Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 19 de xuño de 2000 Páx. 9.527

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

EDICTO.

O Concello Pleno en sesión celebrada o 30 de marzo de 2000 aprobou inicialmente a ordenanza municipal para a instalación de elementos engadidos nas fachadas posteriores nas edificacións, que literalmente di:

«Ordenanza municipal para a instalación de elementos engadidos nas fachadas posteriores de edificacións.

Exposición de motivos:

A falta dunha normativa concreta que regula a instalación de elementos engadidos ás fachadas posteriores dos edificios, case sempre de vivendas tales como cobre-tendais e protección de saídas ás terrazas fai que en moitos casos a súa presencia constitúa un problema tanto para o concello como para os habitantes dos edificios.

A finalidade desta ordenanza é regula-las instalacións destes elementos fixando as súas dimensións e cando é posible instalalas, para deste xeito darlle unha cobertura normativa ó que necesariamente se produce como consecuencia non só do clima, senón tamén da antigüidade do parque de vivendas.

1. Ámbito de aplicación desta ordenanza.

Esta ordenanza é de aplicación para todo o concello e para tódalas ordenanzas de uso residencial. Regula as instalacións dos elementos engadidos ás fachadas posteriores de edificacións sempre e cando estas sexan fachadas sobre espacios privados.

2. Elementos autorizables.

Nas fachadas posteriores de edificación residenciais sobre patios, patios de parcela ou patios de cuarteirón definidos pola normativa do plan xeral autorizarase a colocación de tendais, cobre-tendais, viseiras de protección de saídas ás terrazas, agás naqueles casos de vivendas de nova construcción nas que resolvan os tendais entre a aliñación exterior e a interior.

3. Condicións xeométricas e constructivas.

Tendais e cobre-tendais: será posible a súa instalación sempre e cando non supoña o incumprimento da normativa de habitabilidade por afectar a iluminación ou ventilación das vivendas do edificio.

A dimensión en perpendicular á fachada non excederá os 80 cm, e recuarase lateralmente das outras vivendas 60 cm. Salvo que se trate dunha obra feita conxuntamente en tódalas plantas do edificio, só se autorizará a instalación dun elemento de protección nun plano sensiblemente horizontal sen elementos que formen planos verticais ou celosías. Cando a instalación sexa conxunta en tódalas fachadas e a dimensión do patio o permita por habitabilidade poderanse poñer celosías en planos verticais sempre que permitan a correcta iluminación e ventilación das estancias ás que dean fronte.

A fixación destes elementos á fachada será de xeito que non a deteriore nin lle causen prexuízos.

Faranse sempre con materiais duradeiros, translúcidos e que non sufran corrosión nin degradación por efecto da luz solar.

Os elementos superficiais horizontais serán de seguridade para facer imposible a súa rotura e posterior caída.

Colocaranse sempre por debaixo ou á altura do antepeito das ventás agás que exista terraza transitable na dita planta, entón poderase colocar á altura do lintel da ventá.

Viseiras de protección das saídas ás terrazas:

Cando existan portas ou ocos de saída ás terrazas poderase colocar unha viseira de protección que cubra o largo de oco máis 50 cm a cada lado cunha medida en perpendicular á fachada de 120 cm. A viseira situarase sempre por debaixo da cara inferior do forxado.

Son de aplicación as condicións de fixación e materiais dos cobre-tendais.

Disposición derradeira

As instalacións autorizadas nunca poderán contravi-las esixencias do planeamento superior, normativa de habitabilidade, normativa autonómica ou xeral de vivenda nin outra de maior rango.

O cumprimento desta ordenanza non eximirá do cumprimento das obrigas ou condicións derivadas da Lei de propiedade horizontal».

A citada ordenanza exponse ó público polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedando o expediente á disposición de todo aquel que queira examinalo na Xerencia de Urbanismo do concello en horario de oficina.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Ferrol, 10 de abril de 2000.

O alcalde

Rubricado