Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 30 de outubro de 2000 Páx. 14.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 260/2000, do 13 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de E.P.-0514 de Arteixo a Caión do p.k. 0 ó 5,16 ampliación e mellora do trazado e seguridade vial (POL 98 Adicional 3).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 25 de setembro de 1998, aprobou o proxecto de E.P.-0514 Arteixo a Caión do p.k. 0 ó 5,16 ampliación e mellora do trazado e seguridade vial (POL 98 Adicional 3) e na sesión do 26 de maio de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data 28 de setembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque existen razóns que fan necesaria a urxente execución das citadas obras, tal como o pavimento das estradas, o largo da calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, a intensidade media do tráfico, circulación de vehículos pesados e puntos negros e evitar deste xeito o risco de accidentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de E.P.-0514 Arteixo a Caión do p.k. 0 ó 5,16 ampliación e mellora do trazado e seguridade vial (POL 98 Adicional 3).

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais