Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 3 de abril do 2000 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración no Centro de Documentación das Artes Escénicas de Galicia do IGAEM para a catalogación, documentación e investigación do patrimonio escénico e musical galego.

A Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, indica no seu artigo 9 que lle corresponderá ó IGAEM exerce-las funcións de actualización do inventario e catalogación do patrimonio escénico e musical galego e informar del permanentemente.

A catalogación do dito patrimonio escénico -abarca o teatro, a música e a danza- vénse realizando no Centro de Documentación das Artes Escénicas de Galicia do IGAEM, estando na actualidade en fase de compilación do diverso material de interese.

Para a catalogación de material dun xénero tan específico como é o das artes escénicas convócanse dúas bolsas de documentalista e/ou musicólogos, destinadas a personas, que dispoñendo da formación precisa, estean interesadas en contar cun período de formación complementaria ós seus estudios

Por iso, esta xerencia,

DISPÓN:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais convoca dúas bolsas para a catalogación do material e fondos relacionados coas artes escénicas galegas.

Segunda.-Duración e dotación económica.

O desfrute da bolsa será desde a toma de posesión, ata o 31 de decembro do 2000, se o rendemento do bolseiro así o determina.

No mes de decembro de 2000 iniciaranse os trámites da renovación das bolsas para o ano seguinte, por un período de 11 meses, renovación que se verá supeditada ó informe favorable do responsable titorial e á existencia do crédito adecuado nos orzamentos do IGAEM. O tempo máximo de renovación non poderá exceder de dous anos. No caso de non renovar algunha das bolsas, poderase tramitar nova convocatoria pública para a súa provisión.

A dotación económica das bolsas será de 100.000 ptas./mensuais brutas por persoa con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.354 A.480.0, do vixente orzamento de gastos, unha vez dotada para tales fins. A esta cantidade aplicaránselle as retencións fiscais que legalmente procedan.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os requisitos seguintes:

-Titulación universitaria de grao superior.

-Acreditar coñecementos no manexo de bases de datos por ordenador.

-Acreditar coñecementos técnicos na materia: considerarase a experiencia en catalogación e clasificación de documentos.

-Acreditar coñecementos en lingua galega.

-Acreditar coñecementos en linguas estranxeiras.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro do IGAEM, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a documentación seguinte:

a) Unha instancia de admisión, segundo o modelo anexo.

b) Currículum vitae coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Unicamente serán tidos en conta os méritos convenientemente acreditados mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada.

c) Acreditación documental da formación ou coñecemento en lingua galega.

d) Acreditación documental da formación ou coñecemento en linguas estranxeiras.

e) Fotocopia do DNI.

f) Acreditación da titulación achegada.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vocais: o secretario do Consello Rector do IGAEM ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Departamento de Persoal e de Xestión Económico-Administrativa do IGAEM.

-Mar Nogueira como responsable do Centro de Documentación do IGAEM.

Secretario/a: a xefa do Servicio Administrativo do IGAEM, con voz e voto.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme estableza o tribunal de selección consensuadamente. En todo caso, a baremación desagregarase do xeito seguinte:

a) Valoración do expediente académico.

b) Valoración de cursos e experiencia na materia relacionada co contido da bolsa.

O máximo de puntuación desta fase será de 60 puntos. Os aspirantes que acaden unha puntuación de máis de 40 puntos, serán convocados a unha entrevista sobre os seus méritos curriculares e a experiencia que poidan achegar. A dita entrevista

terá unha valoración de ata 40 puntos que será acumulada á puntuación anterior.

O tribunal poderá decidir, no caso de que o considere oportuno, a realización dunha proba práctica sobre manexo de base de datos en ordenador, así como de coñecemento de linguas.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse logo da aceptación da bolsa, o día que se lles comunique na resolución final. O horario de desenvolvemento da actividade relacionada coa bolsa será establecido no momento da incorporación.

No caso de que os aspirantes que ocupen os dous primeiros lugares non poidan, por calquera motivo, presta-la súa colaboración, serán substituídos polos candidatos seguintes por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo a tutela da dirección do Centro de Documentación, e baixo a superior supervisión dos órganos da Xerencia do IGAEM.

Os traballos realizados quedarán, en todo caso, en propiedade do Centro de Documentación das Artes Escénicas de Galicia dependente do IGAEM.

O pagamento da bolsa realizarase con carácter mensual logo de certificación do responsable titorial de cumplir co traballo de formación encomendado.

Novena.-Cláusula xeral.

En caso de incumprimento das tarefas de colaboración ou por indisciplina, o IGAEM poderá, logo de informe do responsable titorial e logo da correspondente audiencia do bolseiro, impo-la sanción de baixa temporal na bolsa ou baixa definitiva procedendo á substitución do bolseiro obxecto da sanción.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases e a lexislación relativa ó IGAEM.

A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data da notificación efectiva dela ós interesados.

Unha vez rematado o período de selección, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación dos documentos non recollidos.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2000.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais

ANEXO

Modelo de instancia

Don/Dona....., con DNI....., de..... anos de idade, natural de....., con domicilio habitual na rúa....., localidade....., provincia de....., DP....., teléfono.....

EXPÓN:

Que crendo reuni-los requisitos e condicións que sinala a convocatoria para a concesión da bolsa de catalogación e investigación do patrimonio escénico-musical,

SOLICITA:

Participar na convocatoria da cobertura da bolsa, manifestando que acepta as condicións e mailos compromisos que figuran na convocatoria, achegando á presente solicitude a documentación indicada na cláusula quinta das bases da devandita convocatoria.

....., ....., de..... de 2000.

Sinatura.

Presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

Santiago de Compostela