Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de marzo de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos para investigadores non vencellados ás universidades galegas e, se procede, á súa convocatoria.

Por orde desta consellería do 29 de decembro de 1999 (DOG do 31 de xaneiro de 2000), convocáronse diferentes axudas e bolsas correspondentes ás accións do programa de promoción xeral da investigación do PXIDT.

Como complemento destas accións e para favorece-la participación dos investigadores da nosa Comunidade Autónoma en reunións de carácter científico

co fin de fomenta-lo intercambio de coñecementos, actualización destes e a colaboración entre grupos de investigación, parece axeitado efectuar unha convocatoria específica de axudas destinada a este obxectivo. Nembargantes, dado que as Universidades do Sistema Universitario de Galicia dispoñen, cada unha delas, de accións específicas deste tipo, mediante acordos institucionais concertouse a concesión de axudas ós seus investigadores para participaren neste tipo de actividades, complementando deste xeito as súas propias convocatorias e evitando así que os investigadores das universidades teñan que participar en dúas convocatorias de organismos diferentes para obteren financiamento, dun deles, para unha mesma actividade. En consecuencia, as axudas obxecto da presente convocatoria deben estar dirixidas a aqueles investigadores que non teñen ningún tipo de vinculación coas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de 3.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, que modifica a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 4/1999, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás axudas especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta convocatoria. No caso de non caer a resolución dentro do devantivodo prazo entederase desetimada a solicitude formulada.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Consellería da Presidencia e

Administración Pública

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Solicitantes.

1.1. Congresos, simposios e seminarios.

As axudas poderán ser solicitadas polos investigadores de cadro de persoal, outros investigadores con-

tratados e bolseiros predoutorais e asimilados vinculados a centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma agás os que teñen algún tipo de vinculación (relación funcionarial, contrato, bolsa, etc.) con algunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

1.2. Cursos.

As axudas para asistencia a cursos poderán ser solicitadas unicamente polos bolseiros de terceiro ciclo e bolseiros asimilados que estean a colaborar en actividades de investigación en centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma diferentes das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

2. Solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo oficial PXI-18 que se publica como anexo II á presente orde (tamén á disposición dos interesados en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de maio de 2000.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

a) No caso de congresos, simposios e seminarios:

-Documento acreditativo da categoría do solicitante. No caso de persoal interino ou contratado o dito documento deberá estar vixente na data de peche da convocatoria. Naqueles casos nos que a categoría do solicitante non leve implícita a condición de doutor, esta, de se-lo caso, deberá acreditarse.

-Declaración xurada do solicitante na que conste que carece de vinculación coas universidades do Sistema Universitario de Galicia (vinculación funcionarial, contrato, bolsas, etc.).

-Resumo do traballo/comunicación que se vai expoñer na reunión.

-Xustificante de aceptación do traballo polo comité organizador, ou compromiso de presenta-la dita aceptación unha vez recibida a resposta do comité organizador.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Ademais dos documentos anteriores deberá xuntarse:

-Para o caso de doutores: relación das 5 publicacións máis salientables dos 3 últimos anos. Documentarase mediante fotocopia da primeira páxina da publicación, ou daquela na que figuren os datos salientables desta (autor/es, título, editorial, revista, etc.) e da última páxina.

-Para o caso dos solicitantes non doutores: informe do director da tese no que conste o interese que ten a asistencia do solicitante á dita reunión.

Nos traballos de máis dun autor só se poderá solicitar unha axuda para un dos asinantes. Un mesmo investigador só poderá solicitar unha axuda nesta convocatoria para asistir a reunións científicas. En ningún caso se concederán bolsas para a asistencia a unha mesma reunión a máis de dous membros do mesmo grupo de investigación.

b) No caso de cursos monográficos.

-Documento acreditativo da categoría do solicitante.

-Solicitude de inscrición no curso.

-Programa do curso.

-Informe do responsable da actividade investigadora do solicitante no que conste o interese do curso para a formación do peticionario.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

3. Contía e finalidade das axudas.

O importe máximo das axudas concedidas será o seguinte:

-60.000 ptas. brutas para congresos e reunións que se celebren no territorio nacional e Portugal.

-100.000 ptas. brutas para congresos e reunións noutros países europeos.

-175.000 ptas. brutas para congresos e reunións que se celebren noutros países.

En ningún caso se financiarán actividades que se realizaran con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000 ou que se vaian realizar con posterioridade ó 31 de decembro de 2000, tomando, para estes efectos, como referencia a data de comezo do congreso, simposio, seminario ou curso.

4. Tramitación.

Por parte dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e, caso de que a solicitude non estivese convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, requerirase o solicitante para que, no prazo máximo de dez días, repare a falta e acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, considerarase desistido da súa petición e procederase ó arquivo desta sen máis trámites, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

5. Comisión de selección e resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Investigación creada polo Decreto 37/1998, do 30 xaneiro, que lle elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Para a selección dos beneficiarios, a comisión terá en conta os seguintes criterios:

-Ós solicitantes que non sexan doutores e teñan acadado a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, daráselles prioridade para asistencia a congresos que teñan lugar en España ou Portugal.

-Ós solicitantes que sexan doutores valoraránselle as cinco publicacións máis salientables dos 3 últimos anos e daráselles prioridade para asistencia a congresos de carácter internacional.

-Daráselle prioridade a aquelas solicitudes correspondentes a persoas que non resultaron beneficiarias dunha destas axudas na convocatoria do ano 1999 (resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 27 de setembro de 1999 (DOG do 15 de outubro).

6. Libramento da axuda.

As subvencións faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, que deberán presentar previamente:

Para congresos, simposios e seminarios:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento, por parte doutras entidades, para o mesmo fin.

2. Aceptación do traballo por parte da entidade, institución ou persoa organizadora da reunión, sempre

que non fora entregada xa no momento de solicita-la axuda.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo fin das dintintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A dita declaración farase antes do pagamento da subvención.

4. Certificación de asistencia.

Para cursos monográficos:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento, por parte doutras entidades, para o mesmo fin.

2. Xustificación de ter feito o curso.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A dita declaración farase antes do pagamento da subvención.

7. Incidencias.

O incumprimento dalgunha das condicións establecidas nesta convocatoria suporá a perda da axuda concedida.