Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 07 de setembro de 1999 Páx. 10.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de abril de 1999 pola que se regula a concesión de axudas ós investimentos materiais para a introducción de técnicas de semicultivo sobreelevado de moluscos.

A profesionalización do marisqueo fundaméntase na adopción do semicultivo como modelo económico de producción, na ordenación das explotacións a través da planificación e na regulación do acceso á actividade marisqueira mediante o permiso de explotación.

A axeitada aplicación destas medidas debe conducir ó desenvolvemento de técnicas productivas que permitan o incremento da producción, co fin de facer posible unha actividade profesional susceptible de xerar e mellora-los beneficios e rendas que dela mesma deriven. É dicir, ten que existi-la posibilidade de obter beneficios susceptibles de incremento, de beneficio empresarial, para poder esperar que os mariscadores adopten formas de explotación equiparables a outras actividades profesionais.

Así, o incremento da producción facilitará o aumento das rendas dos mariscadores e das súas organizacións, de forma tal que poidan dedica-los excedentes á capitalización do sector.

Pero este escenario precisa a incentivación das accións dirixidas á mellora da productividade e da racionalización do traballo como factores dinamizantes da producción.

A Iniciativa Comunitaria Pesca recolle entre as súas propostas o apoio ós investimentos productivos no sector, para o que prevé, entre as súas medidas, accións dirixidas á mellora da productividade e á racionalización do traballo.

Na programación presentada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura á dita iniciativa, inclúese unha liña de apoio ás entidades de interese colectivo para a introducción de técnicas de semicultivo sobreelevado de moluscos.

En consecuencia, resulta axeitado incentivar estas actividades mediante o apoio ós investimentos materiais que faciliten o seu desenvolvemento. Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas dirixidas a investimentos materiais para a introducción e desenvolvemento de técnicas de semicultivo sobreelevado de moluscos bivalvos, na zona marítimo-terrestre, conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.02.772.0, do programa 614B, código de proxecto 1298714, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 2º.-Fins.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade a mellora da productividade e a racionalización do traballo, mediante a introducción de técnicas de semicultivo sobreelevado de moluscos bivalvos.

Poderán outorgarse axudas para os seguintes investimentos:

a) Adquisición de maquinaria e equipamentos para o cultivo, tales como motocultores, máquinas de limpeza, clasificadoras, mesas de cultivo ou traballo, ou outros análogos.

b) Adquisición de material para o control biolóxico e sanitario do cultivo.

c) Adquisición de material para a sinalización e delimitación das zonas de cultivo.

d) Adquisición de equipos informáticos de apoio, sempre que sexan necesarios para o funcionamento da explotación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas as entidades de interese colectivo definidas na disposición adicional segunda, número 26), da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, legalmente constituídas, que teñan outorgado o título administrativo habilitante a que se refire o artigo 10.b), da citada Lei 6/1993, e desenvolvan actividades que cumpran os requisitos da presente orde.

Tódolos beneficiarios deberán te-lo seu domicilio social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía e límites de axuda.

As axudas concederanse nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite do 60% do importe financiable, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda.

Se o importe total das axudas solicitadas superase as dispoñibilidades orzamentarias, a consellería axustará a contía da axuda que se vai conceder de acordo cos proxectos presentados, minorando as axudas proporcionalmente.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o seu conxunto non excedese a limitación establecida na disposición cuarta desta orde. No caso de que foran superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-lo máximo porcentual permitido.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo desta orde, debendo presentarse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera dos das súas dele

gacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presenta-la seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade e certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

4. Fotocopia compulsada dos datos rexistrais da entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

5. Declaración que faga fe de estar ó día nas obrigas tributarias, sociais e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración da Xunta de Galicia.

6. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para os efectos do pagamento da axuda.

7. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste a súa localización e características principais e xustificación del; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la entidade, da función que dentro delas vai realiza-lo investimento previsto, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos ou temporais que crea e outras que se considere de interese.

8. Proxecto técnico (se é necesario) de realización do investimento, indicando as súas características físicas e xeométricas, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente, segundo corresponda.

9. Memoria económica que conteña os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudio de viabilidade, indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e a que corresponde a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración (estatal, autonómica, local ou institucional).

b) Orzamento detallado dos investimentos, calendario e plan de financiamento por anos.

c) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde.

10. Certificación de situación de realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento da solicitude.

Artigo 9º.- Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, serán examinadas polo Servicio de Marisqueo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que, se observa algunha deficiencia, lle concederá ó solicitante un prazo de dez (10) días para emendalas. Transcorrido o dito prazo sen producirse a emenda, se dictará resolución, nos términos previstos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na que se terá ó solicitante por desistido da súa petición.

Efectuadas as comprobacións e avaliacións pertinentes, formularase a correspondente proposta de resolución, que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión das axudas e a contía, así como a de aqueles para os que se propón a denegación da axuda solicitada.

A dita proposta elevarase ó director xeral de Recursos Mariños, quen dictará a pertinente resolución de concesión ou denegación da axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta orde, no prazo de tres (3) meses contados a partir do remate do prazo para presenta-las solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que haxa resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 10º. Criterios obxectivos de prioridade.

Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios:

a) O número de mariscadores con permiso de explotación para o marisqueo a pé que participen no desenvolvemento do proxecto.

b) A superficie das autorizacións dedicadas ó desenvolvemento do proxecto.

No caso de igualdade de condicións, valorarase o interese para a zona onde se vaia a realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade subvencionada será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 15 de novembro de 1999.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este, poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O director xeral de Recursos Mariños dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder de quince (15) días a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través dos seus órganos competentes, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións oportunas.

Os beneficiarios das axudas, quedarán suxeitos, tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como ás de control financeiro que lle correspondan a Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á Dirección Xeral de Recursos Mariños coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños establecerá as medidas necesarias para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar ó Servicio de Marisqueo, dentro do prazo de quince (15) días, a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude, así como certificación da efectiva realización do pagamento das referidas facturas, expedida pola entidade financeira a través da que se realizou o dito pagamento.

b) Declaración responsable na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

c) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias que houbo na súa execución.

d) Certificación xustificativa de que o beneficiario está ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

e) Certificación que acredite que o beneficiario non ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase logo de solicitude polo beneficiario e xustificación dos gastos realizados segundo o estipulado no artigo 35 e constitución dun aval bancario a favor da Xunta de Galicia, segundo o disposto na Lei 6/1998, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, pola cantidade que se deba aboar, principal máis xuros, do xuro legal, e ata o remate do investimento obxecto da axuda e a súa xustificación total.

O aval bancario ó que se fai referencia deberá depositarse na caixa de depósitos da Subdirección do Tesouro ou na Tesourería das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non ser finalizado o investimento o beneficiario está obrigado a reintegra-las cantidades recibidas con carácter de anticipo.

Artigo 15º.-Outras condicións.

O beneficiario comprométese ó mantemento das técnicas de semicultivo por un período mínimo de tres (3) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

Artigo 16º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e con financiamento da Unión Europea a través da Iniciativa Comunitaria Pesca.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura