Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2000 Páx. 138

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 344/1999, do 23 de decembro, polo que se establece o programa de escolas obradoiro e casas de oficios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade co dis

posto no artigo 149.1º.7 da Constitución española, correspóndelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e a nivel de execución posúe actualmente o Estado. Por outra banda debe terse en conta, así mesmo, o traspaso de funcións e servicios no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumidos por esta Comunidade Autónoma mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio, entre outras, das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego.

En exercicio desas competencias e funcións correspóndelle agora á Xunta de Galicia a articulación e, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a execución de medidas activas que posibiliten a creación de emprego. Neste contexto, e poñendo especial atención naqueles colectivos máis afectados polo desemprego, en cumprimento das directrices emanadas do Consello extraordinario de Luxemburgo e das medidas previstas no Plan de acción para o emprego do Reino de España, configúrase o programa de escolas obradoiro e casas de oficios, coa finalidade de mellora-las posibilidades de emprego do colectivo de desempregados menores de vintecinco anos.

O programa concíbese como un programa mixto de formación-emprego que, promovido por entidades públicas e por entidades privadas sen ánimo de lucro, está dirixido a mellora-la ocupabilidade dos desempregados menores de vintecinco. Estes, ó mesmo tempo que adquiren unha experiencia e práctica profesional, realizarán obras e servicios de utilidade pública ou interese social.

Publicado o Decreto 171/1999, do 27 de maio, polo que se establece o programa de obradoiros de emprego, facíase necesario aborda-la regulación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de escolas obradoiro e casas de oficios para, xunto cos programas de cooperación, pecha-lo sistema e dispoñer dunha regulación integral dos chamados plans experienciais que, co apoio de instrumentos como as unidades de promoción e desenvolvemento e os axentes de emprego e desenvolvemento local, contribúan á dinamización e á detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Con base no anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e logo de deliberación do Consello da Xunta de Gali

cia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de escolas obradoiro e casas de oficios como medida activa de fomento do emprego.

Artigo 2º.-Definición e beneficiarios do programa.

1. O programa de escolas obradoiro e casas de oficios configúrase como un programa mixto que combina accións de formación e emprego, dirixido a mellora-la ocupabilidade dos mozos de ambos sexos, desempregados e menores de vintecinco anos, coa finalidade de facilita-la súa posterior integración no mercado de traballo.

2. Os mozos participantes en proxectos de escolas obradoiros e casas de oficios adquirirán a formación profesional e a práctica laboral necesaria, mediante a realización de obras ou servicios de utilidade pública ou interese social, relacionados cos novos filóns de emprego, que posibiliten a súa posterior inserción laboral, xa sexa a través do emprego por conta allea como mediante a creación de proxectos empresariais ou de economía social.

Artigo 3º.-Escolas obradoiro.

As escolas obradoiro son unidades de carácter temporal nas que a aprendizaxe e a cualificación se alternan cun traballo productivo, en actividades relacionadas coa recuperación ou promoción do patrimonio artístico, histórico, cultural ou natural; coa rehabilitación de contornos urbanos ou do ambiente; coa recuperación e acondicionamento de infraestructuras de titularidade pública que sirvan de base para os centros de iniciativa empresarial, así como con calquera outra actividade de carácter público ou social que permita a inserción a través da profesionalización e da adquisición de experiencia dos participantes.

Artigo 4º.-Casas de oficios.

As casas de oficios configúranse como centros de aprendizaxe e de animación do emprego xuvenil de carácter temporal, con implantación principalmente nos núcleos urbanos. A aprendizaxe e a cualificación altérnanse cun traballo productivo, en actividades relacionadas co mantemento e coidado de contornos urbanos ou do ambiente, coa mellora nas condicións de vida das vilas e as cidades a través da dotación de servicios sociais e comunitarios, así como con calquera outra actividade de utilidade pública ou social e moi relacionada co seu contorno, que permita a súa inserción laboral, recuperando, ó mesmo tempo, oficios artesanais ou tradicionais, preferentemente mediante a incorporación de novas tecnoloxías.

Artigo 5º.-Beneficiarios da subvención.

1. Os proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios poderán ser promovidos por:

a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades locais e os seus organismos autónomos.

c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servicios e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficientes para a realización dos proxectos.

Artigo 6º.-Duración.

1. Os proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios constarán de dúas etapas: unha, de carácter formativo de iniciación e outra, de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, dirixidas á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Nas escolas obradoiro, a duración de ámbalas dúas etapas non será inferior a un ano, nin superior a dous, sendo a duración da primeira de seis meses.

As casas de oficios terán a duración dun ano, dividido en dúas etapas de seis meses.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. O programa de escolas obradoiros e casas de oficios financiarase con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través da axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben directamente con cargo ás partidas orzamentarias correspondentes.

2. No caso das axudas e subvencións, a achega económica da consellería para cada proxecto de escola obradoiro e casa de oficios, que se determinará na correspondente resolución aprobatoria da subvención, destinarase exclusivamente a sufraga-los custos de formación profesional ocupacional, incluídas as bolsas dos alumnos durante a primeira etapa de formación, e, se é o caso, os de educación básica complementaria, así como os custos salariais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social na parte que se determine, dos alumnos-traballadores e persoal directivo, docente e de apoio.

3. O importe das subvencións previstas no parágrafo anterior en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total dos respectivos proxectos.

4. As entidades promotoras deberán financiar, directamente ou mediante achegas doutras entidades ou organismos, a parte do custo do proxecto que

non subvencione a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades promotoras.

As entidades promotoras de escolas obradoiro ou casas de oficios estarán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Contrata-los alumnos-traballadores na segunda e sucesivas fases do proxecto, formándoos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

c) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

e) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as actividades e as obras e servicios que se realicen.

g) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos respectivos proxectos, especialmente as correspondentes ás bolsas e as de carácter salarial, con independencia de que se teñan percibido con anterioridade as axudas ou subvencións concedidas.

h) Cumpri-las demais obrigas que se deriven da normativa aplicable ás axudas e subvencións reguladas neste decreto.

Artigo 9º.-Seguimento e avaliación.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude realizará as accións que sexan precisas para o seguimento e avaliación dos proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios, tanto no aspecto cualitativo como cuantitativo, estando obrigadas as entidades promotoras a facilitar cantos datos, documentación e información sexan necesarias para tal finalidade.

Artigo 10º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria do establecido na normativa aplicable ó programa de escolas obradoiro e casas de

oficios orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento e tendo en conta a súa incidencia na formación e cualificación profesional dos alumnos-traballadores participantes, o reintegro total ou parcial das cantidades que se recibisen xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións previstas nesta norma estará condicionada á existencia das dispoñibilidades orzamentarias que para o dito fin anualmente se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Para os efectos do financiamento dos custos derivados dos intercambios que poidan realizar-los participantes no programa de escolas obradoiro e casas de oficios con outros países, como consecuencia de programas europeos, seguirase o procedemento establecido pola lexislación estatal aplicable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude