Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 17 de setembro de 1999 Páx. 11.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 250/1999, do 9 de setembro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudios conducentes ás titulacións que se citan na Universidade de Vigo.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Con este decreto, baixo a formulación xeral exposta, dáselle cumprimento á autorización de creación de novos centros e de implantación de novas titulacións na Universidade de Vigo, nos campus de Ourense e Pontevedra, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Estas modificacións inscríbense no marco de aplicación dos principios de complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas e de especialización de campus establecidos na LOSUG, e na reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia.

Por todo iso, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, co informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Universidade de Vigo

Campus de Ourense:

Artigo 1º

1. Créase a Facultade de Ciencias Empresariais por transformación da Escola Universitaria de Estudios Empresariais, integrada na Universidade de Vigo polo Decreto 3/1990, do 11 de xaneiro (DOG do 24 de xaneiro).

2. Concédese autorización para que na citada facultade se implante o segundo ciclo das ensinanzas conducentes á obtención do título de licenciado/a en administración e dirección de empresas e se alberguen os estudios xa autorizados, e ratificados polo Decreto 247/1992, do 30 de xullo (DOG do 17 de agosto), conducentes ó título de diplomado/a en ciencias empresariais.

3. Suprímese a estructura administrativa correspondente á Escola Universitaria de Estudios Empresariais, que queda integrada na estructura propia da nova Facultade de Ciencias Empresariais.

Artigo 2º

1. Créase a Escola Superior de Enxeñería Informática por transformación da Escola Universitaria de Informática de Xestión, creada polo Decreto 274/1991, do 30 de xullo (DOG do 13 de agosto).

2. Concédese autorización para que na citada escola superior se implante o segundo ciclo das ensinanzas conducentes á obtención do título de enxeñeiro/a en informática e se alberguen os estudios xa autorizados polo citado Decreto 274/1991, do 30 de xullo, conducentes ó título de enxeñeiro/a técnico/a en informática de xestión.

3. Suprímese a estructura administrativa correspondente á Escola Universitaria de Informática de Xestión, que queda integrada na estructura propia da nova Escola Superior de Enxeñería Informática.

Campus de Pontevedra:

Artigo 3º

1. Créase a Facultade de Ciencias da Educación por transformación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, integrada na Universidade de Vigo polo Decreto 3/1990, do 11 de xaneiro.

2. Concédese autorización para que na citada facultade se implanten as ensinanzas conducentes á obtención do título de licenciado/a en ciencias da actividade física e do deporte e se alberguen os estudios xa autorizados polo Decreto 26/1993, do 11 de febreiro (DOG do 19 de febreiro), conducentes ós títulos de mestre nas especialidades de: educación infantil, educación primaria, educación musical e educación física.

3. Suprímese a estructura administrativa correspondente á Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, que queda integrada na estructura propia da nova Facultade de Ciencias da Educación.

Artigo 4º

1. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias Sociais se implanten as ensinanzas conducentes á obtención do título de diplomado/a en xestión e administración pública.

Disposición adicional

Primeira.-Respecto da homologación dos plans de estudios, a universidade aterase ó disposto no artigo 10 do Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro (BOE do 14 de decembro), modificado polos seguintes reais decretos: Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño (BOE do 11 de xuño); Real decreto 2347/1996, do 8 de novembro (BOE do 23 de novembro); Real decreto 614/1997, do 25 de abril (BOE do 16 de maio) e Real decreto 779/1998, do 30 de abril (BOE do 1 de maio).

Segunda.-A efectiva impartición dos estudios autorizados nos artigos 1º, 2º, 3º e 4º deste decreto queda sometida ó procedemento ordinario establecido na Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e, en concreto, no Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, polo que se establecen as directrices xerais comúns dos plans de estudios dos títulos universitarios de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional, e os reais decretos que o modifican.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria