Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 28 de xullo de 1999 Páx. 9.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 de xullo de 1999 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Moeche, Monfero, Oroso, Ponteceso, Santiso, Antas de Ulla, Cervo, Ourol, Paradela, O Irixo, Cangas e Poio.

Polos decretos 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), 269/1997, do 18 de setembro (DOG nº 191, do 3 de outubro) 302/1997, do 23 de outubro (DOG nº 212, do 3 de novembro), e 99/1999, do 8 de abril (DOG nº 75, do 21 de abril), desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Moeche, Monfero, Oroso, Ponteceso, Santiso, Antas de Ulla, Cervo, Ourol, Paradela, O Irixo, Cangas e Poio.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes rexistros da propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e artigo 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-lo tráfico destes bens patrimoniais.

En virtude do anteriormente exposto, tendo en conta a proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, e logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria,

DISPOÑO:

Artigo único

Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1. Terreo e monte ermo nos arredores do lugar de San Ramón, ó que lle chaman Amanxeiroa de Arriba, parroquia de San Xoán de Moeche, municipio de Moeche (A Coruña), que mide a superficie de dúas áreas, producto de 20 m de longo por 10 m de largo. Linda: norte e sur, máis de Consuelo Canosa Ramil; leste, Manuel Gabeiras; e oeste camiño veciñal que da estrada de Viveiro a Liñares vai ó Cristo de Rañal pasando pola feira de Moeche. Dista da estrada de Viveiro a Liñares 58 m desde o seu extremo norte.

Sobre o predio anteriormente descrito construíuse un edificio de 15 m por 9 m, destinado a almacén e oficinas que ten pegado un alpendre de 26 m e un centro de inseminación artificial de 14,40 m, cun baldío unido de 24,60 m.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ferrol no tomo 1.892, libro 49, folio 41, predio nº 2.807, inscrición 3ª.

2. Edificio de planta baixa e alta, con 234 m construídos, que se asenta sobre un soar no lugar de Rebordelo, nº 9, parroquia de San Fiz, municipio de Monfero (A Coruña), de 619 m en total. Linda: norte, Manuel Bouza Deive; sur, Herminia Rejo Sanjuan e Hilda-Azucena Cachaza Rejo; leste, estrada de Vilar a Curtis, nunha liña de 13,40 m; e oeste, camiño público.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 648, libro 41, folio 112, predio nº 5.433, inscrición 3ª.

3. Local nº 3 do edificio Mirasol, portais VII-VIII-IX, edificado na parcela quinta fase, sito no lugar de Sigüeiro, municipio de Oroso (A Coruña): -Local comercial nº 3 na planta baixa. Superficie útil, 51,88 m. Linda: norte, portal IX e local comercial nº 2; sur, parcela fase sexta; leste, portal IX e a rúa do Deporte; e oeste, xardín e patio interior.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 619, libro, 86, folio 87, predio nº 9.596, inscrición 3ª.

4. Local nº 4, do edificio Mirasol, portais X e XI, edificado na parcela sexta fase, sito no lugar de Sigüeiro, municipio de Oroso (A Coruña): -Local comercial nº 1 na planta baixa. Superficie útil, 136,77 m. Lindeiros: con inclusión do núcleo de portal X e escaleiras: norte, edificio Mirasol portais VII-VIII-IX; sur, local comercial nº 2 (nº 5); leste, a rúa do Deporte; e oeste, patio axardinado.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 628, libro 89, folio 1, predio nº 9.688, inscrición 3ª.

5. Edificio de planta baixa e alta que ocupa a superficie total do seu soar de 150 m, situado no lugar de Trabe, parroquia de Tella, municipio de Ponteceso (A Coruña). Linda: norte, rúa de acceso ás vivendas do grupo escolar; e sur, leste e oeste, predio matriz, concello.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo no tomo 865, libro 116, folio 199, predio nº 10.006, inscrición 3ª.

6. Edificio de planta baixa situado na parroquia de Arcediago, municipio de Santiso (A Coruña), que ten unha superficie construída de 86 m aproximadamente, sobre un soar de 108 m, resultante da agrupación de dous predios de 36 m e 72 m. Linda o novo predio agrupado: fronte; estrada da deputación provincial; esquerda entrando, antiga casa do concello; dereita entrando, Ramón Eladio Guerreiro Pereiro; e fondo, Ovidio Joaquín Mouriño Cao.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 562, libro 30, folio 91, predio nº 5.028, inscrición 1ª.

7. Edificio de dúas plantas, baixa e primeira cunha superficie total construída de 183 m, asentado sobre un predio denominado Nabal de Seoane ou de Porta, situado na parroquia e municipio de Antas de Ulla (Lugo), de forma rectangular, que ten 9,2 m de fondo por 10 m de fronte, é dicir unha superficie de 92 m. Linda: norte, estrada; sur, leste e oeste, predio matriz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Chantada no tomo 582, libro 57, folio 214, predio nº 10.610, inscrición 3ª.

8. Soar, sen número de goberno, na Chousa da Pena da Arca e sitio de Andreallo, na parroquia e municipio de Cervo (Lugo), que ten unha superficie de 510 m. Sobre este terreo construíuse unha edificación de planta baixa e alta, de 100 m por planta, destinada a almacén e oficinas. Linda: norte, herdeiros de José María Crego, parede medianeira; sur e oeste, predio matriz; e leste, estrada que baixa a Cervo, hoxe Avda. de Galicia.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 725, libro 133, folio 31, predio nº 3.765, inscrición 3ª.

9. Edificio de planta baixa e soto, que ocupa 91 m dun soar de 770 m, nas inmediacións do lugar do Mesón do Castelo, marxe dereita da estrada que de Ourol conduce á feira do Carme, na parroquia e Concello de Ourol (Lugo), hoxe Ourol nº 20. Linda: norte, Cándido García Pardo; sur, herdeiros de Francisco Chao de Arriba, hoxe Amelia Chao Chao; leste, dos de Ramón Rodríguez Gómez, hoxe herdeiros de María Rodríguez; e oeste, a antedita estrada de Ourol á feira do Carme ou a Xerdiz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 734, libro 120, folio 91, predio nº 13.139, inscrición 1ª.

10. Edificio de planta baixa e piso, que ten unha superficie total construída de 345 m, que se asenta sobre un soar ó que lle chaman Monte da Pega, parroquia de San Miguel de Paradela, termo municipal de Paradela (Lugo), cunha superficie de 210 m. Estrema: norte, con máis de González e González, hoxe fin do nucleo urbano; sur ou fronte, camiño, hoxe praza Fraga Iribarne; leste, máis de González e González, hoxe parcela de Ángel Pallares López; e oeste, máis de Camilo González González e outro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 397, libro 33, folio 44, predio nº 3.599, inscrición 1ª.

11. Edificio de planta baixa situado no lugar da Ponte, s/n, municipio do Irixo (Ourense), que ocupa 171 m do soar sobre o que se asenta que ten unha superficie total de 300 m. Estrema: norte, José

López Marnotes e José Benito Adán González; sur, praza pública; leste, Andrés Novoa Des; e oeste, Casa do Concello do Irixo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade do Carballiño no tomo 444, libro 37, folio 46, predio nº 4.934, inscrición 5ª.

12. Primeira planta alta, do edificio sinalado co nº 4 na rúa de Cuba (antes Paseo de Castelao), na vila e municipio de Cangas (Pontevedra). Ocupa unha superficie útil de 195,25 m. Ten o seu acceso a través das escaleiras que se forman na planta baixa. Linda, tomando como referencia a rúa Cuba: fronte ou norte, a devandita rúa; costas ou sur, rúa sen nome e despois serradoiro de madeira dos herdeiros de José Solla Graña; esquerda, é dicir, leste, espacio público urbanizado denominado rúa Areal; dereita ou oeste, outra rúa e en fronte casa do concello e terreo anexo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Pontevedra no tomo 1.384, libro 188, folio 188, predio nº 16.563, inscrición 1ª.

13. Edificio de planta baixa e alta que ocupa 158 m do predio de labradío sobre o que se asenta que ten unha extensión total de 187 m, no lugar de Casal, hoxe rúa do Casal nº 10, parroquia de San Xoán, municipio de Poio (Pontevedra). Estrema: norte, casa principal do Casal; sur, estrada de Campelo; leste, Manuel Torres Casas, valo no medio; e oeste, resto do predio matriz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Pontevedra no tomo 1.385, libro 106, folio 161, predio nº 9.249, inscrición 1ª.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1999.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio da Consellería

de Economía e Facenda