Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2000 Páx. 137

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 343/1999, do 16 de decembro, polo que se crea o órgano autonómico de coordinación dos plans de investigación e control de determinadas substancias e os seus residuos en animais e os seus productos con destino ó consumo humano.

O Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos nos animais vivos e os seus productos, vén traspoñer ó ordenamento xurídico español a Directiva do Consello das Comunidades Europeas 96/23/CE, do 29 de abril. Neste real decreto créase un órgano de coordinación a nivel nacional, denominado Comisión Nacional de Coordinación da Investigación e Control de Residuos ou Substancias en Animais Vivos e os seus Productos (en diante Comisión Nacional), no que as comunidades autónomas se representan a través dun vocal nomeado entre os diferentes órganos competentes de cada Comunidade Autónoma.

A execución da investigación e control das substancias ás que fan referencia as anteditas normas correspóndelles ós organos competentes das comunidades autónomas. Os plans que se elaboren neste marco deben abarcar tanto animais vivos como os seus productos destinados ó consumo humano, e o obxectivo principal é o de procura-la inocuidade destes últimos no que respecta ós contidos destas substancias. Trátase pois dun plan con dúas vertentes: saúde pública e sanidade animal.

O Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, outórgalle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, entre outras, as competencias en materia de sanidade animal.

O Decreto 48/1998, do 5 de febreiro polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, outórgalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, entre outras, as competencias de protección da saúde da Comunidade Autónoma galega.

Por outra banda, a participación dos consumidores nos asuntos que lles poidan resultar de interese debe ser cada vez máis extensa, de acordo coas políticas emprendidas no seo da Unión Europea. A dita participación débese instrumentar institucionalmente a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como órgano directivo creado polo Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio.

Así mesmo, a potencial consideración de delicto contra a saúde pública que a utilización fraudulenta

destas substancias pode ter, segundo o recollido na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código Penal e as peculiaridades técnicas deste tipo de substancias, aconsellan que se acade o maior grao de coordinación cos estamentos responsables na materia.

En virtude do antedito e das atribucións que outorga o Estatuto de autonomía de Galicia, por iniciativa das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A creación do órgano autonómico de cordinación.

Polo presente decreto créase, como órgano autonómico de coordinación, a Comisión Autonómica de Investigación e Control de Determinadas Substancias e os seus Residuos en Animais Vivos e os seus Productos, en diante Comisión Autonómica, para dar cumprimento ós plans de vixilancia recollidos no Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos nos animais vivos e os seus productos.

Artigo 2º.-As funcións da Comisión Autonómica.

Serán funcións da Comisión Autonómica:

-Elaborar e aproba-los plans previstos no artigo 5 do Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos en animais vivos e os seus productos, así como os que se deriven das posibles modificacións da dita normativa.

-Coordina-las actuacións dos departamentos con competencia na execución dos ditos plans.

-Elabora-los informes de execución dos ditos plans.

-Formular, en calquera momento, as propostas que se estimen precisas para a mellora da eficacia dos plans.

-Designa-lo coordinador autonómico, como representante da Comunidade Autónoma na Comisión Nacional.

Artigo 3º.-A composición da Comisión Autonómica.

A Comisión Autonómica estará composta por:

Presidente: un dos titulares das direccións xerais de Producción Agropecuaria, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en quendas rotatorias de dous anos de duración.

Vicepresidente: un dos titulares das direccións xerais de Producción Agropecuaria, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en quendas rotatorias de dous anos de duración, en función de quen teña a presidencia da Comisión Autonómica.

Vocais:

-O titular da Subdirección Xeral de Programas da Dirección Xeral de Saúde Pública.

-O titular da Subdirección de Sanidade e Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

-O titular da xefatura de Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Xerais.

-O titular da xefatura de Servicio de Sanidade Animal.

-Un técnico nomeado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

-Un facultativo nomeado pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

-O director do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo, laboratorio autonómico de referencia.

-O titular da dirección do Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Galicia.

-Un representante nomeado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Asesores:

-Un representante da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas.

-Un representante da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Un representante nomeado pola Fiscalía Xeral de Galicia.

Actuará como secretario da Comisión o titular da Xefatura de Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos.

Artigo 4º.-O Regulamento da Comisión Autonómica.

Unha vez nomeados polos diferentes departamentos e organismos, os membros e os seus substitutos, serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

O presidente da comisión constituída convocará a reunión de constitución, na que se elaborará e aprobará o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Autonómica.

A duración dos nomeamentos será de dous anos renovables segundo a mecánica que se estableza no regulamento interno da Comisión.

Artigo 5º.-A coordinación coa Comisión Nacional.

A coordinación necesaria coa Comisión Nacional realizarase a través da presidencia da Comisión Autonómica. Para os efectos da dita coordinación, serán funcións do presidente da Comisión Autonómica:

-Remisión dos plans aprobados pola Comisión Autonómica á Comisión Nacional.

-Transmiti-la información sobre a execución do Plan Autonómico á Comisión Nacional coa periodicidade establecida.

-Propoñe-la designación do coordinador autonómico, como representante da Comunidade Autónoma na Comisión Nacional.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os nomeamentos recollidos no artigo 4º deberanse efectuar nun prazo non superior a 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Segunda.-A primeira quenda da presidencia da Comisión Autonómica corresponderalle ó titular da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O presidente da Comisión Autonómica realizará a primeira convocatoria desta nos 30 días hábiles seguintes ó da publicación dos nomeamentos dos seus membros no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública