Artigo 2º.-Definición.
1. Os obradoiros de emprego configúranse como un programa mixto que combina accións de formación e emprego dirixido a mellora-la ocupabilidade dos desempregados de vintecinco ou máis anos, coa finalidade de facilita-la súa posterior integración no mercado de traballo.
2. Os traballadores participantes nos obradoiros de emprego adquirirán a formación profesional e a práctica laboral necesaria, mediante a realización de obras ou a prestación de servicios de utilidade pública ou interese social, relacionados con novos filóns de emprego, que posibiliten a súa posterior inserción laboral, a través do emprego por conta propia ou allea.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Para ser beneficiario do programa de obradoiros de emprego, será necesario estar desempregado e ter vintecinco ou máis anos, tendo prioridade aqueles que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos.
Artigo 4º.-Entidades promotoras.
1. Os proxectos de obradoiros de emprego poderán ser promovidos por:
a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Entidades locais e os seus organismos autónomos.
c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.
2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servicios e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficientes para a realización dos proxectos.
Artigo 5º.-Duración.
Os obradoiros de emprego terán unha duración máxima dun ano. Unha vez transcorrido o prazo de
duración previsto na resolución que os aprobe, consideraranse rematados.
Artigo 6º.-Contratación.
Os traballadores participantes serán contratados a tempo completo pola entidade promotora desde o inicio da actividade do obradoiro de emprego, seguindo a modalidade contractual máis adecuada, e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade con esta orde e demais normativa vixente.
Capítulo II
Formación
Artigo 7º.-Formación ocupacional.
1. Durante o desenvolvemento do obradoiro de emprego, os traballadores participantes recibirán formación profesional ocupacional, segundo o plan formativo incluído na memoria esixida no artigo 18 desta disposición, en alternancia coa práctica profesional. A formación adecuarase, se é o caso, ós contidos mínimos establecidos no real decreto que regule o certificado de profesionalidade da ocupación relacionada co oficio ou posto de traballo que se desempeñe, de acordo co establecido nos números 1 e 2 do artigo 3 do Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional.
2. O tempo dedicado á formación teórica, que se computará para tódolos efectos como xornada efectiva de traballo, determinarase no contrato en atención ás características do oficio ou posto de traballo que se desempeñe, do número de horas establecido para o módulo formativo adecuado ó posto e á duración do contrato. En ningún caso o antedito tempo de formación será inferior ó 25 por 100 da xornada máxima prevista no convenio colectivo ou, no seu defecto, da xornada máxima legal.
Artigo 8º.-Orientación profesional, formación empresarial e asistencia técnica.
1. Os traballadores participantes en obradoiros de emprego, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que os obradoiros de emprego deberán contar co persoal e os métodos axeitados.
2. Unha vez rematados os obradoiros de emprego, as entidades promotoras prestarán asistencia técnica ós traballadores participantes, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. No caso de existir iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promove-la súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Para estes fins, as
entidades promotoras poderán solicitarlles á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.
Artigo 9º.-Educación básica.
Para os traballadores participantes en obradoiros de emprego que non alcanzasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria previstos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e de conformidade co disposto no seu artigo 23.2º, organizaranse, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, programas específicos co fin de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas na dita lei orgánica e, especialmente, a través da proba de acceso que prevé o seu artigo 32.1º.
O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ós que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais có de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional cuarta da referida lei orgánica.
Artigo 10º.-Certificacións e diplomas.
1. Ó remate da súa participación nun obradoiro de emprego, os traballadores participantes recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a competencia adquirida e os módulos formativos cursados.
Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional.
2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude concederalles ós traballadores participantes diplomas nos que se recollerán os módulos impartidos e a súa duración.
Capítulo III
Selección e contratación do persoal
Artigo 11º.-Normas xerais: grupo de traballo mixto.
1. A selección dos traballadores desempregados que participarán nos obradoiros de emprego así como a do director, os docentes e o persoal de apoio, será realizada por un grupo de traballo mixto que estará integrado por persoal da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá no repre
sentante da consellería que para o efecto sexa designado pola respectiva delegación provincial.
2. A este grupo corresponderalle establece-los criterios de selección de todo o persoal do obradoiro de emprego, de acordo co establecido nesta orde e normas que poidan desenvolvela, procurando a maior adaptabilidade dos seleccionados ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.
3. Finalizados os procedementos de selección, o grupo de traballo mixto preparará a relación dos seleccionados como traballadores participantes, persoal directivo, docente e de apoio, estendendo acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
Artigo 12º.-Procedemento de selección dos traballadores desempregados.
1. Para a selección dos traballadores desempregados que participarán no obradoiro de emprego, o grupo de traballo mixto determinará o perfil dos candidatos, os baremos e as probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aqueles deben cumprir, con suxeición ó previsto nos parágrafos seguintes.
2. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación da oferta xenérica de emprego pola correspondente oficina de emprego, debendo esta observar, como requisitos mínimos que deben cumpri-los candidatos preseleccionados, os de:
a) Ter vintecinco ou máis anos.
b) Estar desempregados, entendéndose nesta situación ós demandantes de emprego rexistrados no Servicio Público de Emprego, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.
3. Ademais, consideraranse como criterios preferentes de selección:
-Ter especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos.
-Non ter participado anteriormente noutro obradoiro de emprego, escola obradoiro ou casa de oficios.
-Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.
-Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios, tendo preferencia aqueles desempregados con menor nivel de protección, sendo prioritarios os non perceptores do subsidio por desemprego.
4. O grupo de traballo mixto practicará a selección de entre as relacións de desempregados confeccio
nadas pola oficina de emprego que deberán conter, no posible, tres candidatos por posto.
Artigo 13º.-Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.
1. Na selección do director, persoal docente e de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta xenérica de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas, e tamén ter en consideración o ficheiro de expertos.
Así mesmo, correspóndelle ó grupo de traballo mixto:
-Determina-lo perfil, as características e os requisitos que deben cumpri-los candidatos, entre os que figurará o de estar preferentemente desempregado, tendo prioridade aquelas persoas que desempeñasen unha ocupación semellante nunha escola obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego.
-Elabora-las convocatorias.
-Establece-los baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse.
-Prepara-las ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego se procedese.
-Difundi-las convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen, se é o caso.
2. A selección definitiva deberá realizala entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e das solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos por posto.
Artigo 14º.-Contratación dos traballadores participantes e do persoal directivo, docente e de apoio.
1. Desde o comezo do obradoiro de emprego, os seleccionados como traballadores participantes, segundo as actas do grupo de traballo mixto, serán contratados pola entidade promotora, utilizando a modalidade contractual máis acorde coas circunstancias do traballador e do proxecto e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade co previsto na normativa vixente e nesta disposición. A contratación será a tempo completo e a duración máxima do contrato non poderá supera-la duración do obradoiro de emprego.
2. Así mesmo, a entidade promotora contratará os que nas actas do grupo de traballo figuren como seleccionados para os postos de persoal directivo, docente e de apoio.
3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, debendo facerse consta-la súa pertenza o programa de obradoiros de emprego, a denominación do obradoiro de emprego para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Igualmente, rexistraranse na oficina de emprego, indicando a
súa pertenza ó dito programa co indicador xenérico do grupo E, e cada contrato codificarase coa clave EO1, para traballador participante, e EO2 para persoal directivo, docente e de apoio.
Artigo 15º.-Baixas.
1. De producirse a baixa dalgún traballador participante, poderá ser substituído por outro sempre que este teña unha base formativa suficiente para continua-lo proceso formativo do proxecto, non podendo excede-la data de finalización do novo contrato da de remate do obradoiro de emprego.
2. A selección dos traballadores para a cobertura das vacantes que se produzan ó igual cá do persoal directivo, docente e de apoio que se contrate unha vez iniciado o proxecto, efectuarase polo procedemento que determine o grupo de traballo mixto para cubrir baixas.
Artigo 16º.-Incidencias e reclamacións.
1. As incidencias e reclamacións que se puideran suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas polo grupo de traballo mixto.
2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servicio Público de Emprego, para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa un organismo público. Neste último caso, o persoal e os traballadores seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo, polo que non será precisa oferta de emprego público previa.
Capítulo IV
Procedemento para a concesión de subvencións
Artigo 17º.-Solicitudes.
1. As entidades que, estando previstas no artigo 4, desexen promover un obradoiro de emprego e obte-las axudas e subvencións establecidas nesta orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude, de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no modelo que se publica como anexo I, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais e servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo seu representante legal debidamente acreditado e xunto coa documentación sinalada no artigo seguinte.
2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera da formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Artigo 18º.-Documentación.
Xunto coa solicitude, a documentación que se presentará, sempre por duplicado exemplar e en orixinais ou en copias compulsadas, será a seguinte:
a) Aquela que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante tendo en conta que:
-Se é un órgano da Administración xeral do Estado, un ente público desta ou da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo autónomo estatal, autonómico ou local, unha mancomunidade ou un consorcio, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no boletín oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.
-Se é unha fundación, asociación ou outra entidade sen ánimo de lucro, achegarase escritura pública de constitución e/ou estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, que acrediten a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.
b) Tarxeta de identificación fiscal.
c) A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente boletín oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.
d) As entidades locais e os seus organismos autónomos deberán achegar certificación expedida polo secretario, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto de obradoiro de emprego e de solicitude de subvención á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, adoptado polo órgano competente.
e) A que acredite a titularidade xurídica do obxecto de actuación e da súa dispoñibilidade para realiza-las as obras ou a prestación dos servicios previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vintecinco anos.
f) As autorizacións administrativas que sexan esixibles atendendo á natureza xurídica e ó réxime de protección dos obxectos sobre os que se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do obradoiro de emprego. De non ser necesarias, achegarase certificación en tal sentido.
g) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se publica como anexo II, na que se recollerán os seguintes aspectos:
-Descrición detallada da obra ou servicio que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado por técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.
-Plan formativo do obradoiro de emprego por especialidades e en relación co proxecto de obra ou servicio que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servicio. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ó establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.
Cada itinerario formativo deberá incluí-la denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.
-Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o previsto no artigo seguinte.
-Datas previstas de comezo e finalización da actividade e duración do obradoiro de emprego.
-Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión de previsións, o máis concretas posibles, de inserción laboral dos traballadores participantes, ó remate do obradoiro de emprego.
h) Certificado no que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
Artigo 19º.-Contido do orzamento.
Para os efectos do previsto na alínea g) do artigo anterior, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:
1. Orzamento de gastos, periodificado por fases ou períodos non superiores a seis meses, tendo en consideración que no caso de obradoiros de emprego que teñan unha duración superior a seis meses e inferior a doce, a primeira fase será de seis meses e a segunda do resto. O orzamento presentarase segundo o seguinte detalle:
a) Custos máximos totais derivados da contratación do:
-Persoal directivo e docente.
-Persoal administrativo e de apoio.
-Traballadores participantes.
b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e a xestión:
-Medios e materiais didácticos e de consumo.
-Material de oficina.
-Viaxes dos traballadores participantes para a súa formación.
-Amortización de equipos e instalacións. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada de bens, incluíndo a cota de amortización no orzamento de gastos.
-Gastos xerais.
-Aluguer de instalacións, maquinaria e equipos.
-Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
2. Orzamento de ingresos, expresando a parte financiada pola entidade promotora ou outras fontes de financiamento achegadas por entidades colaboradoras e a parte para a que se solicita financiamento á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. De se-lo caso, tamén se farán consta-los ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 26, do alleamento de bens producidos ou servicios prestados polo obradoiro de emprego.
Artigo 20º.-Emenda.
No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada contivera erros ou fose insuficiente, a Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio para a instrucción do expediente, requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se lle considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Artigo 21º.-Comisión Central de Valoración.
1.Os expedientes, unha vez completos, remitiranse xunto co informe técnico da delegación provincial, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, á Comisión Central de Valoración no prazo de 15 días, para o seu estudio e proposta de resolución pola Comisión Central de Valoración.
2. Para os efectos do previsto nesta orde, a Comisión Central de Valoración estará composta polo director xeral de Fomento de Emprego, que a presidirá; e serán vocais os catro delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.
Artigo 22º.-Criterios de valoración dos proxectos.
Para a valoración dos proxectos de obradoiro de emprego para a súa posterior aprobación, se é o caso, teranse en consideración, entre outros, os seguintes criterios:
-Adaptabilidade do proxecto para a participación dos colectivos sinalados como preferentes de actuación.
-Número de desempregados maiores de vintecinco ou máis anos existentes no ámbito territorial do proxecto que se vaia desenvolver.
-Perspectivas de emprego do colectivo participante.
-Carácter innovador do proxecto, tendo en consideración a súa incidencia en novos filóns de emprego como:
a) Servicios de utilidade colectiva: revalorización de espacios públicos e urbanos, xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía.
b) Servicios de ocio e culturais: promoción do turismo, desenvolvemento cultural e local.
c) Servicios personalizados de carácter cotián: coidado de nenos, prestación de servicios a domicilio a persoas discapacitadas ou maiores, axuda a xoves en dificultades e con desarraigamento social.
-Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e á súa adecuación para a cualificación e adquisición de experencia profesional dos traballadores participantes e dos beneficios sociais que se prevexa xerar.
-Calidade do plan formativo e adecuación entre as especialidades propostas e ocupacións máis ofertadas no mercado laboral.
-Achegas da entidade promotora ou outras entidades, especialmente cando as ditas achegas diminúan as subvencións que poida concede-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso.
-Resultados cualitativos e cuantitativos de anteriores proxectos de obradoiros de emprego, escolas obradoiro ou casas de oficios promovidos pola entidade solicitante e, en concreto:
a) Inserción dos participantes no mercado laboral.
b) Formación e experiencia profesional adquirida.
c) Resultado socioeconómico derivado da realización de proxectos de utilidade pública e social acollidos a esta orde e á reguladora do programa de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento.
Artigo 23º.-Resolución.
1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, logo de formulada a proposta de resolución pola Comisión Central de Valoración e fiscalizada pola respectiva Intervención, a Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará resolución outorgando ou denegando a concesión da subvención que será notificada fidedignamente á entidade solicitante.
2. A resolución conterá, como mínimo, os seguintes extremos:
a) Obxectivos básicos do proxecto, especialidades que se impartirán así como número e, se é o caso, características dos beneficiarios.
b) Subvencións outorgadas con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o financiamento dos custos sinalados no artigo 19 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado e que o seu aboamento quedará condicionado á existencia de crédito para tal fin nos futuros exercicios orzamentarios.
c) Duración do obradoiro de emprego e datas previstas para o seu comezo e para cada unha das súas fases.
d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.
3. Contra as resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación; tamén poderá interpoñerse calquera outro recurso que se considere pertinente ó dereito das entidades interesadas.
Artigo 24º.-Modificacións do proxecto.
1. Calquera modificación que implique un cambio de titularidade da entidade promotora, de obxecto de actuación ou de especialidades do proxecto formativo será considerada como esencial e deberá ser solicitada e aprobada segundo o procedemento de aprobación indicado anteriormente.
2. Os cambios de titularidade deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o esixan. Para a tramitación desta modificación, a entidade promotora titular deberá presentar ante a correspondente delegación provincial a seguinte documentación:
a) Solicitude de aceptación da súa renuncia e de cambio de titularidade do obradoiro de emprego, debidamente xustificada.
b) Escrito de aceptación do cambio de titularidade da nova entidade, xunto coa documentación esixible a teor do previsto no artigo 18.
c) Balances dos dereitos e obrigas que se transfiren e de situación e xustificación das subvencións recibidas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
d) Acta conxunta aceptando a liquidación e transferencia dos dereitos e obrigas co visto e prace do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
A delegación provincial trasladará o expediente xunto co informe técnico á Comisión Central de Valoración prevista no artigo 21, para os efectos do seu estudio e proposta de resolución.
3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán da previa proposta da Comisión Central de Valoración para seren resoltas polo órgano competente.
Capítulo V
Financiamento e xustificación de subvencións
Artigo 25º.-Obxecto das subvencións.
1. A subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para cada obradoiro de emprego, que se determinará na resolución que aprobe o proxecto, destinarase exclusivamente a sufraga-los seguintes custos:
-Os de formación profesional ocupacional e, se é o caso, educación básica durante as etapas do proxecto.
-Os salariais derivados dos contratos que se subscriban cos traballadores participantes no obradoiro de emprego.
2. O importe da subvención concedida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto do obradoiro de emprego.
3. As axudas e subvencións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0.
Artigo 26º.-Producción de bens e servicios.
Cando os obradoiros de emprego no desenvolvemento da súa actividade produzan bens que, polo seu deseño e innovación, sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal. Os ingresos procedentes de tales alleamentos rexistraranse nos correspondentes libros de contabilidade e aplicaranse ás actividades do obradoiro de emprego.
Artigo 27º.-Convenios de colaboración.
As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte ou a totalidade do custo dos proxectos dos obradoiros de emprego, descontándose estas achegas das subvencións que vaia concede-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Esta circunstancia farase constar na memoria que se xunta á solicitude recollida no artigo 18.
Artigo 28º.-Subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.
1. Consideraranse como custos de formación ocupacional e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:
-Os custos derivados da contratación do director, docentes e persoal de apoio.
-Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.
-Amortización de instalacións e equipos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.
-Viaxes para a formación dos traballadores participantes.
-Materiais de oficina.
-Aluguer de equipos e maquinaria, excluído o leasing.
-Gastos xerais.
-Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.
2. Non serán susceptibles de financiarse con cargo á subvención concedida:
-Os gastos de investimento, como adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipos.
-Os alugueres de edificios, locais, naves, aulas e o seu acondicionamento, sempre que non sexan resultado da práctica profesional dos traballadores participantes.
-Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.
Artigo 29º.-Cálculo de subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.
1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/participante de formación e por módulos:
-Co módulo A, compensaranse os custos salariais do director e os docentes que fosen seleccionados e contratados para o obradoiro de emprego, incluídos os orixinados polas custas con cargo ó empregador derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, desemprego e formación profesional.
-Co módulo B, compensarase dos demais gastos enumerados no parágrafo 1º do artigo anterior, incluídos os de persoal de apoio contratado. Dado que os participantes reciben formación, sexa teórica ou teórico-práctica, durante toda a xornada no obradoiro de emprego, consideraranse horas formativas as correspondentes á totalidade desta.
2. Para o ano 1999 establécense os seguintes importes:
Módulo A: 306 pesetas/hora traballador participante.
Módulo B: 109 pesetas/hora traballador participante.
Os incrementos destes módulos para anos sucesivos serán do 2 por 100 anual, mentres non se dicte disposición que modifique a dita porcentaxe.
3. A contía dos anteditos módulos é única para cada fase, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio da fase.
O importe do módulo A ten en consideración a relación dun docente a xornada completa por cada oito traballadores.
O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento en cada fase será o equivalente ó resultado de mutiplica-lo valor dos módulos A e B polo número de traballadores participantes e polo total de horas considerando a xornada completa.
Artigo 30º.-Subvención para custos salariais dos traballadores participantes.
A subvención para o financiamento dos custos salariais dos traballadores participantes consistirá nunha cantidade equivalente a 1,5 veces o salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación, de ser esta inferior, así como as correspondentes cotas á Seguridade Social por tódolos conceptos con cargo ó empregador.
Artigo 31º.-Actualización da subvención.
O importe das cantidades efectivas que se aboarán en cada fase estará en función do incremento anual do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de traballadores participantes en cada fase e da xustificación dos gastos subvencionados na fase anterior.
Artigo 32º.-Pagamento.
1. O pagamento das subvencións será realizado polas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás entidades promotoras por períodos non superiores a seis meses, logo da solicitude destas, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, e en función das fases ou períodos do proxecto que se expresen na resolución de concesión.
2. Con carácter xeral, acreditado o inicio do primeiro período pola entidade promotora, mediante a oportuna certificación, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente a ese período.
Despois de recibida e revisada de conformidade a documentación xustificativa dos gastos correspondentes ó primeiro período, no prazo dun mes contado desde a data da súa presentación, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente ó segundo período, sen que en ningún caso se supere o límite do 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. No segundo pagamento, para a determinación deste límite do 80%, descontarase do cálculo o importe do anticipo anterior debidamente xustificado pola entidade promotora, de acordo co establecido no artigo 34.
3. Cando o obradoiro de emprego conste dunha fase e unha vez acreditado o seu inicio na forma prevista no parágrafo segundo, aboaráselle á entidade promotora en concepto de anticipo unha cantidade equivalente ó 50% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.
Neste caso, despois de recibida de conformidade a documentación xustificativa dos gastos correspondentes ó anticipo, poderá aboarse ó promotor, en concepto de pagamento a conta, unha cantidade equivalente ó 30% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.
4. O 20% ou, se é o caso, o 50% restante aboaráselles ás entidades promotoras unha vez rematado o obradoiro de emprego, xustificados tódolos gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 34 e 36 respectivamente.
Artigo 33º.-Garantías.
1. No suposto de que as entidades promotoras teñan a condición xurídica de entes de dereito privado, con carácter previo á recepción dos anticipos, deberán depositar na Caixa Xeral de Depósitos avais ou garantías, de calquera das clases admitidas en dereito, en favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, suficientes en cantidade e calidade para responder da correcta aplicación das subvencións concedidas.
2. A garantía será liberada cando sexa acreditado que a subvención concedida se aplicou á finalidade prevista e que foron xustificadas correctamente as cantidades percibidas en tal concepto.
Artigo 34º.-Forma de xustificación.
1. A entidade promotora, dentro do mes seguinte ó final de cada fase ou período considerado, remitiralle á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, non podendo efectuarse compensacións entre os distintos conceptos (módulo A, módulo B e salarios dos traballadores participantes). Así mesmo, xuntarase a relación dos pagamentos realizados con identificación dos perceptores e detalle das cantidades aboadas.
Unha vez verificada a xustificación por gastos efectuados, e no caso de ser inferior á cantidade establecida como subvención máxima xustificable no artigo seguinte, axustarase o correspondente saldo na próxima transferencia que se vaia efectuar.
2. A xustificación por horas realizadas deberá efectuarse mediante unha relación dos traballadores participantes no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo, prórrogas e partes de baixa na Seguridade Social.
Para a xustificación dos custos salariais dos traballadores participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración correspondente en cada fase, será necesario achega-la documentación indicada no parágrafo anterior.
A antedita documentación deberá achegarse á solicitude de transferencia de fondos correspondentes á seguinte fase, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.
4. Cando as entidades promotoras sexan organismos públicos, consideraranse documentos xustificativos dos pagamentos efectuados as certificacións expedidas para o efecto polos órganos competentes, nas que consten detallados os pagamentos correspondentes a cada unha das partidas subvencionadas. Igualmente deberán achegar relación de xustificantes de gastos e pagamentos realizados con cargo ó módulo B.
En calquera caso, os documentos xustificativos individualizados deberán quedar dispoñibles para as actuacións de comprobación e control.
5. As asociacións, fundacións e entidades sen fins de lucro ás que se refire o artigo 4 desta orde presentarán documentos xustificativos individualizados dos pagamentos efectuados.
6. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos parágrafos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos, e reclamaranse as cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.
Artigo 35º.-Subvención máxima xustificable.
A subvención máxima que se poderá admitir como xustificada en cada período, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder do que resulte de multiplica-lo número de horas realizadas por cada módulo. Para estes efectos, consideraranse tamén como horas efectivas, as correspondentes ós participantes que abandonen o proxecto e polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e o remate do período ou, se é o caso, a data de alta do traballador participante que substitúa á dita baixa, e as correspondentes ós días lectivos non asistidos.
Igualmente, asimilaranse a horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes ós períodos de vacacións anuais retribuídas, gozadas polos traballadores participantes, establecidas legal ou convencionalmente.
Artigo 36º.-Liquidación do expediente.
