Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.502

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 251/2000, do 5 de outubro, polo que se regula a formación inicial e continua do persoal non médico que o capacite para o uso do desfibrilador semiautomático externo.

O Decreto 172/1999, do 27 de maio, polo que se autoriza a constitución da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como institución pública dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, encargada da coordinación e regulación da atención sanitaria urxente extrahospitalaria na Comunidade Autónoma galega, destaca entre as súas finalidades no artigo 5 na letra a) «a xestión e coordinación das demandas de asistencia sanitaria en casos de emerxencia ou urxencia», na letra b): «a xestión e coordinación do transporte sanitario urxente de soporte vital básico e avanzado» e na letra i): «a formación e investigación en materia de coordinación e asistencia sanitaria urxente, tanto do seu persoal como da poboación e dos profesionais».

Neste contexto cabe destaca-la patoloxía coronaria aguda, pola súa incidencia, entre as situacións de emerxencia que comportan riscos vitais, na que podemos diminuí-la mortalidade cun tratamento rápido e eficiente. Na síndrome coronaria aguda, e, en relación coas arritmias mortais, a fibrilación ventricular ou a taquicardia ventricular sen pulso, está recoñecido cientificamente que o único tratamento específico é a chamada desfibrilación eléctrica, consistente na aplicación dunha descarga eléctrica no peito do paciente.

Para consegui-la máxima supervivencia dos pacientes que padecen unha arritmia cardíaca destas características debemos, en primeiro lugar, identificala e, en último termo, que sexa tratada tan pronto como sexa posible, con carácter inmediato.

Os desfibriladores semiautomáticos externos son uns dispositivos médicos que permiten o mencionado tratamento específico e inmediato, e a súa utilización é común en varios países da Unión Europea, nos Estados Unidos de Norteamérica e noutros países. Mediante a capacidade destes aparellos para identificar sen fallos as arritmias, e para administra-la descarga eléctrica só cando se detecta o ritmo cardíaco tributario de desfibrilación, conséguese a identificación e o tratamento requirido sen necesidade de ter que espera-la intervención dun médico, cousa que permite salvar moitas vidas no ámbito extrahospitalario; feito, obviamente, dunha grande importancia.

Os traballos científicos de investigación demostraron a utilidade destes aparellos nos programas de atención sanitaria inmediata realizados polo persoal non sanitario, e por iso a comunidade científica internacional, encabezada pola American Heart Association (AHA) e o European Resuscitation Council (ERC), está promovendo a formación xeneralizada deste persoal no uso dos desfibriladores semiautomáticos externos e a súa implantación en lugares de toda clase (vehículos das forzas de orde pública, vehículos de transporte público, aeroportos, estacións, centros comerciais, escolares, locais de recreo e espectáculos, centros deportivos e instalacións de tipo diverso nas que se producen concentracións importantes de persoas), ademais das propiamente sanitarias (ambulancias e vehículos de transporte sanitario, centros sanitarios...), sempre baixo o control e coordinación do sistema de emerxencias médicas de cada país ou rexión.

Por iso, no marco do Decreto 172/1999, do 27 de maio, faise imprescindible regula-la utilización dos desfibriladores semiautomáticos externos por persoal non médico, na liña do que xa fixeron outros países da Comunidade Europea, dado os beneficiosos efectos que comporta esta utilización en situacións de emerxencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de outubro de dos mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten como obxecto a regulación da formación, inicial e continua, do persoal sinalado no artigo segundo, para capacitalo na utilización do desfibrilador semiautomático externo na atención a pacientes que sufriran unha parada cardíaca.

Enténdese por «desfibrilador semiautómatico externo» aquel dispositivo médico consistente na aplicación dunha descarga eléctrica no peito dos pacientes que padecen arritmias cardíacas mortais.

Artigo 2º.-Persoal que pode acceder a esta formación.

Poderán acceder á formación que regula este decreto: enfermeiros, fisioterapeutas, auxiliares de clínica, técnicos en transporte sanitario con título de capacitación, celadores, forzas da orde pública e socorristas en posesión do certificado de formación en primeiros auxilios.

Artigo 3º.-Desenvolvemento do programa de formación.

O programa de formación en soporte vital básico e desfibrilación semiautomática externa, regulado no anexo deste decreto, será coordinado para toda a Comunidade Autónoma galega pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por delegación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O programa de formación basearase no curso de desfibrilación semiautomática externa para o persoal dos servicios de emerxencia e primeiros intervenientes, segundo o modelo do European Resuscitation Council, previamente acreditado e coa normativa de avaliación determinada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Os equipos formadores deberán estar debidamente recoñecidos por esta entidade e deberán estar integrados por instructores e monitores de soporte vital, recoñecidos polo European Resuscitation Council ou a American Heart Association e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 4º.-Material pedagóxico.

A dotación mínima en material pedagóxico en cada centro de formación estará composta por un manequín que permita a práctica de manobras de soporte vital básico, incluíndo a liberación da vía aérea, a ventilación artificial e a masaxe cardíaca externa, así como a utilización dun desfibrilador semiautomático externo.

Así mesmo, utilizaranse os manuais e material audiovisual tales como vídeos, diapositivas e similares elaborados e publicados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 5º.-Probas.

Os participantes no curso de formación deberán realizar un exame de carácter teórico, así como unha proba de tipo práctico, que inclúa a partir do estudio dun caso, o recoñecemento e identificación dunha parada cardíaca e o inicio de manobras de soporte vital básico, o uso do desfibrilador semiautomático externo para a análise electrocardiográfica, a aplicación da desfibrilación e, ocasionalmente, o estudio das reaccións do operador ante unha anomalía de funcionamento.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 fixará as datas do exame e designará os centros onde se realizarán as probas.

Artigo 6º.-Tribunal de avaliación.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 establecerá, en cada caso, a composición do tribunal de avaliación, que estará integrado por catro persoas cualificadas con experiencia na atención en situacións de emerxencia:

a) Un médico especialista en medicina intensiva ou cardioloxía dun hospital do Servicio Galego de Saúde.

b) Un médico instructor en soporte vital avanzado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

c) Un enfermeiro monitor en soporte vital avanzado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

d) Un técnico en transporte sanitario urxente que desempeñe o seu traballo nas ambulancias do 061.

Estas persoas deberán estar en posesión dun certificado de superación do curso de formación para a utilización dun desfibrilador semiautomático externo con plena validez.

Artigo 7º.-Certificado de formación.

Expediráselle un diploma oficial da Xunta de Galicia para a utilización do desfibrilador semiautomático externo por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a cada un dos candidatos que superen con éxito as diferentes probas.

Esta certificación terá validez dun ano e deberá ser renovada anualmente conforme as condicións previstas no artigo seguinte.

Artigo 8º.-Renovación do certificado.

A renovación do certificado de formación para a utilización do desfibrilador semiautomático externo obterase mediante a superación das probas dos cursos de reciclaxe anuais (cun mínimo de catro horas de reciclaxe anuais e cun programa que figura no anexo), segundo os estándares establecidos en cada

momento polo European Resuscitation Council, logo de recoñecemento por parte da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A non superación dos cursos de reciclaxe, ou a non participación nestes, incapacitará a persoa para o uso dos aparellos de desfibrilación semiautomática externa ata a superación dos citados cursos, véndose obrigado a obter de novo o certificado de acreditación básica en caso de non supera-lo exame.

Artigo 9º.-Supervisión deste persoal.

Os desfibriladores semiautomáticos externos só poderán ser utilizados polas persoas que posúan o correspondente certificado de formación, inicial ou continua dentro do cadro de servicios médicos ou baixo a coordinación do sistema médico de emerxencias da Comunidade, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, baixo a responsabilidade dun médico que garanta o bo funcionamento e o bo uso del, garantindo un soporte vital avanzado inmediato.

Artigo 10º.-Base de datos.

Os nomes das persoas que exercen na comunidade e que cumpren as condicións de competencia e formación definidas no artigo sétimo figurarán na base de datos actualizada da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que será a responsable de coordina-lo cumprimento do plan de formación continuada destas persoas. Todo isto conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición transitoria

Única.-O primeiro tribunal de avaliación que se constitúa conforme o artigo 6 deste decreto estará formado unicamente por persoal médico acreditado como instructor en soporte vital avanzado polo European Resuscitation Council.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Programa de formación inicial e continuada do persoal non médico con capacidade para utiliza-lo desfibrilador semiautomático externo

1. Formación inicial.

Esquema do contido e tempo para 18 alumnos.

1. Introducción. (30 minutos).

-Historia.

-Defini-lo problema da PCR na poboación.

-Concepto de cadea de supervivencia.

-Importancia desfibrilación precoz.

-Experiencias noutros países. Experiencia na nosa Comunidade.

-Resalta-lo papel do primeiro interveniente na cadea de supervivencia. «Os seus actos salvan vidas e cerebros».

-Responsabilidade.

2. RCP básica. Recordo. (30 minutos).

-Anatomía e electrofisioloxía básica do corazón. PCR de orixe cardíaca. FV, TV, asistolia.

-Signos e síntomas da PCR.

-RCP básica.

3. Coñecemento teórico do DESA (30 minutos).

-Comprensión. ¿Que é? ¿Para que serve?; protocolos para a súa utilización.

-Control. Rexistro de eventos e voz.

-Seguridade. Para o paciente e para o operador.

-Resolución problemas frecuentes: obesos e mamas grandes, delgados, FV reincidente, MP definitivo implantado, reanimador único.

4. Práctica A (90 minutos).

-Coñecemento do desfibrilador semiautomático externo (DESA). (45 minutos, incluíndo vídeo de 10 minutos).

-Práctica vía aérea: boca-boca, Ambú, Pocket Mask. Osíxeno suplementario. Desobstrucción vía aérea. (45 minutos).

-6 alumnos.

5. Práctica B (90 minutos).

-SVB con 2 rescatadores.

-15 minutos por alumno. 6 alumnos.

6. Práctica C (90 minutos).

-Adestramento con aplicación combinada SVB e DESA con equipos de 2 rescatadores (tódolos alumnos deben ser líderes e acompañantes).

Obxectivo <90 sg.

-15 minutos por alumno. 6 alumnos.

7. Mantemento do DESA e recollida de datos (Utstein). (30 minutos).

8. Avaliación.

-Teórica. (15 minutos).

-Práctica: tres profesores en tres clases simultaneamente a 10 minutos por alumno= 60 minutos. Tódolos alumnos deben ser líderes e acompañantes.

-Avaliación curso/profesores. (15 minutos).

9. Clausura do curso.

2. Formación continuada.

Catro horas distribuídas nun ano.

O mesmo programa que o da formación inicial.