Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administra
ción do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e o artigo 1º do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as ditas competencias.
Examinado o expediente promovido polo Concello de Monforte de Lemos (Lugo) en solicitude de creación dun conservatorio de música público, de grao profesional, dependente do dito concello, para imparti-las ensinanzas de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.
Tendo en conta os informes da Delegación Provincial de Lugo sobre o cumprimento efectivo, por parte do dito concello, dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro, título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.
En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 27 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de xullo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Créase o conservatorio de música público de grao profesional dependente do Concello de Monforte de Lemos (Lugo).
Artigo 2º
Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo de grao elemental e de grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos. Este centro contará con 80 postos escolares para o grao elemental e 180 para o grao medio.
O centro poderá impartir, ademais, con validez académica oficial, as ensinanzas das materias correspondentes ó plan de estudios regulamentado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, que non foran suprimidas polo Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado polos RR. DD. 535/1993, do 12 de abril, 1487/1994, do 1 de xullo, 1468/1997, do 19 de setembro e 173/1998, do 16 de febreiro.
Artigo 3º
Este centro queda sometido ó réxime común docente dos conservatorios de música e seralle de aplicación a normativa vixente sobre centros de ensinanzas artísticas.
Disposición derradeira
Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.
Santiago de Compostela, quince de xullo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

