Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 08 de novembro de 2000 Páx. 15.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de outubro de 2000 pola que se regula a integración do persoal contratado laboral fixo das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde procedentes das irmandades de doadores de sangue como consecuencia da integración aprobada polo Decreto 201/1994, do 16 de xuño, de integración do persoal contratado laboral fixo das irmandades de doadores de sangue nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Consonte os principios establecidos na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que configuran a existencia dunha sanidade integral, e ó abeiro da Lei 1/1989, de creación do Servicio Galego de Saúde, organismo que abrangue a xestión da totalidade dos centros e servicios hospitalarios da Comunidade Autónoma galega, levouse a cabo por Decreto 201/1994, do 16 de xuño, a integración do

persoal contratado laboral fixo das irmandades de doadores de sangue da Comunidade Autónoma galega nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde nas que viñan exercendo as súas funcións.

O persoal integrado caracterízase por unha vinculación xurídica de carácter laboral, diferente da que conforma o persoal do Servicio Galego de Saúde, que é de carácter estatutario. Por tal motivo, estase a produci-la convivencia de clases distintas que, dada a súa diferente regulamentación, deveñen un conxunto de situacións xurídicas diversas, cos conseguintes problemas de xestión e organización do traballo.

As diferencias existentes entre os colectivos fan necesaria a súa homologación e integración funcional na rede sanitaria na procura da concordia imprescindible que garante unha convivencia pacífica e ordenada entre o persoal dos centros debidamente cohonestada coa organización do traballo, tal previsión vén explicitamente recollida na disposición transitoria quinta da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro,

do Servicio Galego de Saúde na redacción dada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo.

Para tal fin, logo da negociación coas organizacións sindicais lexitimadas, publícase o Decreto 447/1996, do 26 de decembro (DOG nº 148, do 7 de xaneiro de 1997), polo que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, do persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

Na disposición derradeira do citado decreto facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o seu desenvolvemento e execución, e dicta-las disposicións que formalicen os procesos de homologacións que afecten os distintos colectivos de persoal citados, coa secuencia temporal que considere conveniente.

Esta orde posibilita, dentro do marco normativo exposto e con opción voluntaria, a integración do persoal contratado laboral fixo procedente das irmandades de doadores de sangue integrados nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, como consecuencia das previsións contidas no Decreto 201/1994, do 16 de xuño, nos réximes estatutarios, sen afectación nin menoscabo dos dereitos normativamente recoñecidos.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

O persoal contratado laboral fixo procedente das irmandades de doadores de sangue que preste servicios nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, que xa estea integrado nelas como consecuencia do réxime de opción regulado polo Decreto 201/1994, do 16 de xuño, poderá integrarse no correspondente réxime estatutario do persoal das institucións sanitarias do Sergas, como consecuencia da integración establecida no Decreto 201/1994, do 16 de xuño, nos termos e condicións que se establezan nesta norma, sempre que reúna os requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente e que á súa entrada en vigor se encontre nalgún dos supostos seguintes:

a) En situación de activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso. Neste suposto a integración efectuarase na situación de

excedencia voluntaria e a posterior situación de activo obterase de conformidade co previsto na Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de Saúde. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se estableza nesta norma.

Artigo 2º

O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 7º desta disposición integrarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, segundo as características da praza orixinaria e a estatutaria de referencia.

Para tal efecto, establécese unha táboa de correspondencia como anexo I, na que se relacionan as categorías orixinarias laborais e as correlativas estatutarias.

Non obstante, ó persoal que desempeñe postos de traballo de xefaturas adquiridas en virtude de concurso ou libre designación, expediráselle un nomeamento adicional no posto equivalente de carácter estatutario no momento da integración. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición ó ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

Ó persoal que resulte homologado nos réximes estatutarios da Seguridade Social respectaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que teña á entrada en vigor desta orde, aínda que os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto na disposición 2ª.2 do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable, segundo o disposto no Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

Artigo 3º

O persoal que resulte homologado ó réxime estatutario integrarase no estatuto que resulte de aplicación, segundo o grupo e categoría á que pertenza, dentro dos tres existentes para o persoal estatutario nas institucións sanitarias do Sergas: Estatuto xurídico de persoal médico, Estatuto de persoal sanitario non facultativo e Estatuto de persoal non sanitario.

O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

Artigo 4º

Ó persoal que, tendo efectuada a opción de integración, percibise retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Sergas, recoñeceráselle un complemento persoal transitorio consistente na diferencia de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora

retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

De conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e na disposición transitoria primeira do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo do complemento persoal transitorio non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, complemento de nocturnidade, complemento de perigosidade, penosidade ou toxicidade e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas, ata a data en que remate o prazo de presentación de instancias do artigo 7º.

Artigo 5º

Ó persoal que non se integre nos estatutos do persoal da Seguridade Social respectaráselle o réxime económico e xurídico que se derive do seu contrato de traballo e das disposicións laborais de pertinente aplicación, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

Respecto das lagoas que se produzan na regulación deste colectivo laboral, aplicarase por analoxía o Estatuto de persoal da Seguridade Social relativo ó grupo e categoría de persoal equiparable.

A prestación de servicios deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento das institucións sanitarias do Sergas.

Así, deste xeito, imbricarase en plena harmonización na estructura e organización de traballo dos centros sanitarios, debidamente cohonestado co resto do persoal que presta servicios sometido ó réxime estatutario.

Artigo 6º

O persoal laboral que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na súa categoría.

Artigo 7º

Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 1º, o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da entrada en vigor desta orde, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II.

Os que non formulen opción expresa de integración entenderase que optan pola situación prevista no artigo 5º.

As solicitudes, debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos do Sergas, podéndose presentar ante

a dita división, ante a Dirección Provincial do Sergas correspondente ou ante a oficina de rexistro da correspondente institución sanitaria, sen prexuízo do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O persoal que realice a opción presentará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, se é o caso, do libro de escolaridade, segundo os requisitos de titulación académica esixidos para a categoría estatutaria na que se homologuen.

Artigo 8º

As opcións serán resoltas pola División de Recursos Humanos no prazo máximo dun mes desde que remate a presentación de instancias para formula-la opción de integración. O anteriormente exposto enténdese sen prexuízo do disposto no inciso final do artigo 1º desta orde.

Disposicións adicionais

Primera.-Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios consideraranse amortizados e reconvertidos, nos que determina para cada caso a táboa de homologacións que se inclúe no anexo I desta orde.

As vacantes que se produzan de persoal laboral que non se integren nos réximes estatutarios da Seguridade Social e que non estean afectados polas situacións previstas no artigo 1º B desta disposición, declararanse a extinguir para a súa amortización ou, se é o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Sergas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Persoal das irmandades de doadores de sangue

VínculoPosto de traballo do persoal das

irmandades de doadores de sangue

Categoría básica estatuta-

ria de homologación

LATS de II.SS.ATS

LAux. administrativo de II.AA.Auxiliar administrativo

LConductorConductor

LAdministrativo de II.AA.Grupo administrativo