Por resolución da Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, de data 16 de xuño de 1999 foi aprobado o proxecto das obras de construcción dun apeadoiro na liña de ferrocarril Redondela Santiago de Compostela, no p.k. 19+900, no concello de Pontevedra.
En acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de febreiro de 2000 declárase de urxencia, para efectos de aplicación do procedemento que regula o artigo 2 do Decreto 58/1984, do 28 de decembro, a ocupación de bens e dereitos afectados polo referido proxecto.
Para tal efecto convócase os propietarios e titulares de bens e dereitos afectados, que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra e na Delegación Provincial de Pontevedra, para que comparezan no lugar, día e hora que se detalla a continuación, co fin de proceder ó levantamento de actas previas á ocupación deles, que recollerán os datos necesarios para a determinación dos dereitos afectados, os seus titulares e o valor daqueles, sen prexuízo de se trasladaren ó lugar dos predios se o considerasen necesario.
Lugar: Concello de Pontevedra.
Día: 12 de mayo de 2000.
Ó devandito acto deberán acudi-los titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo acompañarse pola súa conta, se o estimaren oportuno, dos seus peritos e dun notario.
Tendo en conta estes antecedentes e en cumprimento do establecido no artigo 17, parágrafo 2º da Lei de expropiación forzosa, ábrese a información pública ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito ante a Direc-
ción Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, sita en Área Central, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, as alegacións que estimen pertinentes co obxecto de emendar posibles erros que se producisen ó relaciona-los propietarios afectados.
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.
Juan Carlos Villarino tejada
Director xeral de Transportes