De acordo coas funcións asignadas ó Centro de Transfusión de Galicia polo Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón-hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia, os estatutos da Fundación Centro de Transfusión de Galicia conteñen no seu artigo 7, punto 1º as finalidades desta. Entre estas pódense cita-las seguintes:
«f) Realización das determinacións analíticas que estean dentro das competencias do centro e que sexan solicitadas polos hospitais.
(...).
l) Centro de referencia da tipaxe HLA.
Así mesmo, no punto 2º do citado artigo constan como outros fins da fundación os seguintes:
a) Transporte dos tecidos desde os centros de obtención ó banco e desde o banco ós centros de implantación.
b) Procesamento e preservación de tecidos.
(...).
i) Os tecidos humanos que serán obxecto das actividades da fundación serán os citados no parágrafo 2º do artigo 1 do Decreto 217/1997, do 24 de xullo, polo que se regulan as actividades relativas á utilización de tecidos humanos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Conforme o anterior, e logo de estudio pormenorizado dos custos do servicio, o padroado da fun
dación aprobou, na súa reunión do 28 de decembro de 1999, a tarifa por subministración de unidades de sangue de cordón umbilical.
Tamén se acordou na dita reunión do padroado o establecemento de tarifas por realización de novas probas analíticas e a modificación dalgunhas das contidas na Orde do 11 de marzo de 1997 pola que se autorizaba o carácter retribuído da irradiación de compoñentes sanguíneos e da realización de probas analíticas pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 66, do 8 de abril).
Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma e as cantidades que a fundación perciba por elas non excedan do custo real do servicio ou actividade prestados.
Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vistas as memorias xustificativas presentadas pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño,
ACORDA:
Primeiro.-Autorizarlle á Fundación Centro de Transfusión de Galicia o carácter retribuído da subministración de unidades de sangue de cordón umbilical e da realización de novas probas analíticas e modifica-la Orde do 11 de marzo de 1997 pola que se autorizaba o carácter retribuído da irradiación de compoñentes sanguíneos e da realización de probas analíticas pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 66, do 8 de abril), segundo o anexo desta orde.
Segundo.-Dispoñe-la publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2000.
José Mª Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
ANEXO
Tarifas do Centro de Transfusión de Galicia.
A) Unidade de sangue de cordón umbilical: 2.509.000 ptas., (15.079,39 euros).
(O importe por este concepto terá o carácter de tarifa máxima).
B) Probas analíticas.
Tipaxe HLA-A baixa resolución PCR-SSOP reverso: 15.000 ptas., (90,15 euros)
Tipaxe HLA-B baixa resolución PCR-SSOP reverso: 15.000 ptas., (90,15 euros).
Estudio de aloinmunización contra antíxenos HLA de clase I: 20.000 ptas., (120,20 euros).
Tipaxe HLA clase I (A e B) LCT: 30.000 ptas., (180,30 euros).
Tipaxe HLA-A baixa resolución PCR-SSP: 15.000 ptas., (90,15 euros).
Tipaxe HLA-B baixa resolución PCR-SSP: 15.000 ptas., (90,15 euros).
Tipaxe HLA-DR baixa resolución PCR-SSP: 14.000 ptas., (84,14 euros).
Ciclo ADN: 7.875 ptas., (47,33 euros).
C) Derrogación das probas analíticas contidas na Orde do 11 de marzo de 1997 pola que se autoriza o carácter retribuído da irradiación de compoñentes sanguíneos e da realización de probas analíticas pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 66, do 8 de abril) seguintes:
Ciclo ADN tipaxe HLA clase I (A e B): 7.875 ptas.
LCT: 25.000 ptas.
Tipaxe HLA LOCUS PCR (DQ e DR): 30.000 ptas.
Tipaxe HLA-A baixa resolución PCR-SSP: 16.000 ptas.
Tipaxe HLA-B baixa resolución PCR-SSP: 33.000 ptas.
Tipaxe HLA DR baixa resolución PCR-SSP: 17.000 ptas.