Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 18 de xuño de 2001 Páx. 8.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xuño de 2001 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos que rematen os seus estudios universitarios no ano 2001, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universalidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos das universidades galegas que rematen os seus estudios no ano 2001.

O obxecto desta acción é facer un recoñecemento expreso da excelencia académica daqueles estudiantes matriculados no curso académico 2000/2001 en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamento xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha contía máxima 22.000.000 de pesetas.

Artigo 3º.-Contía.

Concederáselle un premio ó mellor expediente académico por cada carreira cursada en escolas universitarias, facultades ou escolas técnicas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os que resulten premiados recibirán:

* Un diploma acreditativo desta distinción.

* Unha contribución en metálico de 400.000 pesetas.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2000/2001.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes segundo o modelo ED 415A que se publica como anexo á presente orde, asinada polo interesado, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de outubro de 2001 desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Posuíren a nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

-Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 2,7 puntos, para alumnos de facultades e escolas universitarias; e 2 puntos, para alumnos de escolas universitarias técnicas e escolas técnicas superiores.

-Teren rematada a carreira no ano 2001.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do DNI.

b) Certificación académica persoal con especificación das convocatorias ou copia compulsada dela. En caso de validación, deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe. Os que accedan ó segundo ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación ou complementos de formación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán achegar, ademais da certificación académica correspondente ó curso de adaptación ou dos complementos de formación, 4º e 5º cursos, así como a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

c) Breve currículum vitae, no que se indiquen, se é o caso, os premios, bolsas, etc.,que lle foran concedidos e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 8º.-Selección.

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función do expediente académico e do currículum presentado.

Para os efectos de selección, a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+...)/C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1=número de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=número de convocatorias empregadas en cada materia.

A comisión avaliadora poderá ter tamén en conta, para matiza-la proposta, o currículum vitae dos solicitantes e os méritos acreditados.Naqueles casos en que a comisión avaliadora o considere oportuno, po-

derá propoñe-la concesión de accésit (sen dotación

económica), ou deixa-lo premio deserto.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

-Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vicerrector de Estudiantes de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

-Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará como secretario con voz e voto.

Artigo 10º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.xunta.es/CEOUG/DXU/. As listas provisionais estarán expostas desde o día 7 ó 17 de novembro de 2001. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 11º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas na presente orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, farase un pagamento único do premio concedido.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria