Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de marzo de 2000 pola que se promoven accións de integración laboral e estímulo da formación empresarial dos alumnos que rematan estudios de formación profesional regrada, de educación secundaria obrigatoria ou bacharelatos LOXSE no curso 1999-2000.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena no regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, nos seus artigos 55 e) e 60.2º, establece que as administracións educativas garantirán a orientación educativa e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral.

Neste sentido, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na comunidade Autónoma de Galicia, garante a toda a poboación escolar a orientación persoal e educativa, así como a orientación profesional que lle facilite a toma de decisións responsables e a súa adaptación ás permanentes e cada vez máis dinámicas transformacións sociais, económicas e tecnolóxicas, que poñen de manifesto a necesidade de contar con recursos humanos cualificados e permanentemente actualizados, e así contribuír á xeración e mantemento do emprego.

A Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2000, establecen os requisitos e normas básicas para a xestión e actividade económico-financeira.

Ademais, continuando coa liña establecida na Orde do 20 de marzo de 1995 (DOG do 12 de abril), é preciso regula-las axudas que permitan promover accións de integración laboral e estímulo de formación empresarial para alumnos que rematan estudios de formación profesional específica, educación secundaria obrigatoria ou bacharelatos LOXSE no curso 1999-2000. Estas actividades inclúense no programa operativo de Galicia para o período 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Por conseguinte, as propostas que amparan esta orde pretenden contribuír a dinamiza-las iniciativas dos centros, dos axentes sociais e das institucións vencelladas ó mundo laboral, para lograr unha fluidez de información e actuacións de integración profesional con vistas a favorece-las decisións futuras dos mozos e mozas, o emprego e a competitividade das empresas do seu contorno. Trátase dunha adecuación das iniciativas recollidas no Libro Branco da Comisión, antes mencionado, presentado polo Consello Europeo en decembro de 1993 e recollidas no Plan de Crecemento e Emprego de Galicia 1998-2001 e recollidas nas accións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente convocatoria ten por obxecto establecer axudas para o desenvolvemento das seguintes actividades:

-Reunións, xornadas, cursos, conferencias, seminarios nos que se traten temas de integración laboral e de busca activa de emprego.

Os destinatarios destas accións serán os alumnos dos seguintes cursos e niveis educativos por esta orde de preferencia: 3º FP2, 4º ESO, alumnos que rematen un módulo de nivel 2 ou un ciclo formativo de grao medio ou superior e bacharelatos LOXSE.

As actividades deberán levarse a cabo antes do 31 de xullo do ano 2000 en grupos de vinte alumnos como mínimo, e deberán desenvolverse en colaboración cos centros de educación secundaria a través dos seus:

-Departamentos didácticos, especialmente os relacionados coas familias profesionais.

-Departamentos das respectivas familias profesionais.

-Departamentos da área tecnolóxico-práctica e, en especial, os departamentos responsables da impartición da formación empresarial e da formación e orientación laboral.

-Departamentos de orientación educativa e profesional a través da elaboración e posta en práctica dun plan de orientación profesional establecido para o centro.

Artigo 2º

As referidas accións teñen os seguintes obxectivos:

a) Deseñar actividades ou programas para que o alumnado poida elabora-lo seu propio itinerario profesional de busca activa de emprego, facéndoo consciente da necesidade de formación permanente.

b) Estimular e axuda-lo profesorado na integración de orientación profesional no currículo, así como no establecemento de contactos co mundo productivo e empresarial, para incorpora-los mozos ó mundo laboral.

c) Evita-lo desemprego e a espera da incorporación ó traballo.

d) Potenciar e estimula-la creación de asociacións, cooperativas ou o exercicio do traballo autónomo entre os mozos/as escolarizados nos cursos de fin de ciclo, etapa, previos á integración laboral.

e) Difundi-la existencia e funcionamento dos servicios públicos de emprego, así como doutras fontes de información sobre a oferta de emprego, tanto de carácter público, como de carácter privado e de autoemprego.

f) Facer un seguimento dos alumnos que rematan a súa formación nos centros de educación secundaria ou que abandonan o sistema educativo co fin de facilitárlle-la súa inserción laboral e, cando cumpra, a recualificación profesional.

g) Elaborar e actualizar unha base de datos co curriculum vitae dos alumnos que abandonan o sistema educativo, así como establecer canles de comunicación coas empresas para posibles ofertas de emprego.

