De conformidade co establecido no artigo 22 do Regulamento xeral de cámaras, aprobado polo Decreto 1291/1974, do 2 de maio, modificado polos reais decretos 753/1978, do 27 de marzo e 816/1990, do 22 de xuño, procede comunicarlles ós respectivos electores que quedou vacante no Pleno desta Corporación o posto correspondente ó grupo 9 do censo electoral, que se corresponde cos seguintes epígrafes do imposto de actividades económicas: grupo 9 (hostalería), que comprende os epígrafes 671 ó 687 da sección primeira (actividades empresariais).
Igualmente, faise saber que os electores incluídos nos epígrafes do imposto de actividades económicas antes sinalados poden presenta-la súa candidatura, de conformidade co que establece o Decreto 116/1997,
do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación (DOG do 20 de maio), o que deberán facer no prazo dos vinte días seguintes ó da publicación desta convocatoria, e presentalas avaladas pola sinatura de, polo menos, dez electores do grupo correspondente. A acreditación da autenticidade da sinatura realizarase mediante fedatario público, recoñecemento bancario ou a certificación do secretario desta corporación.
A elección da vocalía vacante realizarase o día 28 de setembro do ano 2000, permanecendo abertos os colexios electorais desde as nove horas e ata as vintedúas horas. Para tal efecto constituirase un colexio electoral na sede desta corporación, que estenderá a súa circunscrición ós municipios de Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meis, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Outro na sede da Asociación de Empresarios da Estrada, sito na Estrada, avenida de Santiago, nº 11, que estenderá a súa circunscrición ós municipios de Campo Lameiro, Cerdedo, Cuntis, A Estrada, Forcarei e Moraña; e un terceiro na sede da Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servicios (Emgrobes), sita no Grove, rúa Luis Casais, nº 1, que estenderá a súa circunscrición ós municipios do Grove, Meaño e Sanxenxo.
Os electores que prevexan que na data de votación non poidan exerce-lo seu dereito ó voto comparecendo no colexio electoral, poderán emiti-lo seu voto por correo, de conformidade cos requisitos e o procedemento establecidos no capítulo VII do Decreto 116/1997, do 14 de maio, desenvolto pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 23 de xaneiro de 1998 (DOG do 30 de xaneiro).
De conformidade co establecido no artigo 22 do Regulamento xeral de cámaras, as competencias propias da xunta electoral serán asumidas polo comité executivo desta corporación.
Vilagarcía de Arousa, seis de xullo de dous mil.
Emilio Cores Arenaz
Secretario xeral

