Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de abril de 2000 de axudas ós concellos para a infravivenda rural no exercicio de 2000.

O Decreto 343/1992, do 26 de novembro, modificado polo Decreto 195/1996, do 17 de maio, regula as axudas ós concellos para a infravivenda rural.

A Orde do 29 de xaneiro de 1993 desenvolve o Decreto 343/1992, do 26 de novembro, e continúa vixente canto á determinación dos ingresos familiares, á súa ponderación e ó impreso cos datos da unidade familiar e da infravivenda.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das axudas e a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde e sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para cada concello no exercicio de 2000.

A disposición derradeira primeira do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas actualmente Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para dictar, no marco das súas competencias, as disposicións que cumpran para o desenvolvemento e aplicación da devandita norma.

A disposición adicional 2ª do Decreto 195/1996, do 17 de maio, faculta así mesmo, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para determinar por orde, dentro dos límites da consignación orzamentaria de cada exercicio, a cantidade máxima que se concederá en concepto de subvencións para cada concello.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Poderanse conceder axudas ós concellos para a solución do problema das infravivendas rurais por un importe de 125.000.000 de ptas., dos que 25.000.000 de ptas. serán con cargo ó exercicio corrente e 100.000.000 de ptas. para o seguinte exercicio orzamentario, sen prexuízo do seu reaxuste a anualidades posteriores en función do ritmo da execución das obras aprobadas.

2. Estas axudas tramitaranse financeiramente durante o presente exercicio a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. Para o exercicio de 2000 a cantidade máxima que se concederá, en concepto de subvencións, para cada concello será de quince millóns de pesetas (15.000.000 de ptas.) dentro dos límites da devandita consignación orzamentaria.

Artigo 2º

Os concellos peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 3º

Contra as resolucións de concesión das axudas poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 4º

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obriga do reintegro por parte da entidade local dos recursos achegados polo IGVS.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 5º

As entidades locais beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 6º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 31 de xullo de 2000.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda