A nova orientación da política agrícola común cara á maior competividade das produccións da Unión Europea, pretende, á súa vez, dar resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimula-la adaptación da oferta neste sentido.
No que respecta ó sector lácteo, a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 1998, das esixencias relativas á calidade hixiénica do leite cru e outras disposicións sobre as condicións das explotacións de producción, e a necesidade da súa homologación e control polas autoridades competentes, demanda un esforzo importante de adecuación por parte do sector, tanto a compradores como productores.
O R.D. 1563/1998, do 17 de xullo, de medidas para a mellora integral das explotacións de producción e en relación cos compradores de leite, establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a estes fins.
Nos seus artigos 5 e 6 disponse que a tramitación das solicitudes, así como a súa resolución e o pagamento delas lles corresponde ós organos competentes das comunidades autónomas.
O financiamento será por conta dos orzamentos xerais do Estado, segundo se dispón no artigo 7 do devandito real decreto, distribuíndose o crédito consignado para o efecto entre as comunidades autónomas, correspondéndolle á de Galicia seiscentos oitenta e nove millóns de pesetas (689.000.000 de ptas.), segundo o acordo da conferencia sectorial que tivo lugar o 7 de febreiro de 2000.
Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, restructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la da execución das medidas de fomento.
No marco das anteriores disposicións, a presente orde ten por obxecto establecer en Galicia as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite, establecendo o procedemento para a tramitación das solicitudes presentadas, para a súa resolución e, de se-lo caso, pagamento.
Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º de Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Pola presente orde convócanse axudas para a realización de accións incluídas en programas de control e mellora da calidade do leite recollido nas explotacións, desenvoltas no marco do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das axudas previstas na presente orde:
a) Os compradores autorizados, ben a título individual, ben a través de asociacións de compradores, que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1º, e se comprometan a un pagamento diferencial dos parámetros de calidade superiores ós esixidos na normativa vixente e cumpran as obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria.
b) As agrupacións de productores que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1º, sempre e cando os seus membros cumpran o réxime de taxa suplementaria e se comprometan a permanecer na actividade un mínimo de cinco anos.
Artigo 3º.-Programas de mellora da calidade do leite.
1. Estes programas terán por obxecto o fomento da mellora da calidade do leite nas explotacións, mediante a adecuación dos parámetros que incidan nas condicións de producción, obtención, almacenamento e transporte do leite, que determinen avances en todos ou nalgún dos seguintes aspectos:
a) Melloras no reconto total de bacterias e células somáticas.
b) Melloras nos parámetros mínimos fisicoquímicos.
c) Ausencia de inhibidores.
2. Os programas de mellora deberán contar, polo menos, cos seguintes elementos:
a) Identificación do comprador ou entidade que aplica o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos, de acordo co indicado no anexo II.
Cando se trate dunha asociación de compradores presentarase esta información desagregada por cada un deles.
b) Identificación das explotacións que realizarán o programa, de acordo co especificado no anexo X, así como relación dos compromisos asumidos polos productores segundo o indicado no anexo III. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física o xurídica dada de alta no LIGAL, deberase facer constar no dito anexo.
c) As entidades que realizaron o programa no ano 1999 non terán que achega-lo anexo III daquelas explotacións que continúen neste ano, debendo achega-las variacións e os compromisos das altas que se produzan.
No caso de explotacións que no ano 1999 realizaran o programa con outra entidade, deberase achega-lo anexo III, xunto co anexo XI, cuberto e asinado polo titular da explotación e polos representantes legais de ámbalas dúas entidades.
d) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de mellora.
3. Descrición detallada das accións que se vaian realizar:
a) Asesoramento, que poderá incidir nas seguintes axudas:
-Adecuación e limpeza de instalacións e equipos.
-Rutina da muxidura.
-Prevención e control de residuos (de medicamentos e hormonais) e de enfermidades (en especial de mamite).
-Mellora xenética e das condicións sanitarias das ganderías.
b) Investimentos necesarios para o desenvolvemento das funcións de asesoramento, agás medios de transporte.
c) Investimentos necesarios para á adecuación dos equipos de muxidura á normativa vixente, no relativo ó cambio de bomba de baleiro, cambio de conduccións, reguladores ou billas para facita-la recollida no caso dos tanques refrixerantes.
4. Establecemento dun sistema de control que permita avalia-la eficacia das medidas, que consistirá no seguinte.
a) Os productores beneficiarios do programa autorizarán o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), ou outro laboratorio que estea capacitado, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle faciliten á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria os resultados mensuais das análises de calidade do leite das súas explotacións.
b) No caso de control de instalacións de muxidura, estes realizaranos técnicos autorizados pola Unidade de Tecnoloxía de Muxido (UTM) do Ilgga e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo IV, cumprindo, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII.
c) No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberán realizalos por técnicos autorizados pola UTM do Ilgga ou titulados en FP2, rama frigoristas, e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo V, cumprindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX.
d) No caso de asesoramento técnico en temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes nel deberán asumi-los compromisos indicados no anexo VI, cumprindo enquisas ou partes de visita a explotacións que reflictan o desenvolvemento do programa.
5. Como parte do sistema de control, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, porá á disposición dos beneficiarios unha aplicación informática denominada «Programa Calidade do Leite II», (en diante PCL II), que permitirá tanto a gravación de ficheiros para a solicitude, como o control das explotacións, gravación de revisións e visitas a estas, e que xerará os ficheiros necesarios para a xustificación do programa. Para o seu manexo necesítase un ordenador cos seguintes requisitos mínimos:
Pentium II ou III con 64 Mb de memoria RAM, alomenos 200 Mb de disco duro baleiro e un sistema gráfico (tarxeta e monitor) que soporte unha resolución mínima de 800x600. Así mesmo, co fin de obter certa fluidez no intercambio de datos será preciso dispor dunha conta de correo electrónico. Este enderezo deberá incluírse como parte da documentación de solicitude.
6. Se o beneficiario fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.
7. Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.
8. Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que será, preferentemente, o LIGAL. A utilización doutro laboratorio necesitará a autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.
9.Cando colaboren no desenvolvemento do programa outras entidades, deberanse indentificar estas.
Artigo 4º.-Importe das axudas.
O importe das axudas concedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ó abeiro da presente orde non poderá superar, en ningún caso, o 70 por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa.
A Dirección do Ilgga poderá establecer módulos de custos máximos para subvencionar por nivel de técnico asesor, por punto de muxidura, por tanque de refrixeración, por explotación, por adecuación do sistema de muxidura e tanques refrixerantes, así como outros parámetros tecnicamente xustificables.
Artigo 5º.-Solicitudes.
1. Tódalas solicitudes presentaranse, preferentemente, nos servicios centrais do Ilgga, sitos Santiago de Compostela na rúa dos Irmandiños s/n, Salgueiriños, 15771 A Coruña, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.
2. O prazo de presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e rematará o 29 de xuño do ano que corre.
3. Ás solicitudes xuntaráselles, ademais, a seguinte documentación:
A. Acreditación da personalidade xurídica do solicitante.
B. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa. Xunto coa solicitude, a agrupación deberá presentar, ficheiro en base de datos, coa estructura indicada no anexo X, con formato da aplicación PCL II, facilitado polo Ilgga, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a el.
C. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.
D. Memoria descritiva do programa establecido no artigo 3º.3 da presente orde, indicando a relación de explotacións nas que se aplicará este.
E. Relación dos técnicos que participen na execución do programa e capacitación destes.
F. Fotocopia cotexada do título prefesional do técnico, de se-lo caso.
G. Factura proforma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.
H. Anexos II, III, IV, V, VI, e XI totalmente cubertos.
I. Folla resumo totalmente cuberta (anexo VII).
J. Compromiso de comunicarlle ó Ilgga, de se-lo caso, os resultados dos controis.
K. Cando o solicitante sexa primeiro comprador, compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite superiores ós esixidos na normativa vixente.
Artigo 6º.-Resolución.
1. O director do Ilgga, por proposta da subdirección deste organismo, resolverá, antes do 15 de outubro do presente ano, sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e segundo os criterios establecidos na alínea seguinte, considerando desestimadas as solicitudes non resoltas expresamente antes do dito prazo.
2. Na aprobación das axudas terán preferencia:
a) Cooperativas e SAT que sexan primeiros compradores de leite.
b) Cooperativas e agrupacións de gandeiros con programas de calidade de leite aprobados polo Ilgga en 1999.
c) Outros solicitantes.
En cada un dos puntos anteriores terán prioridade os solicitantes con menor relación cota lácteo/gandeira.
3. En todo caso, a concesión destas axudas quedará sometida á condición resolutoria de que a Comisión Europea emita a preceptiva decisión positiva sobre este programa de axudas, de acordo co establecido no artigo 87 (antigo 92) do tratado constitutivo da Unión Europea, relativo ás axudas de Estado, no caso de que esta se dicte antes da dita decisión positiva da comisión.
Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.
1. Os beneficiarios deberanlle comunica-la finalización do programa ós servicios centrais do Ilgga, xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización e a súa incidencia na mellora da calidade do leite.
Xunto coa xustificación presentarase a seguinte documentación:
a) No caso de control de equipos de muxido e equipos refrixerantes, resultados da comprobación de tódalas instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo VIII (control de instalación de muxidura) e anexo IX no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura e os números asignados pola devandita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a comprobación. Toda esta información recollerase nun programa informático de Control de Instalación de muxidura facilitado polo Ilgga.
b) Enquisas de muxidura e partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico que se deberán remitir mensualmente.
c) En canto á información das letras a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presenta-la información gravada na aplicación PCL II.
d) Relación de explotacións que executaron os programas, así como o volume pormenorizado do leite que representan.
e) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens e/ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.
f) Copia cotexada das nóminas do persoal contratado para a execución do programa.
2. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxetivos programados.
As accións que se van desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxidura e ós labores de asesoramento nas explotacións.
3. Para poder percibi-la axuda, o beneficiario deberá acreditar que se encontra ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
4. Efectuadas as comprobacións oportunas, o Ilgga procederá ó pagamento das axudas.
5. A dirección do devandito instituto remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, de acordo co artigo 8 do R.D. 1563/1998, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como a infomación sobre o grao de consecución dos obxectivos pretendidos.
Artigo 8º.-Financiamento.
O financiamento das axudas reguladas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria do orzamento de gastos do Ilgga 09.50.712-A.773.0 na que existe crédito axeitado para esta finalidade por importe de seiscentos oitenta e nove millóns cento sesenta e cinco mil novecentas vintesete pesetas (689.165.927 ptas.).
Artigo 9º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.
Os solicitantes das axudas previstas na presente orde, xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.
Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Artigo 10º.-Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.
Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 12º.-Reintegro da axuda.
Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 13º.-Recursos administrativos.
As resolucións que na aplicación da presente orde dicte o director do Ilgga, non esgotarán a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
Disposición adicional
Infraccións e sancións.
Seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme á redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para, a través de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, modifica-los prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos na presente orde, cando se deban a modificacións habidas na nomativa estatal reguladora destas axudas.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2000.
Cástor Gago Álvarez
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política
Agroalimentaria

