Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 18 de xuño de 2001 Páx. 8.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de xuño de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Deporte Galego.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Deporte Galego, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Crisanto Jesús Lamela Rozas, en calidade de secretario da fundación, en escrito do tres de maio de 2001 formulou unha solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día cinco de maio de 2001, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número oitocentos vintecinco do seu protocolo, por Eduardo Lamas Sánchez, Ramón Brigos Fernández, Crisanto Jesús Lamela Rozas, Luis Pena Neira e Óscar Estanislao Cacheiro Rocha; interveñen Eduardo Lamas Sánchez en nome propio e, no exercicio do seu cargo, en nome e representación da Xunta de Galicia; os restantes comparecentes interveñen en nome propio.

3. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a afección do seu patrimonio á realización de fins deportivos de interese galego, no ámbito sectorial e territorial a que a súa denominación e fins se contraen, e a promoción da práctica deportiva de interese galego na Comunidade Autónoma de Galicia e a xestión de instalación deportivas.

4. O padroado da fundación estará composto por Eduardo Lamas Sánchez como presidente, Ramón Brigos Fernández como vicepresidente, Crisanto Jesús Lamela Rozas como secretario, e Óscar Estanislao Cacheiro Rocha e Luis Pena Neira como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Deporte Galego, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia

exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto leais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 5 de xuño de 2001.

Vista a Consituitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Deporte Galego e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil un.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública