Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 28 de xullo de 1999 Páx. 9.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 7 de xullo de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, con domicilio en rúa Urzáiz, 61, oficina nº 8. Vigo. Pontevedra.

Supostos de feito

Primeiro.-María Otilia Martínez Couto, na súa calidade de presidenta da fundación, en escrito do vinteún de maio de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Vigo, o día catorce de maio de mil novecentos noventa e nove, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Somoza Sánchez, co número mil trescentos corenta e catro do seu protocolo, por María Otilia Martínez Couto, Juan Manuel Álvarez Castro, José Manuel Fernández González, Ángel García Álvarez e Alberto Lagoa González.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia

e Administración Pública, do 1 de xuño de 1999 (DOG do 14 de xuño) clasificouse como de interese cultural a Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

1. A formación integral na área sanitaria, ambiental, educativa, pedagóxica, económica, informática, marítimo-pesqueira, industrial, cultural, social, de servicios, científico-tecnolóxica e de prevención de riscos laborais.

2. A realización de cursos presenciais, a distancia, mixtos, xornadas, congresos, etc.; a edición de libros, folletos, trípticos, etc., como instrumentos para logra-los obxectivos desta fundación.

3. Establecer convenios, acordos ou pactos coas diversas administracións públicas, tanto estatais coma locais e autonómicas, universidades, así como tamén con outras entidades privadas para levar a cabo todas aquelas actividades culturais e formativas pertinentes.

4. O achegamento a tódalas comunidades de galegos no exterior, facilitándolle-la súa integración, mediante a realización de programas formativos e actividades socioculturais en tódalas áreas mencionadas no punto 1.

5. O desenvolvemento de actividades formativas e de integración de colectivos de dificil inserción sociolaboral.

6. O desenvolvemento de actividades formativas para colectivos sen cualificación profesional ou académica, mediante programas de alfabetización ou de cursos conducentes á obtención dun título oficial.

7. A realización de cursos dentro do programa de formación e inspección profesional do Fondo Social Europeo e doutros programas análogos.

8. O desenvolvemento de actividades de orientación educativa.

9. A organización e incentivación de actividades de ocio e tempo libre, de educación e promoción en relación co ambiente.

10. O desenvolvemento de actividades educativas para traballadores en activo.

11. A promoción do galego mediante actividades formativas e culturais.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por María Otilia Martínez Couto como presidenta, Juan Manuel Álvarez Castro como vicepresidente, José

Manuel Fernández González como secretario e Ángel García Álvarez e Alberto Lagoa González como vocais.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada e rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquél para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo