Pola Resolución do 18 de maio de 2000 da Dirección Xeral da Función Pública (DOG nº 103 do 29 de maio) fixéronse públicas as listas para a cobertura con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo reservados a funcionarios, reguladas no Decreto 89/1997, de 10 de abril, correspondentes ó corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D), listas A1 e A2.
Considerándose insuficiente o número de persoas incluídas nas listaxes elaboradas, en relación coa previsión das vacantes que poidan xurdir nun futuro, faise necesario abrir un novo prazo para aqueles interesados en figurar na lista B, regulada no artigo 12 do citado decreto.
Por todo iso, de conformidade co acordo adoptado pola comisión permanente de selección para prazas de funcionarios, na súa xuntanza do 15 de maio de 2000, en aplicación do disposto no artigo 4.2º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, e co informe da comisión de persoal, esta dirección xeral acorda realiza-la convocatoria para a elaboración da devandita lista, de conformidade coas seguintes:
BASES
Base 1ª.-Obxecto.
O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo do corpo auxiliar da Xunta de Galicia, considerándose a súa cobertura de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polos correspondentes funcionarios de conformidade coa normativa de aplicación.
Base 2ª.-Listas.
Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para cada provincia da Comunidade Autónoma e outra para servicios centrais.
En canto ós puntos ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (DOG nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:
-Lista B:
A lista que se confeccione será para o corpo que a continuación se sinala:
Corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D).
Incluiranse nesta lista os solicitantes que reúnan as condicións para poderen inscribirse nela, e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.
Cada interesado poderá presentar solicitudes nos ámbitos territoriais que desexe. Logo de seren chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo da aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais nos que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.
De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexa que poidan producirse, aquel pareza suficiente.
Base 3ª.-Solicitudes.
3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Con
sellería da Presidencia e Administración Pública, e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.
3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3.3. Todos aqueles solicitantes que foron admitidos no último proceso selectivo de acceso ó corpo auxiliar da Xunta de Galicia estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, así como os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.
Os solicitantes que non participaron no proceso selectivo a que se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, nun prazo de dez días a partir da publicación das lista, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:
Corpo auxiliar da Xunta de Galicia: 4.700 pesetas.
Os que así non o fixesen no prazo indicado, serán excluídos automaticamente das listas.
Para facer efectivo o ingreso da taxa deberase cubri-lo anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.2, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel.
Base 4ª.-Requisitos.
Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito: graduado escolar ou equivalente. O citado requisito deberase posuír no último día do prazo para a presentación de solicitudes.
No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase xuntar copia cotexada do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.
Así mesmo, terán que acreditar no momento no que acepten o posto de traballo que se lles oferte:
-Seren españois ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea, ou nacionais do reino de Noruega ou nacionais da República de Islandia.
Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos, ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.
Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando
así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.
-Teren cumpridos 18 anos.
-Non padeceren enfermidade nin estaren afectados por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
-Non estaren serparados do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitados por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.
-Os aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.
-No suposto de non acreditaren estes requisitos, os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.
Base 5ª.-Documentación.
Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria e, de se-lo caso, copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos de exención prevista na base 3.3.
No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase xuntar copia cotexada do documento que acredite a súa homologación.
Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán xuntar declaración xurada ou promesa desta, de que non están separados de dereito do cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive a expensas ou está ó seu cargo. Así mesmo, e no caso de nacionais de estados en que o idioma oficial non sexa o castelán, deberán presentar documento xustificativo do dominio da dita lingua.
Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes, que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estivesen suficientemente acreditados.
Os méritos a que se refire o punto B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras
administracións públicas no mesmo corpo, acreditaranse mediante certificación xustificativa que a deberán emiti-los órganos de xestión de persoal competentes.
No suposto de alegar méritos polo punto B.1 (ter superado algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado os xustifique.
Base 6ª.-Elaboración das listas.
6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, a que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo dos méritos alegados polos interesados.
6.2. Logo de seren elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.
6.3. Os chamamentos realizaranse conforme o establecido no artigo 5.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, utilizando simultánea e alternativamente as listas A) 1 e A) 2 (publicadas pola Resolución do 18 de maio de 2000), de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente da lista A) 1, o segundo o da lista A) 2, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes ás dúas listas do epígrafe A. Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas.
Polo tanto, unha vez que se esgoten ou non poidan utilizarse as mencionadas listas, os chamamentos realizaranse en cada ámbito territorial a través das listas que se elaboren consonte esta convocatoria (lista B).
Base 7ª.-Recursos.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán os interesados formular recurso de alzada perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2000.
Joaquín López-Rúa Soler
Director xeral da Función Pública

