Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.316

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2000 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 2000.

A convocatoria de axudas constitúe unha medida adecuada para promove-las accións de información, educación e defensa dos intereses dos consumidores, favorecendo ó mesmo tempo a colaboración das organizacións co Instituto Galego de Consumo neste obxectivo común.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 27 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser beneficiarias de axudas para actuacións de promoción e defensa dos consumidores e usuarios galegos durante o ano 2000, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.480.0 de orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 2000. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, en todo caso, o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 60.000.000 de pesetas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións e asociacións de consumidores e usuarios de Galicia, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, e ademais deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) No caso das asociacións deberán dispoñer de oficina aberta ó público durante 4 horas diarias como

mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 3º.-Obxecto.

O obxecto das axudas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de funcionamento, infraestructura, equipamento e servicios técnicos xurídicos concertados con profesionais que resulten necesarios para o desenvolvemento de actividades de información, asesoramento e mediación en conflictos ou litixios de consumo.

b) Programas específicos que contribúan á defensa, protección e promoción dos intereses xerais dos consumidores e usuarios, á información e a mellora-la súa posición no mercado. Os programas que se financiarán son os seguintes:

1. Proxectos que faciliten a transición á moeda única e melloren a posición do consumidor no mercado.

2. Proxectos que contribúan a incrementa-lo número de adhesións ó Sistema Arbitral de Consumo, e en especial, en sectores de gran relevancia social, tal é o caso de servicios básicos.

3. Proxectos dirixidos á poboación xuvenil cos obxectivos de eleva-lo seu nivel de formación en materia de consumo e de incorporar ó sector de poboación xuvenil o movemento asociativo.

4. Proxectos que contribúan a mellora-la formación e información do consumidor en relación coas novas tecnoloxías, a sociedade de información e a liberalización dos servicios básicos dirixidos ós cidadáns.

5. Proxectos que reforcen a formación e educación en materia de consumo dentro do sistema educativo.

6. Proxectos dirixidos á protección e defensa de colectivos de consumidores vulnerables.

7. Cursos básicos de consumo que cumpran como mínimo coas condicións do anexo VII.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo normalizado do anexo I desta resolución, nos servicios provinciais de consumo ou nos servicios centrais do Instituto Galego de Consumo sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas coa seguinte documentación:

a) Proposta descritiva de cada unha das accións e programas específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración (anexo II).

b) Certificación do secretario/a da organización onde conste o número de socios na que se faga constar ademais o horario no que a oficina permanece aberta ó público (anexo III).

c) Balance da situación económica o 31 de decembro de 1999, onde se farán consta-los ingresos e os gastos, agrupados por partidas específicas segundo a súa orixe e finalidade (anexo IV).

d) Certificado do secretario da organización do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para actividades ás que se fai referencia no artigo anterior, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais (anexo V).

e) No caso das federacións, relación nominal das asociacións que compoñen a federación, cando resulten indirectamente beneficiarias da axuda obtida pola federación

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos nesta resolución, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración que efectuará proposta de resolución e a elevará ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe de Servicio de Información e Educación, xefe do Servicio de Protección, os xefes de servicios provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para gastos de funcionamento, equipamento, infraestructura e servicios técnicos xurídicos das oficinas de información ó consumidor ata un 70% do custo.

b) Para programas específicos ata un máximo do 80% do seu custo.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse atendendo ós criterios seguintes:

1. Grao de implantación territorial sobre a base do número de socios e a súa distribución por provincias, comarcas e localidades da comunidade galega. No caso das federacións, número e distribución territorial das asociacións integradas na federación.

2. Capacidade da organización de consumidores e usuarios de financiarse por ingresos distintos dos derivados das subvencións públicas.

3. Grao de adecuación do programa ó plan estratéxico de protección ó consumidor para o período 1998/2001.

4. Traxectoria da actividade da organización solicitante en convocatorias anteriores.

5. A realización do proxecto por varias organizacións de consumidores e usuarios.

No caso de que a organización desenvolva, ademais do programa de consumo, outros de distinta natureza, a valoración precedente efectuarase exclusivamente respecto do programa de consumo.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, unha vez emitido o informe-proposta pola Comisión de Valoración e fiscalizado pola Intervención, correspóndelle ó presidente do Instituto Galego de Consumo. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A notificación das resolucións deberase producir no prazo de 3 meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 10º.-Pagamento.

En virtude do disposto no artigo 37 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, o pagamento destas axudas poderá facerse en varios prazos:

1. Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de ptas. poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada,

mediante a correspondente certificación pola secretaría da organización, do inicio das actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito, en virtude do disposto na devandita Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de marzo de 2000.

a) Un anticipo do 50% da totalidade da subvención no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida pola secretaría da organización, co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades.

O 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

b) Pagamentos parciais de ata o 80% da axuda concedida a medida que o beneficiario xustifique os gastos á conta da liquidación definitiva, librándose o 20% restante cando se xustifique o cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

No obstante o anterior, o Instituto Galego de Consumo, en calquera momento, poderá solicita-los documentos que acrediten os datos que constan nas ditas certificacións.

Artigo 11º.-Xustificación.

Establécense como normas específicas para a xustificación das presentes axudas as seguintes:

1. Para a xustificación da axuda concedida, a organización deberá presentar antes do 31 de decembro de 2000 a relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados (anexo VI). Xuntarase amais a memoria explicativa da realización das actividades ou programas subvencionados, así mesmo xuntarase declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude das axudas obxecto desta resolución (anexo V).

A organización deberá presentar unha certificación da secretaría da organización co visto e prace da presidencia, sobre o total do gasto realizado, e desagregado por tipos de gastos e programas obxecto da subvención, así como o que lle corresponda achegar á organización.

2. As facturas ou xustificantes presentados deberán ser orixinais ou copias compulsadas e corresponderán ó ano 2000; neles quedará reflectido de xeito expreso que o seu pagamento foi efectuado.

3. Os xustificantes correspondentes a colaboracións puntuais figurarán en recibos onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo

que se retribúe, así como os datos da asociación ou a federación.

4. Non serán admitidos xustificantes de gastos de representación.

5. Os desprazamentos, gastos de hospedaxe e restauración xustificaranse conforme os decretos 299/1990, do 24 de maio e 21/1994, do 4 de febreiro, sobre indemnizacións por razóns do servicio ó persoal con destino na Administración autónomica de Galicia, aplicándose a baremación correspondente ó grupo II, que se concreta nas contías seguintes:

-Aloxamento: 7.500 pesetas.

-Manutención (por día completo): 5.500 pesetas.

Sempre, e en tódolos casos, especificarase o motivo da viaxe e xuntarase copia da convocatoria, curso, etc., que corresponda.

6. As federacións e asociacións ás que se concedera axuda deberán xustifica-los seus respectivos gastos mediante facturas emitidas ó seu nome.

7. Certificado da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

2. As organizacións de consumidores e usuarios beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O importe desta axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecido.

Artigo 14º.-Control e reintegro das cantidades percibidas.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que considere oportunas respecto da axuda económica concedida. Para estes efectos poderá requirir do beneficiario toda a información e documentación que estime necesaria.

Asemade, o beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, nas súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A falta de xustificación dos gastos, unha aplicación diferente á sinalada na solicitude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos na presente resolución, dará lugar á retirada da subvención, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de mora, nos supostos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta resolución, procederá o reintegro ó Instituto Galego de Consumo do exceso percibido.

No caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención percibida e os xuros de mora producidos desde o momento do seu pagamento nos casos que se establecen no número 9º do artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Lexislación aplicable.

Con independencia do establecido na presente resolución, aplicarase en todo caso o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2000.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo