Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.498

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de setembro de 2000 pola que se aproba a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa.

A raza bovina frieiresa toma o seu nome da comarca das Frieiras, sita ó sudoeste de Ourense, de onde é orixinaria, concretamente nos municipios da Mez

quita, A Gudiña, Riós e Vilardevós, chegando ás aldeas de Hermisende e A Teixeira da provincia de Zamora.

É unha raza que presenta boas características de rusticidade, facilidade de manexo e mansedume, o que a fixo e aínda a fai moi apreciada para o traballo agrícola. Hoxe en día a súa explotación está orientada á producción de carne de gran calidade. Está perfectamente adaptada ó medio en que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais pastables conxuntamente coas outras razas bovinas autóctonas que constitúen o denominado grupo das morenas galegas, colaborando no mantemento e control da biomasa forestal favorecendo a biodiversidade vexetal e o embelecemento do contorno paisaxístico.

A nova PAC prevé medidas encamiñadas ó desenvolvemento sostible dos bosques, ó mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos insumos e á conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sostible que respecte as esixencias ambientais.

A tendencia dos gandeiros á intensificación das súas explotacións na procura de maiores rendementos fixo que se potencien razas máis especializadas para a producción cárnica, o que puxo en perigo a pureza racial da raza frieiresa.

O Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, actualizado polo Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, contén a relación das razas autóctonas de protección especial das especies bovina, ovina, caprina, porcina e equina, onde se inclúen aquelas razas gandeiras en perigo de extinción, entre elas a raza bovina frieiresa.

O Real decreto 420/1987, do 20 de febreiro, sobre selección e reproducción de gando bovino de razas puras, adapta a normativa comunitaria en aspectos tales como a inscrición de gando bovino nos libros xenealóxicos e os requisitos que se deben esixir para o recoñecemento de asociacións ou agrupacións de criadores de gando bovino, facultando as comunidades autónomas para a organización, desenvolvemento e control das ditas actividades no ámbito das súas respectivas competencias.

O Real decreto 997/1999, do 11 de xuño, sobre fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción, establece as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas polas comunidades autónomas, para a promoción e defensa das razas autóctonas españolas en perigo de extinción, coa finalidade de evita-la súa desaparición.

Dado o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico que supón para Galicia a recuperación, conservación e o fomento da raza bovina frieiresa, resulta procedente o establecemento da regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa, que figura no anexo da presente orde e que será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

A partir da data de publicación da presente orde quedarán inscritos nos distintos rexistros, segundo corresponda, do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa, tódolos exemplares existentes inscritos no Rexistro Provisional da raza que ata o momento levou a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, no Pazo de Fontefiz, Coles, na provincia de Ourense.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o axeitado cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO

Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa

1º Levanza do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa.

Non obstante, cando a Asociación de Criadores de Gando de Raza Bovina Frieiresa, con recoñecemento oficial, reúna o número de reproductores necesarios e as condicións de infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle encomenda-la levanza á dita asociación. En todo caso, a inspección e intervención do libro xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa constará dos seguintes rexistros:

Rexistro Fundacional (RF).

Rexistro Auxiliar (RA).

Rexistro de Nacementos (RN).

Rexistro Definitivo (RD).

Rexistro de Méritos (RM).

Rexistro de Ganderías (RG).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, así como para o rexistro dunha gandería no correspondente Rexistro de Ganderías, o titular ou representante legal dela deberá solicitalo de forma expresa en impreso normalizado e aprobado para o efecto pola Comisión Rectora de Libro Xenealóxico á Oficina do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frieiresa.

O paso de animais dun a outro rexistro producirase automaticamente segundo o establecido na presente regulamentación.

Como referendo dos rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía da inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que estime pertinentes para aclarar cantos puntos considere necesarios, podendo recorrer, así mesmo, á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

Rexistro Fundacional (RF): neste rexistro estarán inscritos a título inicial os exemplares, machos e femias, sen un ou máis proxenitores rexistrados, que ata o momento da publicación da presente orde formaban parte do Rexistro Provisional que, para tal efecto, se levaba no Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, no Pazo de Fontefiz, Ourense, e que ademais cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que manifesten un grao de desenvolvemento acorde coa idade.

d) Que respondan ó prototipo racial e na cualificación morfolóxica acaden unha puntuación mínima de 65 puntos as femias e de 70 puntos os machos.

e) Que non manifesten eivas ou defectos que dificulten a función reproductora.

O Rexistro Fundacional pecharase ós seis meses da publicación da presente orde.

Rexistro Auxiliar (RA): neste rexistro inscribiranse aqueles exemplares machos e femias, a excepción dos xa inscritos no Rexistro Fundacional, que non

cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Definitivo e que cumpran as seguintes esixencias.

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que respondan ó prototipo racial.

d) Que manifesten un grao de desenvolvemento acorde coa idade.

e) Que na súa cualificación morfolóxica acaden unha puntuación mínima de 65 puntos as femias e de 70 puntos os machos.

f) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

Os exemplares inscritos neste Rexistro Auxiliar permanecerán no mesmo durante toda a súa vida. O período de inscrición neste rexistro manterase aberto en tanto o considere procedente a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Rexistro de Nacementos (RN): inscribiranse as crías de ámbolos dous sexos nadas de proxenitores inscritos nos distintos rexistros, sempre que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que a declaración da cubrición ou da inseminación artificial fose remitida á Oficina do Libro Xenealóxico antes de transcorridos seis meses de xestación.

c) Que o nacemento fose comunicado na dita oficina antes de transcorridos dez días post-partum e que a cría fose identificada de acordo coa lexislación vixente.

d) Que non manifeste defectos que lle impidan a súa ulterior utilización como reproductor.

e) Que posúa os caracteres étnicos descritos para a raza, en ausencia de defectos de descualificación.

f) Que o control de cubrición das nais ofreza as suficientes garantías, a xuízo da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Os animais inscritos neste rexistro estarán nel ata o seu traslado ó Rexistro Auxiliar ou ó Rexistro Definitivo, segundo corresponda, despois de seren cualificados aptos pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Definitivo (RD): poderán inscribirse nel os exemplares, machos e femias, procedentes do Rexistro de Nacementos que teñan alomenos inscritos os seus catro avós, que sexa aprobada a súa

inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que obtiveran unha cualificación morfolóxica mínima de 65 puntos as femias e 70 puntos os machos.

d) Que respondan ó prototipo racial.

g) Que teñan un grao de desenvolvemento no momento da cualificación morfolóxica en concordancia coa idade.

h) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

A permanencia dos exemplares neste rexistro estará condicionada ós resultados que se aprecien no control da súa descendencia; serán dados de baixa no libro xenealóxico en caso de influencia desfavorable.

Igualmente causarán baixa tódolos reproductores machos e femias, e a súa descendencia, cando poidan apreciarse neles condicións hereditarias de baixa fertilidade, fecundidade ou deficientes cualidades maternais.

Rexistro de Méritos (RM): inscribiranse neste rexistro aqueles animais procedentes do Rexistro Definitivo que polas súas especiais características xenealóxicas, morfolóxicas e productivas así o merezan e sexa aprobada esta inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico. Este rexistro constará de dúas seccións femias e machos, podendo os inscritos ostenta-los seguintes títulos:

Sección femias: accederán a esta sección aquelas reproductoras que acadasen os seguintes niveis selectivos:

a) Que acadaran no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 80 puntos (máis que bo).

b) Teren acadado un termo medio de tres crías en catro anos consecutivos desde o comezo da súa función reproductora.

c) Teren verificado o primeiro parto antes dos tres anos de idade.

d) Contaren cun mínimo de cinco descendentes inscritos no Rexistro de Nacementos, dos cales dous deberán estar inscritos no Rexistro Definitivo.

Estas femias obterán o título de «vaca de mérito».

Sección machos: accederán a esta sección aqueles machos reproductores que procedan de vaca de mérito e que acadasen os seguintes niveis selectivos:

a) Teren acadado no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 85 puntos (moi bo).

b) Contaren con vinte descendentes inscritos no Rexistro de Nacementos e deles 10 inscritos no Rexistro Definitivo.

Estes machos obterán o título de «boi de mérito».

Boi mellorante probado: é a máxima distinción que pode concederse a un semental bovino e outorgarase ós exemplares que superen os niveis de esixencias técnicas previstos nas probas de descendencia que se establezan.

Os animais que acaden o título de boi mellorante probado ingresarán directamente, de non o estaren xa, no Rexistro de Méritos.

Rexistro de Ganderías (RG): para o rexistro de animais no libro xenealóxico é obriga previa que a gandería á que pertenzan figure inscrita no Rexistro de Ganderías de criadores da raza bovina frieiresa. A cada gandería asignaráselle un código identificativo para efectos do libro xenealóxico. Este código está composto como segue: os dous primeiros caracteres serán as siglas «FS», identificativas da raza frieiresa; os tres seguintes caracteres serán numéricos e corresponderán á orde correlativa de inscrición no citado Rexistro de Ganderías de modo que á primeira lle corresponderá o número «001», á segunda o «002» etc.; finalmente, os dous últimos caracteres serán as siglas asignadas pola Oficina do Libro Xenealóxico a cada gandería segundo a súa orde de inscrición no Rexistro de Ganderías, de modo que á primeira gandería lle corresponderán as siglas «AA», á segunda «AB» e así sucesivamente.

3º Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, coa composición e cometidos:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa en quen delegue.

b) Inspector director técnico: o director do Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, sito no Pazo de Fontefiz, Coles-Ourense.

c) Secretario: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa en quen delegue.

d) Vocais:

-Un técnico cualificador da raza nomeado para o efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O presidente da Asociación de Criadores de Gando Bovino da Raza Frieiresa, recoñecida oficialmente pola autoridade competente, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan no normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puidesen presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que se consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos precisos para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

4º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e, en todo caso, sempre cumprindo a normativa vixente.

5º Prototipo da raza bovina frieiresa.

O prototipo ó que deben responde-los exemplares da raza bovina frieiresa para a súa inscrición no libro xenealóxico é o que a continuación se detalla:

5.1. Aspecto xeral.

A raza bovina frieiresa agrupa animais de tamaño medio a grande, de perfil subcóncavo a cóncavo. Presentan proporcións lonxilíneas, con tendencia á convexidade das masas musculares.

O peso medio é de 600 kg para as femias e de 860 kg para os machos e a alzada media á cruz é de 131 cm para as femias e de 141 cm para os machos.

5.2. Caracteres rexionais.

a) Cabeza. Pequena e curta. Testa saínte. Fronte e morro anchos que lle dan á cabeza un aspecto chato. Beizos grosos. Cornos longos dirixíndose cara adiante e cara abaixo, terminando en alto e coas puntas lixeiramente cara a fóra, de coloración clara e coas puntas escurecidas. Órbitas destacadas. Orellas longas, horizontais e peludas.

b) Pescozo. Delgado, badana discreta en femias e xugueira lixeiramente desenvolta en machos.

c) Tronco. Longo e harmónico. Cruz lixeiramente saínte, dorso e lombo anchos, ás veces algo deprimidos. Dorso enselado. Peito amplo, tórax profundo, costelares arqueados e ventre de gran capacidade. Cruz dos cadrís ampla e lixeiramente derrubada co sacro elevado e horizontal.

d) Extremidades. De lonxitude media, asentadas e ben apromadas e pezuños duros.

e) Sistema mamario. Bo tamaño do ubre, con tetos de implantación correcta, coa pel fina e engraxada.

f) Capa. Castaña lavada, máis escura nos machos e máis clara nas crías. Escurecemento en cara, pescozo, papada, antebrazo e rexión ventral. Fociño rodeado da auréola branca. Mucosas visibles e bordes palpebrais pigmentados en negro. O pelo longo e abundante na rexión frontal dá orixe a unha guedella rubia dourada característica, sobre todo en machos. Pelo moi abundante na borla do rabo.

g) Alzada. Os rangos de alzada á cruz, á metade do dorso e á cruz dos cadrís son entre 128 e 145 cm, 125 e 140 cm e 133 e 150 cm respectivamente para as femias e entre 131 e 156 cm, 126 e 151 cm e 136 e 161 cm respectivamente para os machos.

5.3. Defectos obxectables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos obxectables os seguintes:

a) Defectos de asentamento das extremidades non moi destacables.

5.4. Defectos descualificables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos descualificables os seguintes:

a) Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado.

b) Cornos rudimentarios ou mal orientados.

c) Anomalías nos órganos xenitais, principalmente monorquidia e criptorquidia.

d) Desenvolvemento corporal non acorde coa idade.

6º Cualificación morfolóxica.

A cualificación morfolóxica dos exemplares será efectuada por técnicos validados con tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

A cualificación morfolóxica realizarase mediante apreciación visual e polo método dos puntos, no que o seu detalle servirá para xulgar comparativamente o valor dun exemplar determinado.

Cada rexión corporal cualificarase asignándolle de 1 a 10 puntos, segundo a seguinte escala:

ClasePuntos

Excelente10

Moi bo9

Máis que bo8

Bo6-7

Suficiente4-5

Insuficiente'4

A adxudicación de menos de catro puntos a calquera das rexións que se valoren será causa para descualifica-lo animal, sexa cal for a puntuación acadada nas restantes.

Os caracteres que se tomarán en consideración son os que a continuación se relacionan, con expre

sión para cada un deles do coeficiente de ponderación. Os puntos que se asignen a cada un dos ditos aspectos multiplicaranse polo coeficiente correspondente, resultando así a puntuación definitiva.

Caracteres a cualificarCoeficientes

Aspecto xeral (desenvolvemento, proporción e peso) 2.00

Pel e pelo (pigmentación)1.50

Cabeza2.00

Tórax e pescozo0.50

Costas0.50

Dorso e lombo1.00

Cruz dos cadrís1.00

Ventre e xenitais0.50

Extremidades e marcha1.00

TOTAL10.00

Obtida deste modo a puntuación final, os exemplares quedarán clasificados segundo as seguintes denominacións:

ClasificaciónPuntos

Excelenteo90

Moi boo85 e '90

Máis que boo80 e '85

Boo75 e '80

Aceptableo70 e '75

Suficienteo65 e '70

Os animais con puntuación inferior a 65 puntos estímanse rexeitados.