1. Dentro do mes seguinte ó remate do obradoiro de emprego, a entidade promotora remitiralle á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos modelos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego a, seguinte documentación:
a) Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos correspondentes á segunda ou única fase, segundo proceda.
b) Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.
c) Acta de liquidación e cadro resumo de xustificacións de gastos.
2. Unha vez verificada a xustificación presentada, e no caso de acordo, a Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dará a súa conformidade ós documentos sinalados, ó mesmo tempo que aboa as cantidades previstas no artigo 32.4º e, se é o caso, expide o certificado oportuno para a liberación da garantía depositada na Caixa Xeral de Depósitos.
No suposto de desconformidade ou discrepancia, a delegación provincial descontará do pagamento do 20% restante as cantidades non xustificadas.
3. Revisada a xustificación e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a delegación provincial iniciará o procedemento legalmente establecido para o reintegro de subvencións indebidamente percibidas.
4. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do obradoiro de emprego, a Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego a documentación sinalada na alínea c) do parágrafo primeiro.
Artigo 37º.-Pagamento logo de xustificación dos gastos.
1. Non obstante o previsto no artigo 32, se as entidades promotoras teñen a condición xurídica de ente de dereito privado, poderán optar por cobra-la subvención mediante o sistema de compensación de gastos realizados, ata o 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto de conformidade co previsto no artigo 32.
2. De segui-la antedita modalidade, remitiranlle á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e por períodos non superiores a seis meses, a correspondente documentación xustificativa, empregando o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que recollerán a relación dos gastos realizados e a identificación dos perceptores e cantidades, xunto cos xustificantes dos pagamentos efectuados.
A delegación provincial verificará a xustificación realizada e, de atopala correcta, transferirá as correspondentes cantidades.
Capítulo VI
Obrigas, seguimento e control
Artigo 38º.-Obrigas.
Os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde estarán obrigados a:
a) Realiza-la actividade para a que se conceda a subvención.
b) Contrata-los traballadores participantes e formalos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.
c) Acreditar perante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos esixidos para a súa concesión.
d) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.
e) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.
f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e os servicios que se realicen.
g) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento do obradoiro de emprego, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibisen con anterioridade as axudas ou subvencións concedidas.
h) Cumpri-las demais obrigas que se deriven da normativa aplicable ás axudas e subvencións previstas nesta orde.
Artigo 39º.-Incumprimento de obrigas.
O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria do establecido na normativa aplicable ó programa de obradoiros de emprego orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento e tendo en conta a súa incidencia na formación e cualificación profesional dos traballadores participantes, o reintegro total ou parcial das cantidades que se recibisen xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.
Artigo 40º.-Asistencia, seguimento e avaliación.
1. As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son os órganos encargados de realiza-las tarefas de coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión dos obradoiros de emprego así como das subvencións concedidas.
2. Ademais de tramita-lo expediente de solicitude, resolver esta, se é o caso, e transferi-los fondos correspondentes, deben realiza-las seguintes actuacións, na forma e cos procedementos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego:
-Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo á entidade promotora e ó propio obradoiro de emprego, tanto na preparación do proxecto como
na realización das actividades para as que se concede a subvención, para consegui-lo éxito do proxecto: cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.
-Seguimento da xestión, obtendo dos obradoiros de emprego a información referente a traballadores participantes, persoal directivo, docente e de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.
-Control dos resultados do obradoiro de emprego para o que, a entidade promotora ós seis e doce meses da súa finalización lle remitirá, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, ademais de estar obrigada a proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade. Obtido o cuestionario, a delegación provincial trasladarao á Dirección Xeral de Fomento do Emprego dentro do mes seguinte ós indicados prazos. Así mesmo, a delegación provincial realizará un seguimento de resultados cualitativos no derradeiro mes de funcionamento do obradoiro de emprego.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 fixado na exposición de motivos desta disposición.
Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
Terceira.-As solicitudes presentadas ó abeiro desta disposición que non se resolvan dentro do ano 1999 poderán resolverse no exercicio seguinte de conformidade co que se estableza na correspondente orde de convocatoria.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 1999.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,
Muller e Xuventude