Artigo 3º

Poderán concorrer a esta convocatoria as asociacións, federacións e confederacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de

Galicia que promovan actividades que teñan por obxectivos os sinalados no artigo anterior. As corporacións non poderán concorrer ás axudas previstas nesta orde.

En todo caso, terán prioridade para a concesión destas axudas as asociacións, federacións e confederacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a promoción da integración laboral e estímulo da formación empresarial, ou que veñan colaborando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo.

Artigo 4º

As axudas económicas concederanse con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.483.0. do exercicio económico do ano 2000, ata un importe máximo de 61.500.000 ptas. As axudas serán cofinanciadas por fondos comunitarios e fondos da Comunidade Autónoma de acordo coa porcentaxe legalmente establecida. Estas axudas son incompatibles con outras axudas provenientes de fondos comunitarios e están amparadas pola regra de «minimis».

Artigo 5º

O/a titular ou representante legal da entidade demandante presentará instancia por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación da presente orde.

Artigo 6º

As solicitudes, por duplicado, axustaranse ó modelo establecido no anexo I da presente orde e irán acompañadas dun proxecto e do orzamento de actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II desta orde.

Xuntaráselle á documentación sinalada o seguinte:

a) Certificación bancaria da conta corrente da entidade na que se desexe recibi-lo ingreso do importe da subvención.

b) Copia compulsada dos estatutos, da acta de constitución e da tarxecta de identificación fiscal.

c) Escrito de conformidade do consello escolar de cada centro docente no que se vaian realiza-las actividades de integración laboral e estímulo da formación empresarial.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos perceptivos; de non o facer, consi

derarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Artigo 7º

As axudas concederanse de acordo coas seguintes prioridades:

a) Actividades con carácter innovador dirixidas á inserción do alumno/a no mundo laboral coa participación dos orientadores dos centros, profesorado de FOL, etc.

b) Accións destinadas a fomenta-la igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes.

c) Iniciativas que desenvolvan sistemas de asesoramento e orientación profesional para os mozos/as, que lles axuden a coñecer e avalia-lo seu potencial profesional e a toma de decisións.

d) Proxectos que axuden a localizar información sobre a oferta formativo-profesional no ámbito local, autonómico, nacional ou incluso comunitario, tendo en conta que a libre circulación de traballadores constitúe un dereito fundamental dos cidadáns da Unión Europea.

e) Propostas tendentes a sensibiliza-los diferentes sectores económicos, servicios de emprego e formación, etc., a través de seminarios específicos de intercambio e publicación de medidas que canalicen toda a información sobre o emprego.

f) Accións que sirvan de reforzo ás políticas e ós programas comunitarios, en especial no ámbito do emprego, os recursos humanos e a integración no mercado de traballo.

Artigo 8º

A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

Vocais: catro inspectores correspondentes ós servicios provincias de Inspección, a xefa do Servicio de Formación de Empresa e Orientación Laboral e o xefe do servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Artigo 9º

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Artigo 10º

A concesión ou denegación das axudas seralle notificada directamente á entidade solicitante pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra esta resolución os solicitantes poderán

interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto noas artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de catro meses contados desde a publicación da presente orde.

Artigo 11º

As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufraga-los gastos do persoal que imparta as actividades, así como as axudas de custo e desprazamentos que xeren para o desenvolvemento delas de acordo coa normativa de aplicación na Administración pública que, como mínimo, alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto, que non superarán o 25% do importe total da subvención.

As axudas serán aboadas unha vez finalizadas as actividades, no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e da entrega da memoria de actividades, achegando certificación de ter realizado a actividade de acordo co establecido na presente orde e cos investimentos previstos, así como a certificación respecto da percepción ou non percepción doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (DOG do 31). A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a súa concesión.

No caso de que as axudas non superen o importe de 1.000.000 de ptas. poderán aboarse da seguinte forma:

1. Unha vez resolta a convocatoria e aceptada a subvención polos interesados, aboarase o 10% da súa contía, logo da xustificación provisional consistente na certificación de que deron comezo as actividades. Así mesmo xuntarase, por parte dos solicitantes, relación nominal e DNI dos alumnos receptores, dos relatores e dos coordinadores da acción. Os grupos terán como mínimo 20 alumnos.

2. Libraranse, en concepto de pagamentos parciais, as cantidades que xustifiquen os beneficiarios, sen exceder, en ningún caso, do 70% da contía total da subvención.

3. A cantidade restante librarase unha vez rematada a actividade no momento da súa completa xustificación económica por parte do beneficiario e da entrega da memoria de actividades.

Artigo 12º

Dado que as actividades se realizan nos centros de ensino secundario, a inspección educativa velará polo desenvolvemento destas accións e asegurarase de que a súa realización sexa compatible coas actividades docentes dos centros educativos, cando se leven a cabo en período lectivo.

Artigo 13º

Os beneficiarios que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense:

-Á gratuidade das actividades.

-Á xestión directa do proxecto subvencionado.

-A facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-A que na publicidade e propaganda das accións subvencionadas, así como na convocatoria pública e nos lugares onde se realicen as referidas accións, figure que estas están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos logotipos.

-Á cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-Á xustificación dos gastos dos fondos recibidos no prazo que se determina.

-Á comunicación do número real de participantes e os axustes realizados.

-A achegar copia dos contratos, se é o caso, do persoal laboral contratado.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º

Como remate de todo o proceso, os beneficiarios quedan obrigadas a presentar, no Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica antes do 15 de setembro do ano 2000, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. A memoria incluirá xustificación económica detallada (un orixinal e dúas copias).

Artigo 15º

A entidade queda sometida ás actuacións de comprobación e seguimento que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, e, se é o caso, a Inspección Educativa. Igualmente, queda sometida ás accións de control financeiro que poidan realiza-la Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e as que se poidan efectuar pola Comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.

Artigo 16º

Procederá ó reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

d) Cando haxa un exceso de subvención percibida de acordo co establecido no punto 8 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación. administrativa.

Artigo 17º

O procedemento de reintegro da subvención, nos supostos previstos no artigo anterior, será iniciado de oficio pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional tan pronto como teña coñecemento do incumprimento. A incoación do procedemento de reintegro comunícase ó beneficiario da subvención, poñendo de manifesto cos feitos co fin de que formule as alegacións e presente os documentos ou xustificantes que considere pertinentes, no prazo dos quince días seguintes á comuncación.

Transcorrido o prazo de alegacións, a dirección Xeral dictará resolución esixindo, no caso de que proceda, o reintegro, que haberá de producirse no prazo dos quince días seguintes á notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se teña producido o reintegro, a dirección xeral iniciará o procedemento para esixi-lo reintegro correspondente segundo a Orde do 21 de xullo de 1998 (DOG do 7 de agosto) da Consellería de Economía e Facenda pola que se regula o procedemento de recadación nos supostos de reintegros de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos.

As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, séndolles de aplicación para a súa cobranza o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Artigo 18º

Contra a presente orde os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 19º

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

ANEXO II

Modelo de proxecto

1. Obxectivos do proxecto.

2. Contidos e metodoloxía do proxecto.

3. Ámbito territorial de desenvolvemento das actividades.

4. Tipo e número de actividades que se van realizar.

5. Centros onde se van realiza-las actividades.

6. Número de beneficiarios que hai que atender e niveis educativos.

7. Período de realización.

8. Materiais didácticos.

9. Valoración económica do proxecto.

9.1. Valoración económica de cada actividade.

9.1.1. Custo de persoal, axudas de custo e desprazamento.

9.1.2. Gastos xerais de funcionamento.

9.2. Valoración total do proxecto.