Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDEN do 6 de abril de 2000 de axudas ás entidades locais para a erradicación do chabolismo na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2000.

O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presente disposición regula o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das axudas e a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde, sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para alugueres a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, e, en uso da autorización do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, modifica os límites porcentuais das subvencións establecidos no Decreto 266/1989, do 23 de novembro.

A disposición adicional segunda do devandito decreto faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas para dictar, no ámbito das súas competencias, tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993 e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O importe máximo destas axudas será de 345.000.000 de ptas., dos que 25.000.000 de ptas. serán con cargo ó exercicio corrente e 320.000.000 de ptas. serán con cargo ó seguinte exercicio orzamentario, sen prexuízo do seu reaxuste a anualidades posteriores en función do determinado nos correspondentes convenios.

Estas axudas instrumentaranse financeiramente durante o presente exercicio a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cando, de conformidade co disposto no artigo 7 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, a vía de actuación sexa a da promoción directa polo propio Instituto Galego da Vivenda e Solo, as actuacións financiaranse durante o presente exercicio con cargo á aplicación 06.50.331A.607.1 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 2º

Para os efectos da presente orde, os límites porcentuais das subvencións a que se refire o Decre-

to 266/1989, do 23 de novembro, quedan modificados do modo seguinte:

1. Artigos 6.2º e 8.1º. A subvención poderá acadar ata o 80% do custo de adquisición ou do orzamento das vivendas promovidas polas entidades locais, en municipios de poboación inferior ós 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.

2. O límite máximo por vivenda do importe da subvención para alugueres ó que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, queda establecido en 21.000 ptas./mes para os alugueres en municipios de poboación inferior ós 50.000 habitantes e en 30.000 ptas./mes nos restantes.

Artigo 3º

Para os efectos do disposto no artigo 3.1º do Decreto 286/1989, o formulario para a elaboración dos censos de chabolas é o que figura no anexo da presente orde.

Artigo 4º

1. Os concellos presentarán ante as oficinas da correspondente xefatura provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo os censos debidamente cubertos, así como a proposta das actuacións que van realizar para facilita-lo acceso á vivenda dos chabolistas xunto cun esquema dos recursos que achegarán ámbalas dúas administracións.

2. Os concellos peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

Asi mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. A documentación achegada polos concellos será sometida ó informe da xefatura provincial correspondente e servirá de base ás correspondentes propostas do convenio de colaboración que redactará o IGVS e que se remitirá ós concellos para que lle presten a súa conformidade.

4. A conformidade dos concellos xustificarase mediante certificación do acordo de Pleno polo que se aproba a proposta de convenio e se faculta o alcalde para o asinar. O dito documento deberá ir acompañado dunha certificación da entidade local na que se faga constar que o concello dispón dos fondos necesarios para facer fronte ás obrigas propias que resulten da sinatura do convenio.

Artigo 5º

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obriga do reintegro por parte da entidade local dos recursos fornecidos polo IGVS.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º

As entidades locais beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente disposición e rematará o 31 de xullo de 2000.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 28 de abril de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 90, do 13 de maio) e tamén cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial

Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

O formulario para a elaboración dos censos de chabolas a que se refire o artigo 3.1º do Decreto 286/1989 axustarase ó seguinte modelo.

1. Características do asentamento.

1.0. Denominación do asentamento. Denominación da zona.

1.1. Situación, delimitación e descrición xeral do asentamento e dos accesos a este. Localización sobre plano 1/10.000 e en detalle sobre plano 1/2.000. Distribución das chabolas dentro do asentamento e numeración destas sobre plano.

1.2. Reportaxe fotográfica en cor do conxunto do asentamento e dos principais grupos de chabolas.

1.3. Titularidade dos terreos nos que está situado o asentamento. Cualificación urbanística dos terreos.

1.4. Nivel de urbanización: pavimentación. Conexións coas redes de servicios de eliminación de residuos, abastacemento de augas e subministración de enerxía eléctrica. Accesos á rede de comunicacións.

1.5. Nivel de servicios públicos: iluminación. Recolla do lixo. Transporte público. Teléfono público.

1.6. Nivel de equipamentos. Dispensario ou centro de saúde. Centro escolar. Farmacia. Centro cívico, relixioso, etc.

1.7. Nivel de salubridade Proximidade de vertedoiros urbanos ou industriais. Nivel de degradación ecolóxica do medio.

1.8. Nivel de perigosidade. Proximidade de vía férrea ou de vías de tráfico rápido sen semáforos con perigo de accidentes. Terreos en pendente. Inundacións estacionais, etc.

2. Características da poboación afectada.

2.0. Número de familias do asentamento. Número de habitantes do asentamento. Pirámide de idades.

2.1. Antigüidade e continuidade do asentamento. Estabilidade media das familias na zona.

2.2. Procedencia das familias: do medio rural de Galicia, doutras cidades de Galicia, de zonas doutras comunidades autónomas, de países estranxeiros, de comunidades xitanas nómades, etc.

2.3. Nivel de saúde por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.

2.4. Nivel cultural e de formación por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.

2.5. Nivel económico. Medios de vida e principais ocupacións. Integración no mercado de traballo. Principais fontes de ingresos. Salario social. Traballo infantil.

2.6. Nivel de integración social. Número de persoas sen censar. Escolarización. Número de persoas con Seguridade Social. Nivel de autocontrol social interno. Asociacións veciñais.

2.7. Nivel de conflictividade. Delincuencia. Tráfico e consumo de drogas. Conflictos interétnicos, loitas de clans. Ocupación de vivendas deshabitadas. Mendicidade, etc.

3. Características das chabolas.

3.0. Chabola nº. Reportaxe fotográfica en cor.

3.1. Tipoloxía. Alboios. Furgóns. Casetas. Edificacións en ruínas, contiguas, illadas, en aluguer, etc.

3.2. Materiais empregados na fabricación, sistema de construcción e nivel de deterioración.

3.3. Superficie e distribución interior da chabola. Número de persoas que a utilizan. Nivel de amontoamento.

3.4. Nivel de seguridade, estanquidade e illamento térmico. Pavimentación.

3.5. Nivel de salubridade; condicións hixiénicosanitarias.

3.6. Nivel de servicios, auga corrente, electricidade.

4. Características das familias.

4.0. Nome da persoa cabeza da familia, fotocopia do DNI e número da chabola que ocupan.

4.1. Composición da unidade familiar. Habitantes da chabola por idades, sexo e parentesco. Fotocopia do DNI de cada un dos membros.

4.2. Ingresos brutos do conxunto da unidade familiar, dos que se efectuará unha valoración tomando por bases as declaracións xuradas dos afectados visadas polos concellos respectivos, no caso de non poder achega-la documentación oficial acreditativa dos ingresos. Relación entre os ingresos, o SMI e o salario social. Pensións e axudas recibidas.

4.3. Estado de saúde de cada un dos compoñentes da unidade familiar.

4.4. Nivel de coñecementos, formación e escolaridade de cada un dos compoñentes da unidade familiar. Características culturais da unidade familiar.

4.5. Medios de vida, ocupacións e profesións exercidas polos membros da unidade familiar e situación laboral.

4.6. Procedencia e tempo de permanencia que levan no asentamento.

4.7. Nivel de integración social. Relacións cos habitantes e veciños dos núcleos do contorno. Relación cos demais habitantes do asentamento. Actitudes, opinións e expectativas cara á integración noutros barrios e grupos sociais ou consolidación e mellora da propia comunidade, etc.