Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 08 de novembro de 2000 Páx. 15.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2000 pola que se modifica a do 19 de maio de 1999 que autorizaba o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico, denominado leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia.

No Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan a hemodoazón, hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia (DOG nº 197, do 5 de outubro), establécese, sen prexuízo da observancia do principio de gratuidade do sangue e os seus compoñentes, que os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados serán facturados polos centros de transfusión de Galicia e os bancos de sangue en todo caso, e incluso os hospitais ós que estean adscritos.

No Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 213, do 4 de novembro), tamén se establece que o Centro de Transfusión de Galicia lles facturará ós hospitais os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados. Os ingresos derivados das actividades propias do Centro de Transfusión de Galicia estarán exclusivamente vinculados á satisfacción dos seus custos e ó cumprimento dos seus fins.

Neste sentido, por resolución da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 5 de abril de 1994 autorizábase o carácter retribuído da prestación de servicios hemoterápicos polo Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 75, do 20 de abril), establecendo por primeira vez na nosa comunidade tarifas por prestación de servicios hemoterápicos.

No Diario Oficial de Galicia do 8 de xuño de 1999 (DOG nº 108) publicábase a Resolución do 19 de maio de 1999 pola que se autorizaba o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico, denominado leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, polo Centro de Transfusión de Galicia.

Na reunión do Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia do 28 de xuño de 2000 acordouse por unanimidade a modificación da tarifa polo servicio hemoterápico leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos.

Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (DOG nº 161, do 19 de agosto), correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a comunidade e as cantidades que a fundación perciba por eles

non excedan do custo real do servicio ou actividade prestados.

Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vista a memoria xustificativa presentada pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la modificación da Resolución do 19 de maio de 1999 pola que se autorizaba o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico, denominado leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, polo Centro de Transfusión de Galicia de acordo cos importes que se determinan no anexo.

Segundo.-As tarifas aprobadas aplicaranse como un suplemento que se engadirá á tarifa vixente de cada un dos compoñentes sanguíneos sometidos a proceso de leuco-reducción por filtración.

Terceiro.-Queda derrogado o anexo da Resolución do 19 de maio de 1999 pola que se autorizaba o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico, denominado leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, polo Centro de Transfusión de Galicia.

Cuarto.-Esta resolución entrará en vigor a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2000.

José María Hernández Cochón

ANEXO

Importe que percibirá a Fundación Centro de Transfusión de Galicia pola prestación dos servicios hemoterápicos:

-Leuco-reducción por filtración de plaquetas: 6.200 pesetas.-Leuco-reducción por filtración de hemacías: 4.500 pesetas.