Na sección terceira, Da acuicultura zona marítima, do capítulo quinto, título II, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, indícase que a duración máxima das concesións para a instalación de viveiros será de dez anos, prorrogables por períodos sucesivos de dez anos ata un máximo de dúas prórrogas.
No artigo 13 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, sinálase que os concesionarios que desexen continuar coa explotación do viveiro deberán solicitar na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a prórroga do título administrativo habilitante no prazo de 60 días anteriores ó remate da concesión.
Polo tanto procede agora desenvolve-lo procedemento para a tramitación dos expedientes administrativos de prórroga das citadas concesións.
Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, citado,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Solicitude.
As solicitudes de prórroga das concesións dos viveiros presentaranse, conforme o modelo do anexo I desta orde, no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Fotocopias compulsadas do documento nacional de identidade do solicitante, se é persoa física, ou da escritura acreditativa de constitución da sociedade, inscrita no Rexistro Mercantil, no suposto de sociedades mercantís, e dos estatutos polos que se rexe, así como da acreditación da representación e do documento nacional de identidade do seu representante, se é persoa xurídica. No caso de propiedade compartida, pro indivisos ou gananciais, achegarase fotocopia compulsada do DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ámbolos dous cónxuxes.
b) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.
Artigo 2º.-Tramitación.
1. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos esixidos, a delegación correspondente á localización do viveiro requirirá o interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se así non o fixese, consideraráselle desistido na súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, citada.
2. Completada a documentación, a delegación procederá a solicita-lo correspondente informe técnico-biolóxico sobre o funcionamento do establecemento.
Este informe ten carácter perceptivo e determinante do contido da resolución segundo o artigo 42.5º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.
Artigo 3º.-Resolución.
1. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses. Aínda que o vencemento do prazo sin ter notificado a resolución expresa non exime á Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo, poderase entender desestimada, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2. A decisión sobre a solicitude de outorgamento da prórroga comunicaráselle ó interesado mediante resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
Na resolución indicarase expresamente que contra desta poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 46 e seguintes da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998.
3. A resolución de outorgamento de prórroga, conterá como mínimo os seguintes datos:
a) Tipo de viveiro e identificación.
b) Especie ou especies autorizadas.
c) Datos do titular (nome, apelidos, CIF/NIF).
d) Data da orde de outorgamento inicial da concesión e da súa publicación.
e) Data do remate da vixencia do período anterior.
f) Período de prórroga outorgado, con indicación expresa da data da súa finalización.
g) Causas de caducidade, extinción e revogación da concesión.
h) Condicións específicas, se as houbese, baixo as que se outorga a prórroga.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias a que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 1999.
P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,
do 22 de decembro)
Juan José Álvarez Pérez
Secretario xeral da Consellería de Pesca,
Marisqueo e Acuicultura