Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 28 de xullo de 1999 Páx. 9.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, respecto da aplicabilidade do Regulamento de réxime interior da empresa Cementos Cosmos, S.A.

En relación co artigo 2.f) do R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, no conflicto xurdido entre a parte empresarial e social respecto da aplicabilidade do regulamento de réxime interior da empresa Cementos Cosmos, S.A. (Expediente 28/1998).

Esta delegación provincial acorda:

Primeiro: ordena-lo depósito do citado laudo e a súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación, no folio 66 correspondente ó convenio colectivo da empresa Cementos Cosmos, S.A. (Expediente 28/1998).

Segundo: remiti-lo texto do mencionado laudo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro: dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 15 de xuño de 1999.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Laudo arbitral

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro en acta de compromiso arbitral con data 26 de abril de 1999, subscrita polas representacións da empresa Cementos Cosmos, S.A. e dos seus traballadores, con base no establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), visto o expediente 7/1999 e oídas as alegacións das partes, dicta este laudo.

A cuestión sometida a arbitraxe consiste en determinar se existe necesidade ou non de aplica-lo regulamento de réxime interior da empresa, formulación xeral derivada da aplicabilidade do seu articulado para a posible determinación do dereito a vacacións dun traballador que estivo na situación de incapacidade temporal.

Antecedentes de feito.

Segundo consta na acta nº 1 da reunión que tivo lugar o 3 de marzo de 1999 pola comisión texto do convenio: «presenta o comité o problema xurdido cun traballador que se atopaba de baixa por enfermidade a finais do 1998, polo que no puido remata-lo período completo de vacacións dese ano e, ó reincorporarse trala alta, non se lle sinalou data para o desfrute desas vacacións do ano anterior. O comité apela ó disposto no regulamento de réxime interior, segundo o cal a dirección está obrigada a concede-las vacacións a continuación da baixa.

A dirección manifesta que estudiará este caso en particular, pero non admite a aplicación do regulamento de réxime interior».

Realizada nova reunión da comisión o 16 de marzo de 1999 co obxecto de trata-lo tema formulado, «o comité apela ó disposto no regulamento de réxime interior, segundo o cual a dirección está obrigada a concede-las vacacións a continuación da baixa.

Por parte da dirección da empresa manifesta que, á vista da lexislación vixente que resulta de aplicación a este caso, non procede concederlle ó traballador as vacacións non desfrutadas no ano 1998» e, despois de diversas alegacións sobre o tema, «a dirección interpreta que o documento ó que o comité se refire como regulamento de réxime interior non é de aplicación e non ten vixencia».

De acordo con artigo 36 do vixente convenio colectivo para a empresa Cosmos, S.A., da provincia de Lugo, publicado no BOP, do 18 de decembro de 1998, establécese baixo o epígrafe de Normas supletorias que: «No non previsto neste convenio aplicarase a lexislación laboral de aplicación xeral vixente en cada momento e o reflectido no sétimo convenio colectivo».

No artigo 7º do citado convenio establécese o sometemento ó procedemento extraxudicial de solución de conflictos de traballo, de calquera discrepancia individual ou colectiva que poida xurdir entre as partes respecto da interpretación ou aplicación do convenio, despois de acudir á comisión de vixilancia do convenio.

Presentada formalmente a cuestión, o árbitro convoca as partes que, comparececen o 4 de maio de 1999, coa asistencia de Pilar Cancela Rodríguez, xefa do Servicio Xurídico e de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, as representacións da empresa e dos traballadores, lle expuseron ó árbitro o punto de desacordo, formularon as alegacións que consideraron convenientes, e presentaron a documentación en apoio das súas posturas.

Consideracións e fundamentos xurídicos.

É necesario proceder, para decidi-la cuestión formulada, ó exame xeral, desde un punto de vista legal, da vixencia actual dos regulamentos de réxime interior, para despois, á vista do posible valor xurídico deste instrumento, ve-la posible aplicabilidade concreta de todos ou algúns dos seus preceptos á empresa Cementos Cosmos, S.L., en virtude do exame da súa normativa específica.

Unha primeira visión leva á conclusión de que os regulamentos de réxime interior, creados pola Lei do 16 de outubro de 1942 e desenvolvidos polo Decreto do 12 de xaneiro de 1961, naceron para acomoda-la organización do traballo das empresas «ás normas contidas na regulamentación que lles sexa aplicable» (artigo 15 da lei 16-10-1999), acomodación qure se amplía ó convenio colectivo no decreto (artigo 1º). De acordo coas normas citadas, o contido destes regulamentos está composto por dúas clases de materias: as redactadas exclusivamente pola empresa e aquelas que precisan expresamente a audiencia dos representantes dos traballadores, o que lles confire un sentido mixto de norma de elaboración empresarial e paccionada (é de sinalar que, no exemplar achegado na comparecencia, referente ás modificacións e innovacións as que se introducirán no regulamento de rexime interior que se cuestiona, figuran as sinaturas das dúas representacións: empresarial e social, segundo manifestaron as

partes).

En principio, por tanto, ámbolos dous instrumentos xurídicos, ordenanzas e regulamentos constituíronse en fontes expresas do dereito laboral, pero a gradual derrogación das ordenanzas laborais foi modificando o carácter destas ata a súa total perda de vixencia, agás por aceptación ou remisión paccionada á aplicación dalgúns dos seus contidos e, durante o proceso lexislativo da súa derrogación, foron aplicándose como fonte de dereitos laborais, mentres os seus preceptos non se substituíran por convenio colectivo ata chegar á efectiva e expresa derrogación.

Os regulamentos de réxime interior, aínda que non foron expresamente derrogados, como plasmación concreta dos preceptos contidos, entre outros, nas regulamentacións ou ordenanzas de traballo, pode considerarse que poidan ter perdido o seu carácter de fonte expresa xenérica da relación laboral, e así non se recolle na enumeración que delas efectúa o artigo 3 do Estatuto dos traballadores. Nembargantes, a desaparición da normativa reguladora dos regulamentos de réxime interior, aínda que produce o efecto de impedir desde entón a regulamentación dos dereitos laborais por esta vía, non supoñen a perda automática de vixencia do que, ata entón, neles se preceptuaba.

Así, o criterio xurisprudencial mantén a aplicación do regulamento de réxime interior como «dereito dispositivo mentres non se substitúan por convenio colectivo» (STS 11-4-1991), mantendo esta mesma sentencia que «o regulamento de réxime interior ten unha vixencia indefinida e que a súa función de norma de acomodación o sitúa, en principio, nunha posición de concorrencia non conflictiva, por supletoriedade, complementariedade ou suplementariedade coas normas-regulamentación ou convenio acomodadas.»

Este carácter chega a formular mesmo a posible necesidade de acudir á vía do artigo 41 do Estatuto dos traballadores para modificar, nalgúns casos, as condicións de traballo contidas no propio regulamento de réxime

interior: «A modificación das condicións de traballo atribuídas nun regulamento de réxime interior ten que rexerse polas normas en materia do Estatuto dos traballadores e disposicións complementarias, entre as que figuren as do artigo 41 deste corpo legal, como lembra a sentencia da sala terceira do Contencioso-Administrativo deste mesmo tribunal, do 24 de outubro de 1991 (STS 4-4-1995).».

Non se trata, por tanto, de considera-lo regulamento de réxime interior co carácter de norma, no que a súa colisión con calquera outra levaría á aplicación do disposto no artigo 3.3º do Estatuto dos traballadores («Os confictos orixinados entre os receptos de dúas ou máis normas laborais, tanto estatais como pactadas, que deberán respectar en todo caso os mínimos de dereito necesario, resolveranse a través da aplicación do máis favorable para o traballador, apreciado no seu conxunto, e en cómputo anual, respecto dos conceptos cuantificables»), senón que as condicións de traballo que conteñen, non derrogadas expresamente, poden ser aplicadas como dereito supletorio mentres non sexa substituído o seu contido pola norma paccionada e con ese carácter de complamentariedade ou suplementariedade cando se careza de norma ou convenio que prevexa expresamente as situacións no regulamento regulamentadas. Non se cuestiona a vixencia do regulamento de réxime interior no seu conxunto, como un

todo, senón a aplicación daquelas condicións de traballo e, sen dúbida, as contidas nas materias paccionadas que non se previron e, por iso, substituídas polo convenio colectivo, agás, loxicamente, a remisión expresa neste á súa completa derrogación, constituíndose así nunha complamentariedade do recollido no convenio colectivo e nos propios contratos de traballo.

É necesario entrar entón a examinar, no caso concreto da empresa Cementos Cosmos, S.A., cal é o marco legal que regula as condicións de traballo. Por unha parte e en xeral, regúlanse as condicións de traballo, independentemente da normativa xeral e sectorial aplicable, polo convenio colectivo para a empresa Cementos Cosmos, S.A. publicado no BOP de Lugo do 18 de decembro de 1998. No seu articulado inclúese un precepto, o 36, que baixo o epígrafe de Normas supletorias dispón: «No non previsto por este convenio aplicarase a lexislación laboral de aplicación xeral vixente en cada momento e o reflectido no sétimo convenio colectivo».

Pola súa banda, o sétimo convenio colectivo, publicado o 6 de xuño de 1987, prescribe no seu artigo 10º: «No non previsto neste convenio, aplicarase o regulamento de réxime interior e a ordenanza de traballo da construcción, vidro e cerámica, así como a lexislación laboral de aplicación xeral vixente en cada momento». Trátase, polo tanto, dunha posible remisión de segunda orde pero que claramente sinala o marco legal aplicable e, se ben a ordenanza está derrogada, o regulamento de réxime interior, na medida en que non sexan substituídas as súas prescricións, tanto polas consideracións xerais antes subliñadas como por esa remisión expresa, considerando, ademais, a súa carencia de derrogación expresa, adquire ese carácter de supletoriedade.

Por outra parte, non pode esquecerse a aplicación do acordo sectorial para a cobertura de baleiros do sector cemento, publicado por resolución da Dirección Xeral de Traballo do 26 de novembro de 1998, con natureza xurídica e efectos de auténtico convenio colectivo, de acordo co artigo 83.3º do Estatuto dos traballadores e que «se configura como dereito supletorio dos convenios colectivos vixentes á data deste nas

empresas do sector e, por tanto non afecta ós devanditos convenios colectivos, e é substitutivo da ordenanza de construcción, vidro e cerámica, servindo de referencia para as novas e futuras negociacións colectivas que se realicen». (Título preliminar).

Se ben, en consecuencia, ten ese valor, tal e como está exposto neste mesmo título preliminar, que establece os termos de aplicación para a coordinación normativa, está claro que se trata dun acordo sectorial sobre materias concretas, como expresamente recolle o seu artigo 1º e, polo tanto, referido exclusivamente ás incluídas nel.

En conclusión, considérase que naqueles puntos que foran obxecto de negociación expresa, se entende que o regulamento de réxime interior mantén activo o exercicio dos dereitos no seu día recollidos, agás que a derrogación expresa dos seus preceptos ou a súa substitución tácita no marco da negociación colectiva, con colisión de preceptos, produzan a perda da súa vixencia.

Por outro lado, iso parece deducirse da vontade das partes no momento de negocia-lo convenio colectivo. En efecto, o artigo 5º do vixente convenio dispón textualmente: «Tódalas melloras contidas neste convenio se establece co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas que as aquí comprendidas, mentres non sexan absorvidas ou superadas pola aplicación doutras normas laborais». Isto, unido á non derrogación expresa do regulamento e á remisión de segunda orde antes referida, reafirma o criterio do mantemento deses dereitos con ese carácter de complementariedade ou supletoriedade.

Polo que atinxe ó punto concreto que deu orixe á controversia, o desfrute de vacacións unha vez rematado o ano natural e unha situación de incapacidade temporal, recollido expresamente no regulamento de réxime interior, é un dereito que, ata este momento, segundo recoñeceu a representación da empresa, non se cuestionou na maior parte dos casos (ó parecer, negouse nalgunha ocasión, non sendo reclamada polo traballador).

Examinado a súa posible regulamentación no convenio colectivo vixente, no seu artigo 15, refírese exclusivamente ó cálculo da retribución das vacacións, á súa duración e á posible compensación económica pola carencia do desfrute continuado, sen preve-las situacións que poden formularse; situacións que así se relacionan polo miúdo no artigo 48 do Regulamento de réxime interior e tendo en conta que, segundo se ten acreditado, esta regulamentación foi pactada e asinada polas partes na reforma deste, en atención ás consideracións antes apuntadas, deben considerarse aplicables mentres non se derroguen expresamente ou se regulamenten pola vía da negociación.

Non hai dúbida de que a non consideración do regulamento de réxime interior como dereito dispositivo e a súa valoración como dereito suplementario, pode converterse nunha fonte de conflictos co establecemento, nalgúns casos, dos posibles dereitos adquiridos, condición máis beneficiosa, determinación da substitución ou non do nel regulamentado, etc., para o que, por medio da negociación colectiva, deberían regulamentarse as materias e concreta-los criterios aplicables en cada unha delas, o que sentaría, por esta vía pactada, o marco das relacións laborais na empresa que, neste momento, implicitamente na práctica, consideran as partes tamén co prescrito polo regulamento.

En efecto, achegáronse na comparecencia diversidade de documentos nos que a propia empresa utiliza o prescrito no regulamento de réxime interior, unhas veces coa referencia explícita á súa regulamentación (calendario de vacacións e acumulación de días) e outras coa aplicación dos seus criterios, facendo mención destes como «norma de aplicación na empresa» (criterios de desfrute de vacacións e permisos).

Por tódalas consideracións apuntadas, dicta a seguinte resolución:

O regulamento de réxime interior da empresa Cementos Cosmos, S.L., aínda que pode ter perdido o seu carácter de dereito dispositivo, é aplicable, como dereito supletorio, no non recollido no convenio colectivo e demais normas convencionais de aplicación. En concreto, en aplicación do previsto no regulamento, «establéncese os casos do persoal que, atopándose de baixa por enfermidade ou accidente, non poida desfruta-las súas vacacións dentro do ano natural. Este persoal, inmediatamente despois da data da súa alta e antes de incorporarse ó seu posto de traballo, desfrutará as vacacións pendentes».

Este laudo poderá ser impugnado perante a xurisdicción social, de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA).

Dado en Lugo o 12 de maio de 1999.

Carlos Domenech de Aspe

Árbitro